Ir ao contido directamente.


Noticias

A feira Cultur.gal acolle hoxe a presentación do novo disco do grupo Malvela

Xénero: Folk | 11 / 5 / 2007 + VIDEO

not_9921.jpg

Con mais de 10.000 discos vendidos entre os dous primeiros albumes o grupo de cantareiras tradicionais Malvela presenta agora o seu terceiro traballo “da miña xanela á túa” (PAI Música). A feira Cultur.gal acolle esta presentación hoxe ás 20 horas no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra. O disco foi gravado de novo nos estudios Casa de Tolos coa produción de Segundo Grandío e Uxía Senlle, madriña do grupo desde que esta formación xurdiu dun curso de canto popular dirixido pola cantante. "da miña xanela á túa" consta dun CD de 15 cancións e dun DVD con dous vídeo clips, un documental, e un "como se fixo".

O Seminario Permanente de Jazz presenta dous novos discos e abre unha colección de carácter internacional

Xénero: Jazz/Blues | 10 / 5 / 2007

not_9924.jpg

Co disco “Jazz in Galiza Series, vol.1” o SPJ de Pontevedra abre a través do selo Freecode Jazz Records unha nova colección de discos que recollerá as actuacións dos grandes músicos internacionais que interveñen no ciclo de Jazz no Principal. Neste primeiro CD de Jazz in Galiza pódese escoitar a actuación de Paco Charlín e Abe Rábade, mestres do seminario, acompañando ao saxofonista John O´Gallagher e ao batería Jeff Williams. Membros do SPJ acompañados pola concelleira María Xesús López presentaron este disco así como “May´s idea” da Ten Jazz Men, primeira gravación dunha mini banda de dez músicos alumnos do seminario, os temas do disco teñen arranxos de Abe Rábade.

Máis información en La Voz de Galicia

Edítase o disco coa música do espectáculo Engado

Xénero: Fusión | 10 / 5 / 2007 + VIDEO + IMAXES + AUDIO

not_9916.jpg

A música de Engado, o espectáculo co que a Nova Galega de Danza (NGD) está a percorrer o país, sairá a venda o vindeiro día 14 de maio editada por Falcatruada e distribuída por Lonxa Cultural. Trátase de propostas onde a contemporaneidade bebe das raíces da música tradicional e do folk para desenvolver un estilo propio e definido. A equipa musical de NGD está encabezada por Xosé Lois Romero, e conta entre os seus integrantes con Pedro Lamas, Xavier Díaz, ou Suso Iglesias. Tamén está previsto que Falcatruada reedite Alento, un disco de Xosé Lois Romero que desapareceu das tendas hai un ano, e que acompañou a anterior xira de NGD acadando o V Premio Opinión ao mellor disco de 2005.

O son dos órganos dos templos de Santiago nunha nova colección de discos

Xénero: Antiga | 9 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

As gravacións de nove órganos das igrexas da capital galega conformarán nos vindeiros catro anos unha colección de sete discos presentada co gallo do Compostela Organum Festival no que grandes intérpretes tocan estes instrumentos dos templos composteláns. O director da colección, Bruno Forst, abriu como intérprete a edición deste ano o día cinco na igrexa das Ánimas e o concertista Eric Brottier pechará o festival o vindeiro día vinteseis en San Paio de Antealtares. O festival está organizado polo Consorcio de Santiago e a Asociación Musical Berenguela mentres que a colección de discos é un proxecto do Concello en colaboración coa Asociación para a Promoción da Música (ACTUS, que foi a mesma en levar adiante a gravación do Ordo Prophetarum.

Máis información en Compostela Cultura

O Concello creará un centro de documentación para o legado musical da cidade de Vigo

Xénero: Miscelánea | 9 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

O Concello de Vigo encargará un proxecto para crear un Centro de Documentación e Biblioteca Musical do concello, segundo informa hoxe o Diario Metro. O obxectivo deste centro , que estaría posiblemente vinculado ao Verbum, será o de poñer a disposición dos investigadores e cidadáns o legado musical en forma de partituras, arquivos sonoros e outra documentación das entidades e artistas que hai ou houbo na cidade. Neste sentido, segundo indicou o concelleiro de cultura Ignacio López-Chaves, o concello quere traballar coas máis de cen entidades musicais de Vigo para engadir materiais ao proxecto.

Máis información na edición impresa do Diario Metro

As iniciativas de proxección exterior de música galega anuncian un maior recoñecemento internacional dos nosos artistas

Xénero: Miscelánea | 9 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

Do mesmo xeito que noutros ámbitos da nosa cultura, tamén a industria musical está a se implicar nos últimos anos na difusión exterior dos seus produtos. A coincidir coas iniciativas políticas neste sentido, os analistas coinciden na necesidade de exportar para garantir a viabilidade dunha industria cultural. Botamos un ollo sobre como estamos a botar a música para fóra.

As cantareiras Ialma presentan o seu terceiro traballo discográfico

Xénero: Folk | 8 / 5 / 2007 + VIDEO

not_9902.jpg

“Nova Era” é o terceiro traballo discográfico das cinco cantareiras belgo-galegas que forman Ialma. Despois do seu primeiro disco a capela “Palabras darei” (EMI, 2000) e “Marmuladas” (EMI, 2002) o grupo de Verónica Codesal racha así con silenzo que xa ía para catro anos. Na ducia de temas de “Nova Era” mesturan a tradición musical das súas raíces galegas con melodías do pop, de feito o tema que abre o disco é unha versión de “Under the bridge” dos Red Hot Chili Peppers no que colaboran tamén as septuaxenarias cantareiras Damas de Laxoso. O disco conta ademais con colaboracións destacadas como Mercedes Peón e Guadi Galego entre outros.

Maís información no sitio de Ialma

O proxecto Lonxa Cultural quere revolucionar o noso panorama musical optimizando a distribución dos produtos galegos

Xénero: Miscelánea | 7 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

Os novos tempos requiren novas medidas. Coñecido o período de convulsións que vive a industria discográfica, non nos debe sorprender que desde este sector xurdan iniciativas pioneiras para saír adiante. A última proposta chámase Lonxa Cultural, e pretende ser unha distribuidora que, centrada no país, acade darlle visibilidade á nosa música e tirarlle todo o seu potencial comercial.

Preséntase en Barcelona o I Ciclo de Música Galega en Catalunya, "Son Galiza"

Xénero: Miscelánea | 4 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

Mercedes Peóns, Nordestin@s, Berrogüetto ou Nova Galega de Danza son algúns do protagonistas de "Son Galiza", o I Ciclo de Música Galega en Catalunya. O evento, que se desenvolverá entre os vindeiros once e trece de maio, está organizado por Rede.cat, a entidade que agrupa os colectivos galegos neste país, e conta co apoio da Consellaría de Cultura, o Xacobeo, e da Generalitat.

Máis información no web da iniciativa máis sobre cultura galega en Cataluña nos nosos temas

O grupo MEU prepara a gravación do que será o seu segundo disco

Xénero: Rock | 3 / 5 / 2007

not_9876.jpg

Tras da saída do grupo de Ramón Saleta e a posterior entrada de "Dopi" á batería, o vindeiro 21 de maio os integrantes de MEU iniciarán nos estudios madrileños Audiomatic a gravación do que será o seu segundo traballo discográfico despois das boa acollida do seu primeiro traballo "What´s Up" (Rock On). O novo disco, do que aínda non se fixo público o nome, está previsto que saia en setembro deste mesmo ano, comezando inmediatamente a xira de presentación. Con "What’s up" MEU percorreu os escenarios das principais salas da península nunha extensa xira de presentación que tamén os levou por festivais como Primavera Sound, Purple Weekend, Festival do Norte, Cultura Quente, Festus, PopXiriaPop, Granuja Rock, Go Lleida ou Cultura Pop.

<< Inicio / Anterior . 3261 a 3270 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR