Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Pop
Música Pop
Roberto Sobrado presenta Atlas de Anatomía
Xénero:
| 9 / 6 / 2015Un concerto por todo o alto, para a que mesmo chegou a convocar un crowdfunding. Esta é a proposta coa que Roberto Sobrado quere presentar, o vindeiro 11 de xuño, o seu novo traballo no Salón Teatro de Compostela. A conmemorar vinte anos no mundo da música, o músico publica o Atlas de Anatomía, quinto disco coa súa banda. Dez temas autoeditados de pop-rock-blues en galego nos que sobrado conta co acompañamento de Rafa Campoy (guitarra eléctrica), Gustavo Fernández (baixo), Germán Daponte (saxo)e Paulo Silva (batería).
Xoel López retorna con Paramales
Xénero:
| 27 / 5 / 2015Unha colección de trece cancións con diferentes temas e influencias compoñen Paramales, o novo disco de Xoel López. O músico coruñés achega desde sons acústiscos con acompañamento de acordeóns ata pop con tintes electrónicos, a pasar por toques brasileiros e inclúe un tema en galego, A serea e o mariñeiro. O proxecto, que saíu á luz onte da man de Esmerarte Servizos Artísticos está xa dispoñible en formato físico e en plataforma dixitais. Pamplona acolle esta noite o comezo da xira de presentación, que continuará en vindeiras datas por Madrid (4 de xuño), o Festival Contempopránea de Badajoz (5 e 6) ou Valladolid (17 de xuño). A primeira visita a Galicia está prevista para o 18 de xullo no marco do Festival PortAmérica Rias Baixas.
Sés comeza a Tronzar os valos
Xénero:
| 11 / 3 / 2015O vindeiro 24 de marzo sae á venda da man de Fol Música o novo disco de María Xosé Silvar Sés. Tronzar os valos propón doce novos temas nos que se atopan blues, rock e ritmos latinoamericanos coa voz inconfundible e comprometida da cantante. De xeito previo ao lanzamento, están a se facer públicos os tres primeiros singles. Así, a Tronzar os valos e Opio barato, xa dispoñibles nas redes, seguirá o vindeiro 17 de marzo 2000 anos máis. A xira de presentación comezará o vindeiro día 27 no teatro Afundación de Vigo, e continuará o 28 no Pazo da Cultura de Narón.
Os 80 voltan con Alex Casanova
Xénero:
| 10 / 12 / 2014Electropop puro no estilo dos anos 80, con Tino Casal ou Javiera Mena como referentes confesos. Esta é a proposta que fai Alex Casanova nos oito temas do seu primeiro traballo. Antagonasia sae á luz da man dun novo selo, Crispis Records e mestura melodías luminosas con letras que, segundo o seu autor, tenden ao escuro. Todos os temas están en castelán agás o último, Xeado de limón, que xa fixera parte do álbum colectivo Bababum. Os interesados en coñecer o proxecto teñen unha oportunidade hoxe na sala Sonar de Santiago de Compostela, onde se fará unha presentación do proxecto.
Is It In You? é o prometedor debut de Puma Pumku
Xénero:
| 26 / 11 / 2014Con preestrea en Rockdeluxe o quinteto compostelán Puma Pumku debuta da man de Matapadre con Is it in you?. Logo do seu EP de presentación e de completar unha exitosa campaña de crowdfunding, o grupo lanza agora unha colección de temas nos que a psicodelia e as atmósferas con ecos dos anos sesenta continúan a predominar. O álbum preséntase en dúas edicións, unha para os patrocinadores do proxecto, en vinilo de cor con dez temas, e outra baixo o selo Matapadre, que unicamente recolle nove. A gravación realizouse da man de Roberto Mallo e Rodrigo Caamaño de Triángulo de Amor Bizarro no seu propio estudio. O grupo inicia agora a xira de presentación do traballo, que os levará o 28 de novembro a sala madrileña Siroco, o 12 de decembro á Fundación SGAE de Compostela, e o 3 de xaneiro a El Pueblo (Ourense).
Guadi Galego sae do folk en Lúas de outubro e agosto
Xénero:
| 24 / 11 / 2014Dez temas de letras reflexivas e maduras nos que a voz de Guadi Galego sae do rexistro folk. Esta é a aposta que ex-cantante de Berrogüetto fai con Lúas de outubro e agosto, o seu segundo álbum, que sae á venda mañá, 25 de novembro a coincidir co Día contra a Violencia de Xénero. Arranxos eléctricos con aires jazz, baixos e baterías conviven co acordeón de Santi Cribeiro e o clarinete de Pablo Pascual no que supón un achegamento da cantante ao pop melódico. A maior parte dos temas do volume foron compostos pola propia Galego e graváronse nos estudios Alis Records de Baeza. O álbum sae á venda da man de Fol Música, e o seu primeiro single, Matriarcas acadou un éxito fulminante en Youtube, co preto de 15.000 visualizacións en só dous días.
Lucía Pérez volta con Quitapenas
Xénero:
| 14 / 7 / 2014Quitapenas é o sexto disco da cantante do Incio Lucía Pérez, e o primeiro que lanza logo da súa participación en Eurovisión en 2011. Gravado nos estudios Montepríncipe de Madrid, o proxecto supón un punto de inflexión na carreira da artista, coa aposta por temas pop e con toques latinos. Aínda que cantado en castelán, mesmo cunha versión do Moonlight Shadow de Mike Olfield, o álbum inclúe tamén o tema Sete chorares en galego. A edición en CD do álbum está dispoñible en exclusiva con La Voz de Galicia ata o vindeiro 21 de xullo, e distribuirase posteriormente polas tendas. A versión dixital está xa á venda nas principais plataformas internacionais.
The Lost Omelette-makers chegan a Discos da Máquina
Xénero:
| 27 / 5 / 2014O segundo LP de The Lost Omelette-makers viu a luz este mes como o novo lanzamento de Discos da Máquina. Daniel Santos é o único membro do grupo e asina os temas de A calor dun corpo estraño, o seu segundo LP con este alias. Pop lo-fi con letras desquiciadas e arranxos traballados amosan a creatividade deste proxecto, que está a facer a súa xira de presentación. Canda a sete cancións de composición propia, Santos inclúe Romeo&Cuneta, curiosa versión da Romeo y Julieta popularizada por Karina que ambienta nas obras das compostelá rúa de San Pedro.
Ataque Escampe retornan con O disco vermello
Xénero:
| 23 / 5 / 2014A emigración, a contradición entre a evasión e o compromiso, historias universais contadas desde uns puocos. Ataque Escampe apostan por un son cunha maior presenza de bases electrónicas e presentan O disco vermello. Letras coidadas e reivindicativas nas que se mesturan ritmos como "o pop e o dub e o rap de mentira e o soul de Filadelfia", segundo eles mesmos explican no texto de presentación. Once temas dispoñibles en Bandcamp e que en breve sairán en formato CD. O álbum foi gravado por Arturo Vaquero nos estudios Abrigueiro e que ven a luz da man de Discos da Máquina.
Villanueva debuta con Viajes de ida
Xénero:
| 13 / 5 / 2014Villanueva é o nome do novo proxecto musicaldo vigués Josete Diaz, antigo membro de Martynez. Co título Viajes de ida lanza o seu primeiro disco en solitario, un volume de 10 cancions que estará dispoñible a partir do vindeiro 20 de maio en formato físico e dixital da man de Esmerarte. Nesta nova etapa o músico oscila entre o rock e o pop con colaboracións como as de Ramiro Nieto, Carlos Sosa, Javier Doria e Oscar García nos instrumentos e con Ángel Luján á produción. A Sala Costello de Madrid acollerá a presentación do proxecto o mesmo día 20.
REPORTAXE

Disco con etiqueta
Data.O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos