Ir ao contido directamente.


Noticias

Roger de Flor vai para o norte con Os Silvestres

Xénero: Cantautor | 9 / 9 / 2013

hai_un_lugar_no_norte_rogerdeflor2.jpg

Hai un lugar no norte é o título do cuarto disco de Roger de Flor, que o cantautor presenta en compañía de Os Silvestres, a súa banda habitual. O disco supón un xiro na carreira do músico, xa que está integramente en galego e ademais de composicións del mesmo e da banda inclúe versións (de The Pogues, Pete Dello ou Malcolm Scarpa) e recupera temas de traballos previos. A Sala Garufa, na Coruña, acollerá o vindeiro concerto de presentación o vindeiro 6 de setembro. Mentres De Flor anuncia que está a traballar noutro disco en solitario.

TVG prescinde de Alalá! para a nova temporada

Xénero: Folk | 3 / 9 / 2013

imaxe non dispoñible

O programa de música tradicional Alalá! presentado por Pilar García Rego despedirase este vindeiro domingo dos espectadores da Televisión de Galicia coa súa entrega número 210. Segundo veñen de confirmar a través do seu perfil de Facebook o popular programa deixa de existir cun capítulo dedicado á Asociación de Gaiteiros Galegos. O programa Alalá! foi recoñecido no ano 2008 co premio Gaita de Ouro “Constantino Bellón” outrogado polo Ateneo de Ferrol, ademais de outros importantes premios conseguidos anteriormente como o galardón ao mellor programa de Tradición musical outorgado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión en 2007 e o Premio Galicia Comunicación da Xunta no mesmo ano. O cambio de horario de emisión do programa en 2010, entre outras cousas, motivou daquela un comunicado da Asociación de Gaiteiros Tradicionais denunciando a diminución de tempos e presenza para a música tradicional nos medios de comunicación públicos, recalamación que fixeron chegar aos grupos parlamentarios.

Neverside abre fogo con This is our gun

Xénero: Rock | 3 / 9 / 2013

thisisourgun_neverside.jpg

Dez temas de metal sen concesións, ritmos acelerados e voces crebadas marcan o debut discográfico de Neverside. A banda viguesa autoedita e publica na rede This is our gun logo de catro anos de actividade, rexistarndo cancións en inglés como chop.cut.love.kill., Fixin' ou The List of Lives I've Broken. A vindeira cita para os escoitar será no Monte do Castro vigués nun concerto compartido con Os Vacalouras o vindeiro día 13 de setembro.

Unicornibot publica Mambotron, o seu terceiro disco

Xénero: Alternativa | 2 / 9 / 2013

mambrotron_unicornibot.jpg

Once temas compoñen Mambotron, o terceiro disco da banda pontevedresa Unicornibot, que sairá á venda o vindeiro 11 de setembro. Ritmo, guitarras potentes e virtuosismo instrumental na liña do grupo compoñen un álbum que se pode reservar xa no web da discográfica Matapadre. A gravación realizouse nos Estudios Brazil de Madrid por Javier Ortiz, e masterizouse en Golden Mastering (California). A presentación oficial será o vindeiro día 13 nun concerto na Zona C de Compostela no que o grupo estará acompañado de Camarada Nimoy.

Historia dunha banda

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 9 / 2013

imaxe non dispoñible

As bandas de música acadaron nos últimos 150 anos unha importancia fundamental na configuración da nosa identidade sonora. Xa como escola de formación de intérpretes, xa a difundir e mesturar música tradicional e culta, estas formacións marcaron de xeito indeleble o devir da nosa cultura. Unha tese doutoral pioneira analizou a xa longa historia da Banda Municipal de Ourense, e atopou algunhas sorpresas.

Pablo Devigo recunca no premio Constantino Bellón

Xénero: Folk | 2 / 9 / 2013

imaxe non dispoñible

Está a amosar ser un dos gaiteiros máis importantes do país. Pablo de Vigo, de Castro Caldelas, impúxose por cuarta ocasión no Premio Constantino Bellón de gaita, dotado con 3.000 euros. Canda a el, Raquel García, desde Valencia, acadou o premio Gaiteiro de Soutelo, dirixido á Galicia Exterior. O lucense Daniel Fernández López e o vasco Daniel Lumbreras obtiveron cadanseu accésit na gala que se celebrou o pasado sábado no Teatro Jofre de Ferrol Canda a estes galardóns, o Ateneo Ferrolán fallou tamén o premio para composicións para a gaita, que foi para a peza Fantasía concertante para gaita e banda de Daniel Romar.

Sinsal celebra esta fin de semana o seu festival na illa de San Simón

Xénero: Miscelánea | 30 / 8 / 2013

imaxe non dispoñible

Coa mesma dinámica: dous días de concertos, cartel secreto e un formato reducido para unha illa. O colectivo Sinsal organiza esta fin de semana unha nova edición do seu festival de verán logo de que o previsto para o mes de xullo (no que ían actuar Mikal Cronin, Austra, Sam Amidon oTriángulo de Amor Bizarro) se suspendeu por mor do accidente de Santiago. A cita desenvovlerase entre sábado e o domingo.

Pablo Carpinteiro recibe a Gaita de Ouro do Constantino Bellón

Xénero: Folk | 28 / 8 / 2013

imaxe non dispoñible

O Constantino Bellón é o certame máis importante para a defensa e difusión da gaita galega. Alén do concurso de composición, anualmente concede a Gaita de Ouro para recoñecer o traballo neste campo. Este ano, o gañador desta mención honorífica e Pablo Carpinteiro (Lugo, 1969) polo “labor desenvolvido como gaiteiro, investigador e artesán”. O premio de composición fallarase o sábado tras unha gala que se organiza no teatro Jofre, entidade organizadora deste certame.

A primeira produción propia da Asociación de Amigos da Ópera chega a Bilbao

Xénero: Clásica/Lírica | 26 / 8 / 2013

imaxe non dispoñible

Inmersos na preparación do LXI festival de Ópera da Coruña, a asociación que o promove conta con outra boa noticia, a primeira produción propia da súa historia estará presente na temporada de abono en Bilbao. Trátase de I Puritani, unha montaxe que estrearon en 2009 e que pode que chegue tamén a outros teatros europeos, como o Reggio de Turín. Por outra banda, a entidade ultima a celebración dunha nova edición do seu festival de ópera. O encontro arrincará cunha proxección, sendo as óperas Lucia di Lammermoor e Tristán e Isolda (en versión de concerto) as grandes apostas deste ano.

Víctor Pablo Pérez ofrece hoxe o seu derradeiro concerto á fronte da Sinfónica de Galicia

Xénero: Clásica/Lírica | 23 / 8 / 2013

imaxe non dispoñible

Con programa de Mahler, Bruckner e Strauss, coa presenza de Ainhoa Arteta e dirixindo á Orquestra Sinfónica de Galicia. Así se despide esta noite Víctor Pablo Pérez do público coruñés. É o seu derradeiro concerto á fronte do proxecto da Orquestra Sinfonica de Galicia que dirixiu durante vinte anos. Deixa no cargo a ruso Dima Slobodeniouk que debutou onte en María Pita no marco dos dous concertos cos que se abre a temporada de abono 2013-2014. No primeiro concerto, a Sinfónica de Galicia contou coa participación do gaiteiro Carlos Núñez.

<< Inicio / Anterior . 2001 a 2010 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR