Noticias
Fía na roca despídese cun concerto en Glasgow
Xénero: | 21 / 10 / 2010
Un concerto no festival Celtic Connections, en Glasgow, o vindeiro mes de xaneiro, porá fin á carreira musical do grupo Fía na Roca. Logo de 17 anos de traballo, os membros do conxunto anunciaron nun comunicado que, aínda que non desbotan a posibilidade de retornar no futuro, "agora precisamos un descanso para refrescar as ideas e atender outras iniciativas".
O Proxecto Orquestral Cangas presenta o seu segundo disco in Crescendo
Xénero: | 20 / 10 / 2010
Un ano despois de ter sacado o seu primeiro traballo discográfico o Proxecto Orquestral Cangas ven de editar unha nova gravación de carácter cada vez máis profesional. In Crescendo é o gráfico título do novo disco da formación conformada por máis de corenta músicos saídos do Conservatorio Profesional e a Escola de Música de Cangas baixo dirección de Alberto González Avilés. No disco, gravado en maio deste ano no Auditorio Municipal polo Servizo de Produción da Radio Galega, a orquestra ofrece seis temas compostos ou arranxados por Alberto González Avilés nos que, como no anterior traballo, hai presenza da música clásica e da música cinematográfica. Mil duascentas copias deste disco editado polo Concello de Cangas repartiranse entre conservatorios e escolas de música de toda Galicia e España, así como a varias localidades de Portugal.
Fluorescencias con jazz
Xénero: | 19 / 10 / 2010
É a historia dun can cheo de pulgas ao que dous felinos vagamundos lle rouban o seu oso e coa axuda dun rato consegue recuperar o seu tesouro. A ritmo de jazz e facendo referencias aos debuxos americanos dos anos cincuenta, Galitoon conta unha historia sinxela sobre a amizade. Ademais, Botazz! O swing do jazz foi unha proposta do Imaxina Sons, o festival de Jazz do concello de Vigo, que quixo achegar este estilo musical aos máis pequenos. O resultado é unha obra de jazz para nenos contada con bonecos luminosos e música en directo.
Igloo abrirá o concerto de Franz Ferdinand en San Sebastián
Xénero: | 18 / 10 / 2010
O coñecido grupo Franz Ferdinand contará no seu concerto en San Sebastián, o vindeiro 6 de novembro, cun conxunto galego para abrir a actuación. Igloo venceu no certame que se convocara para seleccionar os asistentes do conxunto británico. A banda galega impúxose o pasado xoves nunha reñida final aos grupos Estereotypo, Matiné e Tom Bennet, que foron escollidos mediante votación por Internet. Un xurado composto por profesionais da música, xornalistas e membros da organización foron os responsables da selección final.
Mercedes Peón e Cristina Pato tocarán no WOMEX
Xénero: | 15 / 10 / 2010
Vaise coñecendo a representación galega que acudirá ao coñecido festival musical WOMEX, en Dinamarca. Hai uns días facíase público que a organización do encontro seleccionar a galega Mercedes Peón para actuar na sección principal do mesmo o vindeiro 28 de outubro. Canda a ela, Cristina Pato participará no concerto que a marca Sounds from Spain desenvolve o día 29 no escenario offWOMEX. Canda a elas, entre o 27 e o 31 unha delegación da Axencia Galega das Industrias Culturais participará no evento dentro do posto de Sounds from Spain e confirmaron tamén a súa presenza os selos Maré, Zouma, Nordesía e Fol, asi como Budiño e a promotora Articket. Os asistentes ao encontro poderán coñecer a música galega a través dun duplo CD que amosa unha selección de grupos de xéneros como o pop-rock, o jazz e a música tradicional e folk.
Unha reedición recupera o traballo do grupo coruñés Eskizos
Xénero: | 13 / 10 / 2010 + VIDEO
A discográfica Mushroom Pillow presentará o vindeiro 16 de outubro na FNAC da Coruña Eskizos. 1989-1993. O CD recompila o material que este conxunto publicara nos dous EPs Los Eskizos (1991) e Turn off the light (1993) canda a material inédito e temas ao vivo, sumando un total de 11 cortes. A presentación contará coa presenza de Pedro Granell e Luís Garrido, antigos membros da xa desaparecida banda. O CD porase a venda o vindeiro 19 deste mesmo mes.
Fin de semana de gravación de concertos en directo nas salas
Xénero: | 8 / 10 / 2010
Nesta fin de semana coinciden en Galicia dúas citas de axenda nas que dous grupos sairán ao escenario cos obxectivos non só de dar un bo concerto ao público asistente senón de que esas actuacións queden fixadas para que se poidan revivir despois. A Sala Capitol acolle o sábado en Santiago un concerto do grupo de metal Kathaarsys que será gravado en formato CD e DVD e que se converterá no quinto traballo discográfico deste trío que aínda segue inmerso na xira internacional do seu cuarto traballo Intuition. Noutras coordenadas musicais está a formación A Tribu, proxecto eléctrico do coñecido contrabaixista de jazz Xacobe Martínez e David Outumuro, percusionista de Donatore di Groove e Mutenrohi, que acompañados dos saxofonistas Rosolino Marinello e Toño Otero, o batería Max Gómez e o vídeo jockey Daniel Vazquez actuarán durante dúas noites seguidas venres e sábado na Sala Aturuxo de Bueu gravando o que será o seu primeiro disco. A Tribu achega unha mirada ao rock, o funk, o hip-hop e ao groove, pero sen esquecer o jazz e a improvisación.
Vigo cancela o Are more por falta de fondos
Xénero: | 8 / 10 / 2010
Era o certame de referencia de Galicia de música culta. Comezou no 2000 e durante este tempo mantivo unha traxectoria ascendente que lle permitiu ampliar a programación aos máis novos e a outros xéneros. O Are More levou ata Vigo a Ute Lemper, Ainhoa Arteta, Ara Malikian ou Diego “El Cigala”. Malia o recoñecemento entre público e crítica especializada, o concello de Vigo cancelará o certame por falta de fondos. Desde que a Fundación Caixa Galicia retirara o apoio económico, o certame non durou nin dous anos en desaparecer. En 2009 quedou moi debilitado e agora o concello anuncia a súa desaparición.
O Festival Sinsal leva as súas extensión ata Madrid
Xénero: | 7 / 10 / 2010
Naceu en Vigo, onde seguen fieis á fórmula de catro entregas ao ano, unha por cada estación. Co tempo foi creando unha “extensión” (sesións dun día) ao Salón Teatro de Santiago, despois ao Teatro Jofre de Ferrol (que se mantén) e agora acaba de anunciar que tamén chegará ata Madrid (Teatro Lara). A última edición do Sinsal 2010 conta con grupos como Seattle Master Musicians ou Bukkake xunto a Future Island (18 de outubro), e o triplete Daniel Carter, William Parker e Federico Ughi (18 de decembro). Os organizadores adiantaron que están a preparar un proxecto no Verbum (casa das palabras de Vigo) sobre as cancións qeu marcaron a vida da xente e sobre programas de radio desaparecidos.
A marca Galiciantunes promoverá a industria musical na Monkey Week
Xénero: | 6 / 10 / 2010
A música galega estará presente na Monkey Week, a mostra internacional de música independente de Cádiz, do 8 ao 12 de outubro. A Axencia Galega de Industrias Culturais mantén a marca Galiciantunes para o seu posto de representación empresarial e artística, que conta co apoio de Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas) e AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais). As empresas que acudirán á Monkey Week serán Ernie Producciones, que presentará o seu grupo Holywater; La Fábrica de Chocolate/Esmerarte que promoverá as actuacións de Eladio y Los Seres Queridos, Clá, Hola a Todo El Mundo e Magnética; e Saraiba Produccións. Ademais disto, na programación oficial aparecen dúas bandas galegas, como son Emilio José e Triángulo de Amor Bizarro; aínda que neste caso representadas por empresas non galegas. O principal soporte preparado para as feiras internacionais de música deste ano é un dobre cd con libreto, que recolle a produción musical galega máis recente dividida por xéneros en pop-rock e jazz (cd1) e roots (cd2).


