Noticias
29 años, 9 meses y 1 día de Los Suaves xa está nas tendas
Xénero: | 22 / 11 / 2010 + AUDIO
O pasado 18 de setembro Los Suaves subíronse ao escenario na súa cidade natal, Ourense, e deron un excepcional concerto ante milleiros do seus incondicionais celebrando a súa longa traxectoria. A gravación dese directo sae agora ás tendas en forma de duplo CD + DVD baixo o título de 29 años, 9 meses y 1 día (Santo Grial Producciones). Os CD inclúen 27 cancións do concerto máis un tema extra, a canción inédita gravada para a ocasión e titulada como o disco: 29 años, 9 meses y 1 día. O DVD contén as mesmas cancións que os CDs máis Siempre igual, o documental, fototeca e a versión multiángulo de Frío como una llave. A banda de rock ourensá dará proximamente dous concertos de presentación, en Xixón e Vigo os días 11 e 18 de decembro respectivamente.
Xuventude dá a coñecer novos gañadores dos premios Xuventude Crea
Xénero: | 22 / 11 / 2010
Aínda pendentes dalgunhas categorías sen resolver, están a se coñecer estes días os gañadores dos premios Xuventude Crea 2010. En concreto, na categoría de relato impúxose Enrique Bernárdez Reigosa coa obra Xetréceme, mentre en poesía o vencedor foi Gonzalo Hermo González, con Crac. En música, pola súa banda, Miguel Alonso Fernández levou o primeiro premio quedando como finalistas Projecto Trepia e Aid. Sofía Grandío levou o primeiro premio na categoría de videocreación con …de tripas corazón e María Pena gañou o concurso de carteis por Cambiar o principio. O premio de banda deseñada, que xa se resolvera con anterioridade, foi para José Domingo.
Azou inicia a súa xira
Xénero: | 18 / 11 / 2010
O proxecto de Ouvirmos e Control Z, o grupo Azou, é xa unha realidade. Unha serie de cástings seleccionaron os compoñentes do que é o primeiro grupo galego creado de xeito específico da man dunha iniciativa empresarial. Con algunhas modificacións, o proxecto inicia a súa xira o vindeiro día 19 no Grove, no seo do programa Bocaberta de dinamización lingüística. Actuacións en directo con cancións e coreografías, acompañados dun obradoiro de hip hop compoñen as citas. José Manuel Aldea, de Ouvirmos, explícanos como se concretou o proxecto.
Colectivo Oruga xa teñen á venda o seu disco Too many knobs
Xénero: | 15 / 11 / 2010
O trío electro-pop Colectivo oruga integrado por Álex Mera, Iago Martínez e Cuco Pino ven de poñer nas tendas o seu primeiro CD Too many knobs, traballo co que tamén abren o catálogo do novo selo Matapadre. Compoñen o disco nove temas cantados integramente en inglés. Os primeiros temas do disco xa poden escoitarse no MySpace do grupo, onde iran colgando cada semana cancións ata que estea o disco ao completo. Too many knobs gravouse entre os estudos Villa Angelina de Vigo e Litium de Pontevedra e masterizouse nos West Side Studios de Nova York. O primeiro videoclip de colectivo oruga December’s descent, foi realizado por Toño Chouza e está pendente de estrea.
Berrogüetto gravará a súa actuación en Santiago para un DVD en directo
Xénero: | 12 / 11 / 2010
O concerto que este sábado dará o grupo Berrogüetto no Auditorio de Galicia ás 21 horas dentro do ciclo Sons da diversidade será rexistrado para presentarse posteriormente en DVD. Esta será a primeira gravación en directo desta prestixiosa e veterana formación na súa longa carreira con xa cinco discos editados. A formación tamén esta de actualidade xa que os seus temas Nadal de Luintra e Fusco son as únicas achegas xa non galegas senón nacionais á BSO da película The Way creada polo compositor Tyler Bates e na que tamén hai cancións de Coldplay, Alanis Morissette ou James Taylor.
Lugo achégase ao jazz no vixésimo aniversario deste festival
Xénero: | 10 / 11 / 2010
Hai vinte anos, con pouco orzamento e menos experiencia o colectivo lugués Escobijazz puxo en marcha o I Festival de Jazz de Lugo. Dúas décadas despois, o colectivo recupera daquela primeira edición feita a base de grupos canarios, algunhas formacións insulares (a Bing Band de Canarias e a Dich Oatts). Canda elas, unha achega importante de homenaxe aos clásicos como Joe Lovano e Dave Liebman ou John Coltrane. A cita arrinca mañá en Lugo a ata o día 20 de novembro habará oco para 17 formacións.
O disco coa banda sonora de Retornos está xa nas tendas
Xénero: | 8 / 11 / 2010
O compositor Sergio Moure segue engadindo á súa carreira novas obras para a cinematografía coa banda sonora que asina para a película Retornos. A música composta para o filme dirixido por Luís Avilés Baquero xa está nas tendas, editado como xa é habitual polo selo Karonte. Nesta gravación o propio Moure toca varios instrumentos de corda como as guitarra acústica e eléctrica, mandolinas, guitarra portuguesa, así como o piano. A película producida por Vaca Films estreouse en cines o pasado 29 de outubro coincidindo coa saída ao mercado deste novo disco de Sergio Moure. O compositor coruñés xa asinou anteriormente outras bandas sonoros como as das películas Inconscientes, Cargo ou Un buen hombre e tamén asina a da película Secuestrados (2010) pendente aínda de estrea. O disco conta tamén con música adicional de Diego Lipnizki.
O Microfest chega á súa oitava edición
Xénero: | 4 / 11 / 2010
Tres sesións de concertos os días 13, 26 e 27 de novembro compoñen a oitava edición do Micofest, o festival de referencia do hip-hop e da cultura urbana en Galicia. Tote King, Cookin´Soul e Swan Fyahwboy encabezan o cartel, que inclúe grupos como Shelar&Erin ou Seis Senseis. Ademais El Chojin impartirá un obradoiro de rimas o sábado 27.
Silvia Penide autoedita o seu cuarto disco Las Erres dobles
Xénero: | 22 / 10 / 2010 + VIDEO
Silvia Penide presenta hoxe en directo no Salón Teatro de Santiago o seu cuarto traballo de estudio, Las Erres Dobles, un E.P. de cinco temas gravado da man de Juan de Dios Martín, músico e produtor de recoñecidas agrupacións como Deluxe, Lovely Luna ou Albertucho, entre outros. A artista de Meicende inicia con este disco o camiño da autoedición tras tres álbums sacados de man do selo Falcatruada. A actuación enmárcase no ciclo ST Música Presente da Agadic e a artista de Meicende estará acompañada por unha banda e polas pezas audiovisuais de Olaia Sendón. O vindeiro día 6 terá lugar a presentación do videoclip na Fnac da Coruña e ese mesmo mes espera estar de xira por Galicia.
Fía na roca despídese cun concerto en Glasgow
Xénero: | 21 / 10 / 2010
Un concerto no festival Celtic Connections, en Glasgow, o vindeiro mes de xaneiro, porá fin á carreira musical do grupo Fía na Roca. Logo de 17 anos de traballo, os membros do conxunto anunciaron nun comunicado que, aínda que non desbotan a posibilidade de retornar no futuro, "agora precisamos un descanso para refrescar as ideas e atender outras iniciativas".


