Ir ao contido directamente.


Noticias

Convocada a segunda edición do certame de maquetas NovaXove Music dirixido a grupos noveis

Xénero: Miscelánea | 19 / 7 / 2007

not_10364.jpg

Coa presenza e actuación do grupo Stereotipos, gañadores da primeira edición, deuse o disparo de saída da segunda edición do Certame NovaXove Music que está aberto ata o 23 de novembro. O concurso de maquetas convocado por Caixanova conseguiu na súa primeira edición unha participación de máis de cincuenta grupos que espera superar nesta segunda convocatoria. NxMusic ten como obxectivo dar a coñecer e promover a música de artistas e grupos descoñecidos en busca dunha oportunidade. Dentro das súas fases a primeira consiste en que as cancións, colocadas na páxina web de Nova Xove serán votadas polos internautas e tamén por un xurado de expertos musicais. As dúas notas xuntas conformarán a clasificación da que sairán os catro máis votados a un concerto no que o xurado decidirá ao gañador. O premio inclúe a gravación dun disco, xira de promoción e actuación nun festival nacional.

Máis información en NovaXove

O festival Popkomm de Berlín contará cunha ampla representación galega

Xénero: Miscelánea | 19 / 7 / 2007 + VIDEO

not_10362.jpg

Faltriqueira, Berrogüeto e Lamatumbá son os grupos galegos que estarán presentes na décimonovena edición do Popkomm. Unha das citas máis importantes do mundo en materia musical que terá lugar en Berlín do 19 ao 21 de setembro. Grupos, empresas e institucións relacionadas coa música en todo o Estado irán baixo o paraugas da iniciativa “Sounds from Spain”, na que tamén colaborou o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais.

Máis información no web do Popkomm e sobre a política de promoción de festivais na nosa hemeroteca

O concerto de Pontevedra acende máis a polémica sobre o paso de Sabina e Serrat por Galicia

Xénero: Cantautor | 18 / 7 / 2007

not_10354.jpg

Primeiro foi o concerto de Santiago de Compostela, celebrado o pasado sábado 14 de xullo. A organización decidiu cancelalo cincuenta minutos despois de comezar ante o risco de accidentes eléctricos. Un grupo dos 13.000 asistentes usuarios organizáronse a través do blog “Non somos parvos” para reclamar a devolución dos 30 euros que pagaron pola entrada ou obter algún outro tipo de compensación, coa ameaza de emprender accións xudiciais contra a compañía organizadora, Cavea Producciones. Pero os problemas da xira “Dos pájaros de un tiro” dos cantantes Joan Manuel Serrat e Joaquín Sabina continuaron onte en Pontevedra, onde os artistas celebraban outro concerto na Praza de Touros. Un número significativo de persoas con entrada non puideron acceder ao recinto ao pechárense as portas xusto ao inicio do concerto. A decisión provocou escenas de tensión e protesta por parte dos asistentes.

Máis información en La Voz de Galicia; o blog “Non somos parvos”

A OSG grava un disco monográfico dedicado a Joaquín Rodrigo coa guitarrista nipona Kaori Muraji

Xénero: Clásica/Lírica | 17 / 7 / 2007

not_10350.jpg

A Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Víctor Pablo Pérez grava esta semana na Coruña un disco dedicado á música para guitarra do mestre Joaquín Rodrigo coa guitarrista xaponesa Kaori Muraji (Tokio, 1978). Muraji está considerada como unha das máis brillantes intérpretes de guitarra clásica no panorama internacional. Gañadora do Concurso Internacional de Guitarra Leo Brower en 1992, a artista nipona traballa habitualmente con orquestras do prestixio da Japan Philharmonic Orquestra, Orquestra Sinfónica Nacional da RAI, Shanghai Symphony ou a NHK Symphony Orchestra. O disco, que editará a discográfica DECCA, incluirá o documental “Kaori Muraji in Spain” que un equipo de Universal Xapón filma toda esta semana na Coruña.

Máis información no web da OSG

A agrupación Os Folerpas gaña o VIII Memorial Ricardo Portela de Pontevedra

Xénero: Folk | 16 / 7 / 2007

not_10347.jpg

En homenaxe a un dos mestres gaiteiros máis afamados celebrouse en Pontevedra a oitava edición do certame que leva o seu nome. No Memorial Ricardo Portela participaron seis agrupacións de música tradicional chegadas de toda Galicia. Na final, celebrada o sábado na Praza da Verdura, a agrupación compostelá Os Folerpas, na que milita Pablo Carpintero, acadou o primeiro premio desta edición. O segundo e terceiro premios foron para Rédea Solta de Pontevedra e Contracocheno de Vigo respectivamente. O premio especial Seivane foi para a agrupación Os Enxebres de Cacheiras mentres que o especial Ricardo Portela á mellor interpretación dunha peza do gaiteiro homenaxeado foi para os Rédea Solta.

Máis información no blog Malmequer

Preséntanse as novidades do concurso Constantino Bellón e o disco coas gravacións da edición do 2006

Xénero: Folk | 13 / 7 / 2007

not_10337.jpg

O presidente do Ateneo Ferrolán, Eliseo Zaera, e o organizador do certame de gaita Constantino Bellón, Víctor Gabeiras, presentaron as novidades da edición 2007 deste consolidado concurso de gaiteiros e o disco dobre que recolle as interpretacións do ano pasado. Un dos compactos leva a gravación en directo das catro pezas que gañaron o concurso de composición e o outro leva as interpretacións do concurso de solistas gañado por Daniel Bellón. O disco ten unha tiraxe de un milleiro de exemplares que se poñerán á venda e se distribuirán por ateneos e centros galegos no exterior. A décimo sétima edición do certame trae como novidade un aumento importante dos premios en metálico grazas ao apoio conseguido por parte da Consellaría de Cultura, a deputación da Coruña e o Concello de Ferrol.

Máis información no Diario de Ferrol
e sobre as bases do XVII Concurso Constantino Bellón

A Xunta gastará ata sesenta mil euros en gaitas para enviar ás organizacións de emigrantes galegos

Xénero: Folk | 13 / 7 / 2007

imaxe non dispoñible

Ata o venres da semana que ven teñen todos os fabricantes de gaitas para presentar á Xunta as súas ofertas para o subministro de 55 gaitas. O Diario Oficial de Galicia de onte, xoves 13 de xullo, anuncia o concurso público por procedemento aberto e tramitación urxente, para a contratación dunha subministración de 55 gaitas tradicionais galegas pola Secretaría Xeral de Emigración. A adquisición ten un orzamento base de 60.000 euros, o que suporía un máximo de 1.091 euros por gaita e todas deberán entregarse antes do 30 de novembro deste ano.. Segundo informa La Voz de Galicia estes instrumentos están destinados como agasallos ás organizacións de emigrantes galegos no exterior para fomentar entre elas a querenza á nosa música.

Máis información en La Voz de Galicia

O alcalde de Lalín reclama a Cultura que participe no financiamento do Conservatorio Folque

Xénero: Folk | 12 / 7 / 2007

imaxe non dispoñible

Xosé Crespo, alcalde de Lalín, solicitou onte por segunda vez á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural a coparticipación da Xunta de Galicia nos gastos de financiamento do Conservatorio Folque da localidade, fundado no ano 2000. Segundo Crespo, "resúltanos cada vez máis complicado manter un centro único en Galicia no ensino da música tradicional galega". A alcaldía solicita da Consellería de Cultura unha achega de 24.000 euros, que corresponderían ao financiamento da metade do custe anual dos docentes.

Máis información en La Voz de Galicia

Santiago e Vigo presentan os programas de dúas das festas patronais máis importantes de xullo

Xénero: Miscelánea | 11 / 7 / 2007

imaxe non dispoñible

As Festas do Cristo da Victoria en Vigo e as Festas do Apóstolo en Santiago xa teñen programa oficial e pechado. Os dous concellos fixeron público onte cadanseu programa de festexos e celebracións. A aposta polos grandes concertos está moi presente nos dous casos. En Vigo as estrelas do cartel son os británicos Artic Monkeys, Paulina Rubio, Nacha Pop, Manu Chao, Le Punk e os galegos Deluxe e Fon Román. A cantante Soraya abrirá as festas en Santiago nas que tamén actuará a mexicana Julieta Venegas, os cubanos Orishas, Andrés Calamaro acompañado de Fito & Fitipaldis, Estrella Morente, Susana Seivane e tamén actuarán The Ellas, Brath, Álvaro Costas & Hot Band entre a representación galega. Vigo gastará case 900 mil euros nos seus festexos que chegarán ata o día 12 de agosto, mentres que a capital ten un orzamento superior aos 600 mil euros para a súa programación que remata co mes de xullo.

Máis información no Concello de Vigo
e no Concello de Santiago

Os concertos pechan esta fin de semana a décima edición do “Cultura Quente” de Caldas

Xénero: Alternativa | 11 / 7 / 2007

not_9947.jpg

Levan case quince días de actividades pero o prato forte do “Cultura Quente” aínda ten lugar esta fin de semana. Será cando a carballeira desta vila pontevedresa se encha de música con grupos como Asian Dub, Fancy, Sex Museum ou Gong Gong. En total uns vinte grupos ofrecerán o mellor do seu repertorio para animar un festival que cumpre este ano dez edicións.

Máis información no sitio web

<< Inicio / Anterior . 3111 a 3120 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR