Ir ao contido directamente.


Noticias

Vigo é o concello que máis inviste en concertos

Xénero: Miscelánea | 27 / 8 / 2008

imaxe non dispoñible

Con 2.1 millóns de euros, Vigo convértese na cidade galega que máis inviste en contratación de grupos musicais, por diante de A Coruña (2 millóns), Santiago (1.4 nas festas do Apóstolo e a Ascensión) e Lugo (1.3 millóns no San Froilán), segundo informa hoxe El Ideal Gallego. A Coruña, sen embargo, é a cidade que xuntou a máis público nos seus eventos musicais. A programación de concertos, ademáis, ten diferencias acusadas entre Vigo e A Coruña. Mentres a cidade olívica ten unha oferta máis variada en estilos e multicultural, A Coruña realiza unha selección de grupos "de moda" que satisfagan a un público máis heteroxéneo.

Arrinca o festival de jazz de Cangas

Xénero: Jazz/Blues | 26 / 8 / 2008

imaxe non dispoñible

A conexión entre o jazz da Grande Mazá e mais a vila mariñeira de Cangas é o eixe da XI edición de Canjazz, o festival dedicado a esta música que se celebra na localidade do Morrazo. O evento, que se desenvolve entre o 27 e o 29 de agosto, contará coa presenza de recoñecidos intépretes coma Marcus Strickland, Lage Lung ou Doris Cales. Canda a eles, cangueses de proxección internacional, coma o pianista Xan Campos e o batería Iago Fernández conforman un programa que se completa con jam sessions, pasarrúas e a gravación dun disco a cargo da formación Canjazz Reunion.

O Festival Crunia achega a Riazor bandas coruñesas de diferentes estilos

Xénero: Miscelánea | 25 / 8 / 2008

imaxe non dispoñible

Pop indie, cantautores, heavy, música electrónica ou folk son algúns dos ritmos que se poden escoitar ao longo desta semana na primeira edición do Festival Interurbano Crunia. O evento comezou o pasado sábado na cidade herculina coa actuación de MEU, Nouvelle Cuisine e La Habitación Roja, e prolongarase ata o vindeiro sábado cun total de vinte bandas da escena local que alternarán cunha formación foránea cada noite. A esplanada de Riazor acolle a partir das nove da noite estes concertos, que queren achegar unha oportunidade ás formacións coruñesas. Entre as propostas atopamos grupos coma Flowclóricos, Ruxe Ruxe, Porretas ou Los Coronas entre moitos outros.

Primeira canción e videoclip do disco en solitario co que Miguel Costas volve a escena musical

Xénero: Rock | 22 / 8 / 2008 + IMAXES + VIDEO

not_12835.jpg

Miguel Costas, membro fundador e compositor de parte do repertorio máis coñecido de grupos como ”Siniestro Total” , ”Aerolíneas Federales” ou ”Los Feliz” xa ten a piques de saír o seu primeiro disco en solitario “Condenados a Costas” que ven sendo o número 17 da súa carreira e que estará á venda o 13 de outubro. O músico volve á escena musical despois de catro anos de silencio tras rematar con Los Feliz e das súas actuacións con A banda Turca. No seu novo disco, editado pola discográfica independente G. Domani Records, Costas ofrece himnos rock & roll no estilo que tantos éxitos le supuxo na súa etapa con Siniestro Total, o seu primeiro sinxelo é a canción “Baja el pantalón” que xa se pode escoitar e da que hai gravado un videoclip no que aparecen moitos veciños do músico da localidade de Escairón, onde vive actualmente. Acompañado dos músicos Juan Naya, Landy e Tony, Miguel Costas iniciará o vindeiro 30 de agosto en Vilalba a xira 2008-2009 na que tamén está prevista unha actuación nas Festas de San Froilán en Lugo xunto cos vigueses Def Con Dos.

O programa da TVG “Alalá” recoñecido coa Gaita de Ouro “Constantino Bellón”

Xénero: Folk | 21 / 8 / 2008

not_10113.jpg

O Ateneo Ferrolán decidiu conceder a Mención de Gaita de Ouro “Constantino Bellón” correspondente ao ano 2008 ao programa da TVG “ALALÁ” pola súa labor de difusión e defensa da música tradicional galega. O acordo tomado en Xunta Directiva polo xurado dos prestixiosos premios de gaita recoñece así a este programa dirixido por Senén Bernárdez e presentado por Pilar García Rego que xa ten no seu haber outros importantes premio como o galardón ao mellor programa de Tradición musical outorgado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión en 2007 e o Premio Galicia Comunicación da Xunta no mesmo ano. A entrega do premio terá lugar o próximo domingo día 31 de agosto, as 20:30 horas, no Teatro Jofre de Ferrol coincidindo coa Final do XVIII Concurso de Gaita Galega “Constantino Bellón”.

O Teatro Colón estreará a ópera galega “Camiñar polo arame cunha lata de cervexa”

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 8 / 2008

imaxe non dispoñible

A Coruña conta cunha gran tradición operística. Desde hai varias décadas existe unha asociación que organiza un festival de ópera, hai outro a maiores dedicado a Mozart e, ademais, nesta cidade estrearase en breve unha ópera contemporánea. Leva por título Camiñar polo arame cunha lata de cervexa e Juan Durán é o compositor e Manuel Lourenzo o dramaturgo. A ópera galega, que se estreará o vindeiro 13 de setembro (ás 21:00 horas), contará coa participación do Grupo Instrumental Século XXI, o barítono Javier Franco e a sorprano Carme Durán e a escenografía é de Rodrigo Roel.

Los Mecánicos gravan o seu primeiro disco cunha actuación en directo

Xénero: Pop | 13 / 8 / 2008

not_12798.jpg

O trío coruñés gravará en directo o que será o seu primeiro disco no pub Garufa, do que ademais do son tamén collerán o nome para o disco. En “Garufa ye-ye” Fernando Esclusa, José M. Martínez e Tito Ritman plasmarán o seu directo no que repasan a música pop dos anos sesenta e setenta tanto española como anglosaxona ou americana. O concerto, que terá lugar ás 23 horas deste xoves 14 de agosto, durará unha hora e media e a entrada é libre, aínda que aforo é limitado. Os tres músicos levan desde o pasado ano dando concertos como Los Mecánicos e proceden de outras bandas da cidade como Guru Deva, Deluxe, The Majestics e a Tribeca Band. Previsiblemente o disco sairá editado por Wonderland Discos.

Pablo Devigo consegue o trofeo McCrimmon do Festival de Lorient

Xénero: Folk | 6 / 8 / 2008

imaxe non dispoñible

O 2008 é o ano de Pablo Devigo (Castro Caldelas, 1990). Principalmente porque este gaiteiro de 18 anos foi o gañador dos festivais de gaita de Bandeira, A Estrada, o Manuel Villanueva de Poio e o de composición organizado polo concello de Ferrol e que leva o nome de "Constantino Bellón" . O último premio que acaba de sumar engadir ao seu palmarés é o trofeo McCrimmon na modalidade de “gaita” (existe tamén a de “gaita escocesa”) que se concede no marco do Festival de Lorient.

Os músicos da Rede de Locais de Ensaio dispoñen dun novo portal para difundir a súa actividade

Xénero: Miscelánea | 6 / 8 / 2008

not_12755.jpg

A Dirección Xeral de Xuventude e a de Creación e Difusión Cultural xuntaron onte aos seus representantes, Rubén Cela e Luís Bará, para presentar o portal Nsaio.org. A nova plataforma da Rede Galega de Locais de Ensaio da Xunta vertebra así o sistema ofrecendo un espazo autoxestionable que lles permitirá aos grupos e artistas que usan estes locais de introducir todo tipo de información sobre o seu traballo, a documentación relativa aos servizos que ofrece a Dirección Xeral de Xuventude, noticias, concursos e mesmo unha radio con mostras de música dos grupos da rede. Por toda Galicia existen actualmente dezasete locais dentro desta rede e as previsións son que cheguen a ser trinta antes de final de ano.

Ribeira de Piquín galardoa a traxectoria artística de Xosé Manuel Seivane

Xénero: Folk | 31 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

Xosé Manuel Seivane estivo durante máis de cincuenta anos traballando no seu obradoiro de gaitas. Unha traxectoria que ademais de convertelo nun dos mellores profesionais no seu campo, acaba de valerle unha homenaxe por parte da Asociación Recunchos de Ribeira de Piquín. A festa terá lugar o vindeiro 9 de agosto, cun gran xantar, un concerto da súa filla, Susana Seivane, así como a instalación dun busto de bronce e unha placa na praza do Chao.

<< Inicio / Anterior . 2991 a 3000 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR