Ir ao contido directamente.


Noticias

Pontevedra acolle o V Encontro Internacional de Pandeiros de Mao

Xénero: Folk | 12 / 11 / 2008 + DOCUMENTO

not_13444.jpg

O Concello de Pontevedra e a Central Folque organizan a vindeira fin de semana a quinta edición do DUF, o Encontro Internacional de Pandeiros de Mao. Como principal novidade desta xeira, o evento ábrese ao público e centra as súas actividades na Praza da Ferraría da capital do Lérez. O eixe da edición será a orixe destes instrumentos na cultura árabe. Obradoiros de construción de pandeiros, mostras de artesáns, un serán urbano e concertos a cargo de Leilía, o iraní Barbos e o exipcio Mohammed el Sayed son algunhas das propostas que compoñen o programa.

Vellas Artes o novo traballo conxunto de Vaamonde, Lamas e Romero

Xénero: Folk | 11 / 11 / 2008 + AUDIO + VIDEO

not_13441.jpg

Cunha clara chamada á tradición cultural, Vellas Artes titulase o disco que desde hoxe está á venda de Suso Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero. Os tres multinstrumentistas, amplamente coñecidos no eido da música tradicional a través de proxectos como Nova Galega de Danza, Luvas verdes e outros, únense neste álbum editado pola discográfica Falcatruada para presentar unha proposta “atrevida pero divertida”. O disco ofrece once cortes, aos que dan en chamar “11 historias musicais” e unha pista audiovisual cun fragmento dun concerto no Parlamento de Galicia. Música tradicional cunha nova vestimenta sofisticada e elegante é que promete unha posta en escena na que a música e a oralidade estean presentes a partes iguais.

Ouvirmos convoca un casting virtual para seleccionar artistas xuvenís

Xénero: Miscelánea | 7 / 11 / 2008

imaxe non dispoñible

A discográfica Ouvirmos e a produtora Control Z veñen de convocar un casting virtual ao máis puro estilo dos programas televisivos de busca de novos artistas. O obxectivo final consiste en seleccionar cantantes e bailaríns para un novo proxecto musical e multimedia dirixido ao público xuvenil. Na vez de reunir os aspirantes nun lugar físico para demostrar as súas capacidades o proceso terá lugar a través de vídeos de menos de dous minutos de duración enviados por Internet directamente a Ouvirmos. Así os mozos e mozas que queiran formar parte desta aventura deberán ter entre 18 e 25 anos e saber cantar e/ou bailar. Aquelas persoas que teñan este perfil e desexen participar na selección, deberán enviar antes do 14 de novembro un vídeo ─cunha duración non superior aos dous minutos─ xunto aos seus dados persoais ao enderezo ftp.ouvirmos.com (o usuario é videocasting e o contrasinal video2008casting.

Co seu segundo disco Catpeople quere desembarcar na escena internacional

Xénero: Rock | 6 / 11 / 2008 + VIDEO

not_13406.jpg

O luns, 10 de novembro, sairá ao mercado o segundo disco dos vigueses Catpeople. A banda, afincada en Barcelona, ofrece en What´s the time Mr. Wolf? doce temas nos que melloran e confirman o seu son propio sen rexeitar as súas referencias da new wave e traballando máis o resultado final de cada canción. Como xa sucedera no seu anterior álbum Reel #1 (Pupilo Records, 2006) a banda gravou en inglés todos o temas, un deles con mención á súa cidade, Stumble in Vigo, o proceso levouse a cabo nos estudios Blind Records a finais do pasado 2007. O disco está editado por PIAS Spain e a súa promoción en directo comezará nunha xira por tres cidades francesas de acordo cun dos principais obxectivos do grupo, que é exportar o disco por outros países.

Xoán Manuel Tubío: "Queremos que este sexa un centro integral que cubra un baleiro que hai na sociedade"

Xénero: Folk | 6 / 11 / 2008

imaxe non dispoñible

Nos últimos anos estamos a asistir á apertura de distintos centros que levan o ensino da música tradicional a un novo nivel. A propostas coma o Conservatorio e a Central Folque, ou o E-Trad de Vigo, súmase desde hoxe a Tradescola. Este centro lucense achegará clases de gaita, zanfona, acordeón, baile tradicional, canto e pandeireta, percusión, requinta, linguaxe musical e etnografía e investigación. A Asociación de Gaiteiros Galegos é a encargada de xestionar esta iniciativa, e o seu secretario, Xoán Manuel Tubío, explícanos as bases do proxecto.

Os lucenses Few Days Later xa teñen na rúa o seu disco your voice is my intoxication

Xénero: Rock | 5 / 11 / 2008 + AUDIO + VIDEO

not_13394.jpg

Apenas catro meses despois de resultar gañadores do I Concurso Galego de Maquetas 100 Pipers Music, superando a bandas como Franc3s, Baldosa Amarilla ou Gurumamut, os lucenses Few Days Later xa teñen na rúa o seu premio. O disco your voice is my intoxication, cuxa edición e promoción eran o obxectivo do certame, sae estas días á rúa editado por Falcatruada despois dun proceso de produción e gravación levado a cabo por Arturo Vaquero nos estudios Abrigueiro. Trece temas en inglés e un en castelán son as composicións propias que presenta este cuarteto creado en 2004 no disco co que inician a súa andaina discográfica e que xa está á venda. Álvaro, batería; Simón guitarra e voz; Borja, guitarra e Adrián, baixo, debutan na escena independente cun potente rock herdeiro directo do grunge e o punk-rock americano con letras cargadas de rabia xuvenil como en I´m lost e algunhas cancións con vocación de himno como It´s time to .

Aid contra 1.300

Xénero: Hip-Hop | 5 / 11 / 2008

ret_13354.jpg

Ten 18 anos, compaxina os seus estudos de Enxeñaría de Telecomunicacións coa música. Aída Alonso, coñecida como Aíd, acaba de gañar a cuarta edición do Heineken Greenspace para novos valores entre 1.300 participantes. ¿O premio? Contratos para varias actuacións e 9.000 euros para a gravación do seu próximo disco. Pese a súa xuventude ten unha longa carreira que comezou no 2004 cando un amigo publicou unha demo súa nun portal especializado en Hip Hop que acabou sendo moi popular. É locutora e guionista dun programa de radio local dedicado á divulgación grupos musicais en Vigo ("Moito de aquí e pouco de alá" en Radio Piratona). Aíd acaba de formar Licor Kafé, un proxecto musical que embarca a 040 (Solemne & Zentinela), Woyza e El Puto Coke na produción. Ademais, nas vindeiras semanas sacará o seu primeiro disco Jugando, que contén Dadadá un dos temas cos que se presentou ao Heineken Greenspace.

Olympus venceu ao reloxo completando máis de vintecinco horas de concerto ininterrompido

Xénero: Miscelánea | 4 / 11 / 2008

not_13380.jpg

O nome da Orquesta Olympus seguirá figurando no Libro Guinnes das Marcas por ser a formación musical que máis tempo estivo dando un concerto sen parar. Con vintecinco horas e dez minutos a orquesta conseguíu superar nunha hora e dez minutos a súa anterior cita coa posteridade, esforzo que tivo como premio o recoñecemento dos milleiros de persoas que acudiron a Negreira para apoialos e o dos artistas que compartiron con eles algúns minutos no escenario, como cristina Pato, Marta Sánchez, La Unión ou Nacho García Vega entre outros. O Concello de Negreira ten previsto organizar unha recepción oficial á orquestra e quere animalos a repetir o fito en vindeiras ocasións contando cun maior apoio pola súa parte. Desde a alcaldía barállase a idea de poñerlle o nome da formación musical a unha rúa.

Blusens ficha a Cornelius para o seu selo dixital co que gravará o seu novo traballo

Xénero: Rock | 30 / 10 / 2008

not_13351.jpg

Despois do éxito acadado co seu primeiro traballo Greatest Hits (PAI Música, 2007) a banda radicada en Vilagarcía, Cornelius, xa está preparando o seu segundo traballo con importantes cambios. O grupo ven de fichar polo selo Blusens Music, dependente da corporación multinacional compostelá de electrónica de consumo Blusens. A súa música distribuirase a través de canles dixitais asociadas aos produtos desta marca, líder en vendas de dispositivos MP3 e MP4 portátiles. A forte aposta da compañía polo grupo vese coa contratación como produtor do veterano Mick Glossop, colaborador habitual de Van Morrison,, así como na vindeira viaxe do grupo a California para gravar nos Village Estudios de Los Angeles, lugar polo que pasaron artistas como The Doors, Aerosmith, Bruce Springsteen, Beck ou Pink Floyd entre outros moitos.

Projecto [Trepia] faise co GZ Crea de música

Xénero: Folk | 30 / 10 / 2008

imaxe non dispoñible

O xurado do certame GZ Crea de Música decidiu outorgarlle os 3.000 euros do primeiro premio ao grupo Projecto [Trepia] polos seus temas A roseira e Leghons. A final do certame GZ Crea na categoría de música, que se celebrou o pasado día 28 nos locais de ensaio do Estadio de San Lázaro, en Compostela. Noise Project fíxose cos 1.500 euros do segundo premio mentres que o terceiro posto foi compartido para Os Gru e Anxo Graña.

<< Inicio / Anterior . 2941 a 2950 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR