Noticias
O Vía Stellae incorpora a música dos creadores galegos contemporáneos
Xénero:
| 6 / 5 / 2008A Xunta está a preparar o camiño para o vindeiro 2010. Ademais dos programas para mellorar a oferta hostaleira ou o patrimonio das rutas de peregrinación, o Festival de música de Compostela e os seus Camiños reforza a calidade nesta edición. En primeiro lugar, na nómina de artistas que, ao listado de directores como Mac Minkowski ou Rinaldo Alessandrini presentes xa na segunda edición, se lle engaden outros como Martin Gester, Daniel Harding ou Federico María Sardellini. En segundo lugar, porque os selos discográficos Naïve e Decca gravarán algúns dos concertos programados. E en terceiro lugar, porque se crea o ciclo “Vía Stellae 20/21” que achega a música destes dous séculos e incorpora creadores contemporáneos galegos. En total 85 concertos, dos que o 90% serán de balde (previa retirada de invitación) sucederanse entre o 4 e o 23 de xullo por toda Galicia. Sen embargo, o barroco e en especial a música de Bach seguirán sendo os fíos conductores deste certame.
Michel Camilo e Eddi Palmieri son os principais reclamos do Festival de jazz de Ourense
Xénero:
| 6 / 5 / 2008O final deste mes de maio terá como banda sonora o jazz. Se esta fin de semana coñecíamos o programa dunha nova xeira do Imaxina Sons, onte deuse a coñecer o cartel da duodécima edición do Festival Jazz de Primavera de Ourense que comeza o xoves. Unha cita que contará coa presenza de Michel Camilo e Eddie Palmieri, que suman entre os dous unha ducia de Grammys e son os principais reclamos. Pero non son os únicos, Jorge Pardo, o cuarteto Arguy ou o trompetista Randy Brecker estarán por Ourense neste certame que se prolonga ata o 28 de maio.
O festival de Vigo Imaxinasons abrirase cun concerto de Clunia Jazz
Xénero: DOCUMENTO
| 5 / 5 / 2008 +A celebración do 25 aniversario da formación coruñesa Clunia Jazz é un dos pratos fortes que este ano presenta o Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons na súa cuarta edición. O festival estará presente en diferentes espazos da cidade e desenvolverá diversas actividades paralelas durante once días entre o 26 de xuño e o 6 de xullo. Este festival é unha iniciativa do Concello de Vigo que naceu co obxectivo de dar cabida ao jazz realizado en Europa, á marxe de condicionantes comerciais, apoiando especialmente aos músicos que realizan á súa actividade no ámbito galego asemade. De aí que ademais da extensa lista de artistas estranxeiros como Wayne Shorter, entre outros, tamén estean os de formacións de artistas do país como Clunia Jazz, Terela Gradín, Lucía Martínez ou Paco Charlín. Vinte actuacións, un ciclo de cine, conferencias, clases maxistrais e unha exposición fotográfica conforman o programa presentado o pasado mércores, 23 de abril.
Víctor Pablo seguirá como director da Orquestra Sinfónica de Galicia
Xénero:
| 2 / 5 / 2008Catro anos máis. Este é o tempo polo que Víctor Pablo Pérez, actual director da Orquestra Sinfónica de Galicia, asinou recentemente a súa ampliación de contrato. Deste xeito, o director burgalés achegarase ás dúas décadas desempeñando este posto. Precisamente nesta temporada, a programación prevista outórgalle máis actuacións e diminúe a presenza de directores convidados a só oito concertos no ciclo de abono.
Sesenta e oito grupos subirán ao Castro a tocar nos Castroconcertos deste ano
Xénero:
| 30 / 4 / 2008O vindeiro venres 2 de maio, ás 23 horas no parque de O Castro en Vigo, dará comezo a sexta edición dos Castroconcertos, evento que forma parte do programa de ocio alternativo xuvenil da Concellería de Xuventude, "Súbete ao Castro". Nesta edición, serán 68 as agrupacións musicais participantes, que ofrecerán un total de 34 concertos con entrada de balde entre os meses de maio e setembro. A meirande parte dos grupos musicais que participan neste programa son usuarios dos locais de ensaio do Concello de Vigo. O programa quere servir de plataforma de lanzamento da creación musical da mocidade viguesa, ofrecéndolles un espazo onde presentar as súas creacións. No primeiro concerto desta temporada actuará Track Asedio, Duke Sam, Sikeity, Dr. Valda, Dj B-neil, Dj Fabio e Antuán. Nas últimas cinco edicións deste evento, realizáronse unha media de 16 concertos por edición, e de 31 grupos participantes, cunha asistencia total de 5.719 persoas.
Berrogüetto e Malvela exportan concertos para os dous hemisferios de América
Xénero:
| 24 / 4 / 2008As cantareiras Malvela inician este días a súa primeira xira transoceánica partindo o sábado cara Arxentina onde actuarán presentando as cancións do seu disco “Da miña xanela á túa “ (PAI, 2007). As cantoras de Sanguiñeda, con idades entre os 26 e os 82 anos, actuarán no Coñexio Santiago Apostol, no Centro de Residentes de Mos e no Teatro bambalinas de Buenos Aires. Na súa xira estarán acompañadas pola cantante Uxía. E entrando polo Norte do continente tamén inician xira internacional os Berrogüetto coa súa renovada formación. En México actuará nun dos teatros con máis solera do país: o Teatro Degollado na cidade de Guadalajara; será o 1 de maio. A continuación participará durante dous días na Feira de San Marcos, en Aguascalientes, o día 3 de maio no Teatro del Pueblo e o día 4 no Pabellón de España ubicado na citada feira. A seguinte parada neste periplo será Irlanda, país ó que acudirá para presentar o seu traballo en dúas cidades: Ennis, no Glòr Music Center o día 9 de maio, e Baltimore, dentro do Baltimore Fiddle Festival o 10 do mesmo mes.
Blu Sens creara un selo para distribuír música nos seus reprodutores portátiles
Xénero:
| 21 / 4 / 2008A empresa compostelá Blu:Sens, fabricante de tecnoloxía audiovisual de consumo e referente no mercado dos reprodutores portátiles mp3 e mp4, anunciou recentemente a creación dun selo musical propio, Blusens Music, que operará exclusivamente no soporte dixital a través da rede e nos reprodutores da empresa. Blusens Music pretende centrarse no lanzamento de artistas noveis e comercializará as súas cancións a través destas canles buscando potenciar a interactividade cos seguidores a través do punto de encontro virtual Blu Generation.
Premio de investigación para un estudo sobre a música en Pontevedra
Xénero:
| 18 / 4 / 2008Un traballo sobre a situación da música pop e rock na provincia de Pontevedra pasada a época da “movida” foi o gañador do premio á investigación convocado pola Deputación de Pontevedra. O xurado reunido onte achou a Susana Rodríguez Barcia e Rubén Suárez Sousa merecedores do máximo galardón da convocatoria polo estudio da evolución da cultura musical na provincia no período comprendido entre 1997 e 2007. O galardón está dotado con 6.000 euros.
Lamatumbá saca o disco “Paraugas universal”
Xénero: IMAXES + AUDIO + VIDEO
| 18 / 4 / 2008 +Desde hoxe xa está nas tendas “Paraugas universal” (PAI – Música) o novo disco da multitudinaria banda Lamatumbá. Esta saída marca discográficamente a nova etapa do grupo despois dos cambios na formación e polo cambio de editora, malia que os actuais integrantes xa levan un ano subindo aos escenarios e mesmo formaron parte da embaixada musical galega na feira Popkomm de Berlín no pasado ano. Se con “Lume!” (Falcatruada, 2005) chegaron a vender máis de tres milleiros de discos con “Paraugas universal” a festeira banda agarda repetir o éxito. O disco, que inclúe un DVD con cinco pezas audiovisuais entre as que hai videoclips e outros documentos, conta con colaboracións de luxo como as de Guadi Galego, Paulo Borges ou Uxía Senlle. Lamatumbá están negociando xa futuras actuacións en escenarios tan importantes como a Expo de Zaragoza, o Festival de Ortigueira, o Parque de Castrelos de Vigo ou o San Froilán de Lugo. Quince temas propios co habitual son de Lamatumbá conforman o disco gravado e mesturado por Segundo Grandío en Casa de Tolos.
A Sinfónica de Galicia gravará a zarzuela de Chueca no centenario da súa morte
Xénero:
| 17 / 4 / 2008“Cádiz” é a zarzuela na que o madrileño Federico Chueca transmitiu o espírito que se respiraba cando os españois se levantaron contra os franceses. Unha composición singular que a Sinfónica de Galicia editará en CD cando se cumpren cen anos da morte do autor. Ademais, o director da Sinfónica, Víctor Pablo, presentou os tres cedés que a formación coruñesa rexistrou nos últimos meses. Son a ópera “Il Disoluto Punito, ossia Don Giovanni Tenorio”, que editou a Fundación Autor; o “Concerto de Aranjuez” que presenta Decca, e “Iberia” de Isaac Albéniz no selo Glossa.