Noticias
A soprano Laura Alonso presenta en Vilagarcía o seu terceiro disco en galego
Xénero:
| 14 / 8 / 2007Lua descolorida é o terceiro disco en galego da soprano Laura Alonso. Un concerto esta noite en Vilagarcía servirá para presentar esta obra, que inclúe obras do compositor Antón García Abril coma Canciones Xacobeas ou Cuatro Canciones Gallegas.
Máis información en El Correo Gallego e na nosa axenda de concertos
Brath, Cristina Pato ou GalegoZ son algúns dos grupos que reciben axudas á difusión do IGAEM
Xénero:
| 14 / 8 / 2007Os últimos traballos discográficos de sete grupos galegos van recibir axudas de entre 7.500 e 11.500 euros polas axudas o IGAEM á difusión. Máis concretamente, os elixidos foron Brath, Cristina Pato, Emilio Rúa, GalegoZ, Faltriqueira, Nordestin@s e Sete Saias, que poderán investir estes cartos en promocionar e publicitar os seus traballos.
Máis información no web do IGAEM
O galego Edelmiro Fernández Parada vence na XXII edición do Trofeo Mac Grimmon de gaita, en Lorient
Xénero: VIDEO
| 7 / 8 / 2007 +Considerado o galardón de gaita máis prestixioso no mundo, o Trofeo Mac Grimmon chegaba este ano á súa XXII no marco do celebérrimo festival Intercéltico de Lorient, en Bretaña. E foi un galego, Edelmiro González, o que se fixo co premio por terceira vez, o que o converte o músico que máis veces o levou. Canda a el, outro galego, Alberto Coya, quedou no terceiro posto. Estes premios sitúan os dous intérpretes entre os mellores do mundo no seu instrumento.
Máis información en Galicia Hoxe e en Vieiros
O curso internacional Música en Compostela celebra os seus cincuenta anos con múltiples actividades
Xénero:
| 6 / 8 / 2007Estar en plena forma aos cincuenta anos é algo que non consigue todo o mundo. Se para máis, quen ten esa idade é un curso dedicado á música clásica no noso país, a cousa é de recoñecer. Pois aí está Música en Compostela. A capital galega acollía onte o comezo da quincuaxésima edición deste evento, que reúne como sempre un bo feixe de alumnos das máis diversas nacionalidades.
A Asociación de Gaiteiros Galegos reúne aos mellores artesáns e luthiers no Festival de Pardiñas
Xénero:
| 31 / 7 / 2007Os vindeiros 4 e 5 de Agosto de 2007 terá lugar en Guitiriz a "XIV Mostra de Instrumentos de Música Tradicional" que a comisión de artesáns da Asociación de Gaiteiros Galegos organiza, dentro do marco do festival de Pardiñas organizado pola A.C. Xermolos de Guitiriz. Esta Mostra comezou xa fai catorce anos, coa idea de crear en Galicia unha cita anual onde os mellores luthiers e artesáns estivesen nunha feira amosando o seu traballo de ano en ano, fora do seu obradoiro. O gaiteiro e estudoso do folclore Pablo Carpintero impartirá un obradoiro de construción de xoguetes sonoros para cativos. As actividades previstas están enfocadas para que sexan totalmente participativas, así pois haberá un escenario dispoñible durante todo o día para todos aqueles músicos que desexen tocar, e aqueles artesáns que queiran falar ou facer algunha demostración da sonoridade dos seus instrumentos.
Máis información no Portal da AGG
O “dobarrismo” protagonizará unha das xornadas da semana cultural do Felipop
Xénero:
| 31 / 7 / 2007O festival pop que se celebra cada ano na parroquia de Limodre, en Fene, inclúe na súa programación do 2007 tres días previos de actividade cultural que converten o evento nun dos de máis longa duración. Os concertos comezarán o xoves 9 de agosto e seguirán ata o sábado pero desde o luns xa haberá actividades culturais no programa. O mércores 8 será a xornada dedicada ao “dobarrismo” coa presentación do disco “Manifesto dobarrista” (Falcatruada,2007) a proxección dun trailer que avanza o documental feito por Anxo Fernández sobre Andrés Dobarro que se estreará en televisión e unha mesa de debate sobre o artista ferrolán. Fernández será un dos compoñentes da mesa na que o acompañarán Xurxo Souto, Xavier Alcalá e Noel Feáns, responsable do net-label A Regueifa. A xornada inclúe a actuación dalgún dos grupos que participaron no disco como Boy Elliot ou Jules e Jim.
Máis información no Diario de Ferrol
O gaiteiro Pablo Seoane presenta o seu segundo disco no que usa a dixitación pechada
Xénero:
| 27 / 7 / 2007O gaiteiro Pablo Seoane presentará oficialmente durante as Festas do Apóstolo de Compostela o seu novo traballo discográfico “Fluíndo en pechado”. Este segundo disco de Seoane, foi gravado nos estudios de produción da Radio Galega, e está editado polo selo “Leilear”. O disco púxose á venda o pasado 1 de xullo. “Fluíndo en pechado” é un traballo con 14 temas baseado na música de raíz galega, especialmente na dixitación “pechada”, a cal estivo practicamente en desuso debido a grande dificultade, tanto de interpretación como de afinación e interrelación con outros instrumentos. O concerto no que presentará oficialmente este disco será ás 22:30 horas na Praza do Toural. Pablo Seoane, acadou no 2002 o terceiro posto do trofeo McAllan de gaita do Festival Internacional de Música Celta da localidade francesa de Lorient.
O LV Festival de Ópera da Coruña contará no ano 2008 coa participación e financiamento da Xunta
Xénero:
| 26 / 7 / 2007O 55 festival de Ópera da Coruña contará para a súa organización co departamento de cultura da Xunta. O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración entre a Consellaría de Cultura e Deporte e o Consorcio para a Promoción da Música, organismo xestor da actividade musical promovida desde o Concello da Coruña. O convenio contempla a realización conxunta entre o Consorcio e a Consellaría deste evento e o financiamento po parte da Xunta cun importe de 240.000 euros. O prazo previsto para o desenvolvemento e a realización do proxecto estenderase ata novembro. O programa 55 Festival da Ópera será realizado por un equipo de profesionais e dirixido polo Consorcio, baixo as ordes do director do Festival, que actuará como representante do Consorcio e interlocutor fronte á Consellaría.
A banda ourensá El Pararrayos saca o seu terceiro disco “Los días cambiantes del Pararrayos”
Xénero: IMAXES
| 23 / 7 / 2007 +Dezanove temas enchen este disco producido e arranxado polo trío ElPararrayos e editado por Arteficción Discos. Entre esta ampla oferta de cancións a banda fai temas eléctricos, ciber-acústicos ou instrumentais, que van desde a Nova Ola ata o folk-rock. O disco foi gravado nos estudios Xingreira de Ourense e mesturado en Mastertips de Madrid. ElPararrayos son José Lameiras, Xurxo Labrador, Jesús Dopazo e. nos directos, Aser Álvarez na batería acústica. No disco tamén interviñeron outros músicos como Javier Dorfono, Manolo Carballo e Isaac Canelo.
Máis información no sitio de El Pararrayos
A Orquestra Sinfónica de Galicia presenta a súa programación na que pretende captar público novo
Xénero:
| 20 / 7 / 2007Este ano celebraba o seu 15º aniversario, pero para o próximo, o reto da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) pasa por buscar novos públicos. Para iso, a programación da vindeira temporada (19 de outubro - 3 de maio) inclúe unha maior presencia do clasicismo e do romanticismo onde destacan as nove sinfonías de Beethoven. Entre os directores que fan parte dos vinte programas concretados destaca Jesús López-Cobos, Carlos Rizzi, Franz Brüggen, Rubén Gimeno e o debú galego Joam Trillo.
Máis información no web da Orquestra Sinfónica de Galicia, en El País e na nosa hemeroteca