Ir ao contido directamente.


Noticias

Comeza na Coruña a terceira edición do ciclo Rock Mariño

Xénero: Miscelánea | 10 / 4 / 2008

imaxe non dispoñible

Dende este xoves, 10 de abril, e ata o mes de novembro, 26 grupos musicais da cidade herculina realizarán outros tantos concertos en 5 locais da Coruña dentro da programación do "Rock Mariño 08". O calendario de actuacións foi presentado onte no Pazo de María Pita pola concelleira de Cultura, María Xosé Bravo, o coordinador do Intituto Municipal de Cultura e Espectáculos, Agustín Lorenzo, Gandy e unha pequena representación dos grupos que actuarán ao longo destes meses. O grupo Black Bum, banda coruñesa de fusión multicultural, abrirá hoxe o programa as 22 horas, no Forum Celticum. Os concertos realizaranse fundamentalmente os xoves ou venres, e a entrada será de balde. A concellaría inviste 100.000 euros no proxecto.

Un congreso reúne en Ortigueira bandas de música de todo o mundo

Xénero: Miscelánea | 10 / 4 / 2008

imaxe non dispoñible

É unha manifestación cultural estendida por todo o planeta. As bandas de música protagonizan entre mañá e o vindeiro domingo un congreso internacional que quere analizar a situación destas formacións. O encontro contará con músicos e especialistas neste campo chegados de Estados Unidos, Eslovenia, Arxentina, Venezuela ou Holanda, entre outros países. Ademais do debate, o encontro achegará concertos de diferentes formacións deste tipo.

O IGAEM saca a revista da Rede Galega de Música ao Vivo

Xénero: Miscelánea | 10 / 4 / 2008

not_11919.jpg

A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) conta con dúas novas canles para a difusión da súa actividade a través da revista “Ao vivo música” e da web www.musicaovivo.info, que en ambos casos ofrecen información sobre a axenda de concertos mailos grupos que configuran a programación deste circuíto de distribución musical promovido polo IGAEM en colaboración con Clubtura, Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo. A revista “Ao vivo música”, de periodicidade semestral, pode descargarse da devandita web e os seus 9.000 exemplares impresos se distribúen de xeito gratuíto nas salas da RGMV. A formación viguesa The Blows ocupa a portada do primeiro número da publicación, dando paso a máis de 30 páxinas nas que aparecen, entre outros contidos, reportaxes e entrevistas.

Ruxe-ruxe reivindícanse como banda de rock and roll con Xigantes

Xénero: Rock | 10 / 4 / 2008 + AUDIO + VIDEO + IMAXES

not_11917.jpg

Unha ducia de cancións enchen “Xigantes”, sexto disco da carreira da banda compostelá, e do que se amosan máis satisfeitos do son conseguido. Acompañado por membros da banda, Jose Patiño da discográfica PAI Música presentou en Santiago o novo disco dos Ruxe-ruxe e reivindicou para eles a categoría clara de banda de rock and roll por riba de outras etiquetas. Segundo o vocalista Vituco Neira “Xigantes” é un disco de rock cun son achegado aos clásicos dos sesenta e setenta que ten “moito respecto pola música tradicional”, da que seguen collendo músicas prestadas. O disco, que inclúe una pista co videoclip da canción “Xigantes”, foi gravado en Casa de Tolos e producido por Segundo Grandío e pola propia banda. Con doce anos de traxectoria os Ruxe-ruxe entenden que gravar un disco entra dentro do proceso normal do seu estilo de vida que consiste na satisfacción de “facer música”. Co disco novo baixo o brazo o grupo iniciará una xira por todo o Estado, o seu primeiro concerto de presentación será ás 22:30 horas deste sábado 12 na Sala Capitol de Santiago onde, cos dez euros da entrada, incluirán o disco.

Mutenrohi xirará co seu sétimo disco por Francia e Reino Unido

Xénero: Folk | 8 / 4 / 2008 + VIDEO + AUDIO

not_11905.jpg

A discográfica ourensá Zouma Records ven de presentar no seu catálogo de novidades o máis recente traballo do grupo Mutenrohi: Sete. Como o seu nome indica este é o sétimo disco da formación cando xa leva trece anos en activo en el presentan 11 novas cancións e dous temas gravados en directo nos que seguen a mesturar a tradición coa modernidade. Na gravación de Sete, nos estudios Desfase Sound, Mutenrohi puido contar coas colaboracións achegadas polo violinista de Wolfstone, Duncan Chisholm, a gaita de Cristina Pato, as voces de Eva Carreras e Laura Moure, a Banda de Gaitas de Cea, a frauta de Diego Fortes e Mcarballo na guitarra. A banda liderada por Xoan Carlos Fasero ten por diante un ano cheo de traballo no que estarán tocando no festival de Lorient, no Festival Celta de Isgneis e iniciarán xira polo Reino Unido. O disco preséntase este xoves, 10 de abril ás 11 horas na Livraría Torga (Rúa Paz) de Ourense.

Emilio Cao gaña o Premio Opinión pola súa traxectoria musical

Xénero: Folk | 7 / 4 / 2008

not_11896.jpg

O músico compostelán Emilio Cao verá recoñecida a súa traxectoria co Premio Opinión a unha Andaina Senlleira na primeira edición desta modalidade dos galardóns da música folk. Tal e como comunica a través do xornal La Opinión Óscar Losada, os trinta anos de carreira musical de Cao e a súa persoal achega ao folk galego convenceron ao xurado conformado polo mesmo Losada, Xosé Manuel Estévez e Xosé Manuel Budiño. Con seis discos editados desde 1977 Emilio Cao leva xa unha década sen presentar novos traballos propios, sendo o último “Simbad en Galicia”.

Cultura programa “Espazos sonoros” un ciclo de concertos en espazos patrimoniais

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 4 / 2008

imaxe non dispoñible

En total son 66 concertos a cargo de vinte e cinco formacións clásicas que se desenvolverán entre o nove de abril e o 14 de xuño en 20 espazos patrimoniais galegos. Cultura anunciaba hoxe o ciclo “Espazos sonoros”, unha iniciativa que percorrerá vilas coma Santiago, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Ribadavia ou Monforte. Música de órgano, vocal, antiga, de cámara e experimental son os ciclos temáticos que compoñen a programación.

Luar na Lubre gaña nos Premios da Música e Giselle Grau faise co de Excelencia Musical

Xénero: Miscelánea | 4 / 4 / 2008 + VIDEO

not_10778.jpg

A edición deste ano dos Premios da Música tivo a Luar na Lubre como grande gañador entre os galegos. O grupo fíxose co premio de música tradicional por “Camiños da fin da terra”, co que tamén obtivo o de mellor canción en galego. Pola súa banda, Luz Casal levou o premio á mellor canción con “Soy”. A coincidir con este evento, a Coruña acollía onte a entrega dos Premios á Excelencia Musical que convoca a Fundación Paideia e mais a Consellaría de Educación. Giselle Grau, estudante de piano no Conservatorio Superior de Vigo foi a gañadora do primeiro premio.

Pelo Gato 24 preséntase cun grupo de nenos practicando xogos populares

Xénero: Folk | 3 / 4 / 2008 + VIDEO + AUDIO

not_11880.jpg

Malia que o disco se editou a finais do 2007 será este sábado, día 5 de abril, cando se faga a presentación oficial de “Pelo Gato 24” a partires das 12 horas, na recentemente inaugurada Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avda. Xoán XXIII). Impulsado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, gravado nos estudios Casa de Tolos e co-editado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e PAI-Música, "Pelo Gato 24" consta dun libro, un CD de 13 cantigas e un DVD cun documental sobre os xogos tradicionais , un "como se fixo", ademais de varios videoclips e playbacks das cantigas. Baixo a dirección musical de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, conta coas importantes colaboracións de Leilía, Fuxan os Ventos, Xabier Díaz, Sonia Lebedynski, Señora Carmen, Xurxo Souto, Pancho Álvarez e Segundo Grandío, entre outros. A presentación dividirase nunha rolda de prensa encabezada polo Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, Pablo Carpintero da Asociación de Gaiteiros Galegos e mailos responsables da dirección musical; e unha segunda parte cunha mostra en directo de varios xogos populares, feita por un grupo de 25 rapaces dirixidos polo colectivo Brinquedia.

O Festival Cidade de Lugo chega á sua XXXVI Edición

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 4 / 2008

imaxe non dispoñible

Desde o vindeiro doce de abril ata o mes de xuño, a Cidade da Muralla acolle o XXXVI Festival Cidade de Lugo de Música Clásica. Este evento, considerado unha referencia nivel estatal, acollerá nesta ocación dezaoito concertos da man de artistas de renome internacional. A Real Filharmonía de Galicia, Ensemble S21, o tenor Mark Padmore, a vila de Tilmann Kircher ou a soprano Simone Kermes son algúns dos intérpretes que participarán no evento.

<< Inicio / Anterior . 3071 a 3080 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR