Noticias
Ecléctica Ensemble presenta o seu primeiro disco no CGAC
Xénero: | 19 / 6 / 2008
A terraza do Centro Galego de Arte Contemporánea, en Compostela, acolle este sábado a festa de presentación do primeiro disco de Ecléctica Ensemble. Performances, proxeccións, literatura e música en directo combinaranse na posta de longo desta primeira gravación da formación de Ugia Pedreira, Ramom Pinheiro, Richard Rivera e Davide Salvado. O disco estará dispoñible para a libre descarga no web do grupo.
Moving Hearts, The Dubliners, Värttinä, Sondeseu, Uxía ou Fía na roca fan parte do programa do Festival de Ortigueira
Xénero: | 18 / 6 / 2008
A XXX Edición do Festival de Ortigueira ten xa nomes. Sondeseu, Fía na Roca, Uxía ou Xochilmica pola banda galega, Moving Hearts, The Dubliners, Boys of the lough, Värttinä ou Odaiko fan parte dun programa de 25 concertos que esta mesma mañá presentaban o alcalde desta localidade, Rafael Girón canda ao Conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Os 700.000 euros de orzamento do festival investiranse tamén na recuperación do escenario Runas para grupos noveis e en diferentes actividades de dinamización coma obradoiros, exposicións ou pasarrúas. Esta é a primeira vez que a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo participa no evento.
Cultura promove a galeguización dos repertorios das bandas de música
Xénero: | 17 / 6 / 2008
Os concertos de bandas de música, tan populares nas celebracións galegas, poderán ter repertorio do país. Isto é o que pretende a Consellaría de Cultura e a Federación Galega de Bandas coa convocatoria do primeiro concurso de composición para banda de música e para banda con sección sinfónica. Relacionado con isto, en novembro celebrarase o II Certame Galego de Bandas. As axudas que a consellaría achegará este ano ao sector para apoiar estas formacións asceden a 270.000 euros e afectará a máis de 5.500 músicos.
O grupo Few Days Later gaña o certame 100 Pipers
Xénero: | 16 / 6 / 2008
A final foi o pasado xoves na sala Capitol de Compostela. O grupo lugués Few Days Later impúxose e levou o premio no primeiro certame 100 Piper Music de maquetas. Canda a eles, competiron nesta última fase Franc3s, Baldosa amarilla e Gurumamut. Os gañadores gravarán un disco coa firma Falcatruada.
A evolución sonora distingue o segundo álbum de Xochilmica
Xénero: | 12 / 6 / 2008
A grande estrea será no festival de Ortigueira, e a partir de aí promete ser recorrente nos concertos do verán Carta Branca,o segundo traballo de Xochilmica, chega ás tendas amosando, segundo os propios membros do grupo explican, unha grande evolución sonora. Folk fundamentalmente instrumental e de autor nesta nova aposta artística. Sopas, membro do grupo, explícanos este traballo.
Unha axencia británica organiza un festival privado para 250 melómanos en Compostela
Xénero: | 12 / 6 / 2008
Entre o 12 e o 17 de xuño, Compostela acollerá un particular festival de música. Nove concertos en igrexas coma San Martiño Pinario ou a Colexiata do sar achegarán obras de autores coma Haydn, Vivaldi ou Xoán Montes. Pero o acceso a estes eventos estará restrinxido a 250 afeccionados á música que contrataron esta actividade coma parte do programa que organizou a axencia turística británica Martin Randall Travel, especializada en tours culturais.
Marcos Teira presenta Alí, o seu novo disco en solitario
Xénero: | 5 / 6 / 2008
O mercado de Salgueiriños resoa esta mañá con ar flamenco. O guitarrista Marcos Teira escolleu este espazo compostelán para presentar Alí, o seu novo disco en solitario. Teira fai con esta obra unha homenaxe ao falecido músico Alí Farka Toure, e conta coa colaboración de artistas galegos, granadinos e alxerianos. Un concerto no Teatro Principal de Santiago será, ás nove e media desta noite, a estrea oficial destes sons.
El Beasto celebra dez anos montando un festival de rock independente internacional
Xénero: | 4 / 6 / 2008
O selo independente coruñés El Beasto Recordings celebra esta semana os seus dez anos de actividade organizando na cidade un festival de rock and roll que se desenvolverá durante tres días. A celebración do La Bruta Fest comezará este xoves na sala Mardi Gras cunha representación galega do seu catálogo a cargo de The Phantom Keys e Die Cadáveras. Seguirá o venres unha noite dedicada ao rock garaxe do outro lado do Atlántico no Playa Club coas míticas bandas americanas The Fuzztones e The Morlocks. No mesmo escenario terminará o sábado o festival contando coa presenza dos finlandeses The Flaming Sideburns e os suecos The Moving Sounds. As concertos de venres e sábados completaranse coa actuación do cabaré burlesco da británica Fancy Chance.
Linguaxe musical evolucionada
Xénero: | 3 / 6 / 2008 + IMAXES + AUDIO
Música de raíz, en clave instrumental e ollada desde este século XXI. Isto é o que oferta Diacronías o primeiro disco do trío Lizgairo, unha formación de luxo que reúne a Rodrigo Romaní, Anxo Pintos e Xosé Liz. Precisamente é Pintos quen nos comenta, de viva voz, como naceu este proxecto e as peculiaridades da proposta.
Mandeo Records ofrece o seu estudo de balde aos artistas betanceiros
Xénero: | 2 / 6 / 2008
O estudos de gravación Mandeo Records, de Betanzos poñen a andar un proxecto polo cal se ofrecen a gravar de balde e editar un disco recompilatorio con todos os grupos e solistas da súa cidade, que despois se distribuirá nas tendas, Fnac e El Corte Inglés. Mandeo Records incorporará a todos os artistas ao seu catálogo intentando así apoiar e dar saída a grupos e solistas da vila que aínda non dispuxeron desta oportunidade de fixar o seu traballo nunha gravación profesional. O prazo para apuntarse remata o vindeiro 15 de xullo e os interesados deben mandar un correo electrónico a Mandeo Records.


