Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Banda Baile Asalto convida á festa
Xénero:
| 20 / 5 / 2013Temas de festa e de baile, tirados da tradición mais mesturados con metais, guitarras, batería e toques de jazz. Cos seus seis membros repartidos entre Pontevedra e Vigo, Banda Baile Asalto presenta o seu primeiro disco, homónimo do grupo. Gravado nos estudos composteláns A Ponte, en grande medida ao vivo, o CD achega dez temas mais un bonus e conta con colaboracións como as de Eliseo Parra, Uxía Senlle ou Rodrigo Romaní entre outros. O grupo está a desenvolver unha xira de presentación que pasou xa por Compostela, Boiro ou Vigo.
O cancioneiro en dixital
Xénero:
| 7 / 5 / 2013Considérase a pedra basilar da recuperación da nosa música tradicional galega. O Cancioneiro popular galego que compilou Dorothé Schubarth coa colaboración de Antón Santamarina supón unha achega inigualable cuxa importancia medra cos anos. Agora, a Fundación Barrié, que a editara orixinalmente, pon na rede unha versión dixital da obra que, de certo, ha supor un grande pulo á súa popularización. Repasamos con músicos do país a importancia deste traballo e o seu impacto na música de raíz.
Guezos é o único grupo galego na final do Proxecto Runas
Xénero:
| 6 / 5 / 2013A organización do Festival de Ortigueira daba a coñecer esta fin de semana os catro grupos finalistas do Proxecto Runas, que se poderán ver ao vivo na edición do evento deste ano. Guezos é a única banda galega que accedeu a esta fase, e actuará o xoves 11 de xullo competindo cos vascos Ruaille Buaille, os baleares Boc e Folk on Crest, de Castela e León. O grupo que presente un mellor directo levará un premio de 2.500 euros e incorporarase ao cartel da vindeira edición.
Falece Henrique Otero, O Gaiteiro do Fragoso
Xénero:
| 19 / 4 / 2013Henrique Otero Covelo, coñecido como O Gaiteiro do Fragoso, acaba de falecer, segundo publica hoxe a Asociación de Gaiteiros Galegos no seu web. Otero, nado en 1930 en Lavadores, Vigo, creou o primeiro método moderno de Galicia para gaita e supuxo unha figura de transición entre os gaiteiros tradicionais e os actuais. Ademais, foi autor de máis de dúascentas pezas musicais que se incorporaron ao repertorio de diferentes grupos do país e o seu traballo foi clave para que se oficializasen os estudos de gaita polo Ministerio de Educación. A súa obra foi recoñecida coa medalla Constantino Bellón. A capela ardente instalarase Tanatorio Vigo Memorial a partir de hoxe venres, ás 13 horas
Os Carunchos presentan Ti que?
Xénero:
| 19 / 4 / 2013Contaminación, violencia de xénero ou desigualdade económica son alguns dos temas que entran en Ti que?, o quinto disco de Os Carunchos que está xa á venda. Editado por PAI música e gravado nos estudios Casa de Tolos, o volume supón a obra máis plural en sons e temas do grupo. Vincios acollerá, o vindeiro 19 de maio, a presentación oficial do traballo cun concerto.
Budiño lanza Sotaque
Xénero: VIDEO
| 10 / 4 / 2013 +Fol Música levará ás tendas o vindeiro 23 de abril Sotaque, o sexto disco de Xosé Manuel Budiño. O gaiteiro do Morrazo presenta un volume no que se rodea de colaboradores como Michael McGoldrick, António Zambujo, Cantareiros de O Fiadeiro, Luís Tosar, Carlos Blanco ou Paulo Borges, mesturando os sons tradicionais con novos ritmos e achegando temas melódicos como Déixame Adiviñar. Unha actuación en Luar o vindeiro día 19 dará a coñecer algún dos temas do proxecto. Para o 25 de abril está prevista a presentación oficial cun concerto no Teatro Principal de Compostela, e o 26 será Ourense a cidade que acollerá un recital do músico. O disco gravouse entre os Atlântico Blue Studios de Lisboa e Casa de Tolos, en Gondomar.
Quodlibet lanza A cor do son
Xénero:
| 9 / 4 / 2013Un concerto no Teatro Principal de Pontevedra presentaba o pasado 15 de marzo o segundo álbum do dúo Quodlibet. A seguir a traxectoria iniciada co seu primeiro disco, A cor do son o grupo explora a conexión entre gaita e piano a partir de pezas tradicionais. Así, a Rumba de Estribela, a Danza de espadas de Cantoarea ou Eu de Marín ausenteime atopan novos aires na fusión destes instrumentos. As vindeiras citas para presentar o volume ao vivo son Valga, o vindeiro 21 de abril, e o Casino de Pontevedra, o 28.
Volta a se convocar o concurso de gaita Constantino Bellón
Xénero:
| 2 / 4 / 2013Logo dun ano en branco pola falta de apoios, o Ateneo Ferrolán volta a convocar neste 2013 o Concurso Internacional de Composición e Gaita Galega Constantino Bellón. O encontro, considerado un dos máis importantes do país dedicado a este instrumento, chega así ás súa XXI edición, cun premio principal de 3.000 euros e dous accésits de mil. De xeito paralelo, a Central Folque convoca o IX Encontro Internacional de Zanfona, que se celebrará entre os vindeiros días 18 e 21 en Rianxo e que contará coa presenza de intérpretes coma Matthias Loibner. A inscrición para ambas as dúas actividades está aberta.
Inquedanzas Sonoras recupera a voz de Manuela Cortizo
Xénero:
| 25 / 3 / 2013Con 82 anos de idade, Manuela Cortizo Medal acumula unha intensa experiencia como cantareira. Agora, da man de Inquedanzas Sonoras, ve a luz Cantareira de Barro de Arén, un libro-CD-DVD que recolle un estudo sobre a súa figura da man de Xosé Lois Foxo. Cantos de ronda, xotas, muiñeiras, mazurcas, cantos de oficios e romances danse cita nun disco que amosa preto de oitenta pezas interpretadas por Cortizo unicamente coa súa voz e a pandeireta. Sobre a mesma cantareira xa publicara Calros Solla unha compilación de máis de mil coplas co título de Cantares de Manuela de Barro
Radio Cos achega novos sons para a pandeireta
Xénero:
| 22 / 3 / 2013Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas, son a base de Radio Cos, un proxecto que leva case unha década a percorrer os escenarios do país. pandeiretas con voces masculinas, arropadas por Pedro Lamas á gaita e ao saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón dan unha sonoridade diferente ás melodías tradicionais. Toques balcánicos, son festivos e cantigas coñecidas danse cita neste proxecto, que verá a luz o vindeiro 16 de abril da man de Fol Música.
novidades discográficas
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
BâNZô
Os do Fondo da Barra
REPORTAXE

Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos