Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Xosé Lois Foxo disolve a Fundación Real Banda de Gaitas que creou hai dous meses
Xénero: | 4 / 4 / 2014
Escasos dous meses. Ese é o tempo que durou a Fundación Real Banda de Gaitas creada por Xosé Luís Foxo para preservar o seu traballo personal feito a prol desta entidade que financia a Deputación de Ourense. Tal e como publica o xornal La Región, é o propio Foxo quen deu de baixa esta fundación o pasado mércores. Polo medio houbo unha xuntanza de Foxo co presidente da Deputación, Manuel Baltar Blanco, acontecida tras un pleno no que se debateu sobre a creación desta entidade. Segundo este mesmo xornal, abriuse un expediente informativo a Foxo debido a que o nome e o financiamento desta entidade son propiedade da administración provincial.
Zona da Zanfona cumpre dez anos a reivindicar este instrumento
Xénero: | 1 / 4 / 2014
Desde o venres 4 de abril e ata o vindeiro domingo, Rianxo acollerá a celebración da décima edición de Zona da Zanfona. O encontro internacional dedicado a este instrumento celebra unha década cunha programación especial que inclúe unha exposición sobre aparellos con manivela, sesións de baile, concertos e actividades didácticas polos colexios da zona. Como novidade, este ano celebraranse dous cursos, o xa habitual para intérpretes, a cargo de Germán Díaz, e mais outro de Paulo González sobre composición para este instrumento.
Unha fundación preservará o legado de Foxo á fronte da Real Banda de Gaitas de Ourense
Xénero: | 27 / 3 / 2014
“En realidade non implica cambio algún e non é máis que unha idea vella de crear unha entidade para conseguir sumar apoios públicos e privados” explica Xosé Luís Foxo a propósito da creación da Fundación Xosé Lois Foxo-Real Banda de Gaitas. Este novo organismo nace co obxectivo de “preservar no tempo todo o traballo de documentación, investigación e análise feito por min na Real Banda de Gaitas, que tamén foi unha idea miña” apunta. Está declarada de interese cultural (DOG do 27 de febreiro) e de interese galego (DOG do 26 de marzo) e conta coa familia de Foxo no seu Padroado. A Fundación ten o seu domicilio físico no Campus Sur, no mesmo edicifio da Escola de Gaitas. No entanto, o propio Foxo insiste en que a formación, que conta con 60 músicos, “continúa a ser financiada integramente pola Deputación que mantén o personal e financia as actividades”. A Real Banda de Gaitas adoita facer unha saída internacional e nestes momento está na procura de apoio financeiro para facer unha viaxe a Rusia.
A Quenlla volta con 26 novas cancións
Xénero: | 27 / 3 / 2014
Catro ano despois do seu último traballo, A Quenlla lanza un novo disco. Dous CDs que achegan 26 cancións inéditas e compostas especificamente para a ocasión compoñen 30 anos con A Quenlla De Amor, dor e loita. Con letras a cargo de autores como Cunqueiro, Curros Enríquez, Darío Xohán Cabana, Xesús Rábade, Manuel Maria ou Díaz Castro, o grupo de Mini e Mero mantén o seu característico estilo neste novo álbum, editado por 2001 Produccións. A Casa do Saber en Lugo, acollerá o vindeiro 28 de marzo o concerto de presentación do evento.
O Obradoiro Seivane gaña o Premio Nacional de Artesanía
Xénero: | 26 / 3 / 2014
O traballo do Obradoiro Seivane na fabricación de instrumentos tradicionais, nomeadamente gaitas, foi recoñecido polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, co Premio Nacional de Artesanía. O obradoiro, fundado por Xosé Manuel Seivane Rivas continúa a fabricación a man de instrumentos cos seus fillos e netos, sendo os seus produtos recoñecidos internacionalmente. A Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) resultou finalista na categoría Promociona para entidades privadas.
Roi Casal achégase ao pop no seu novo álbum
Xénero: | 24 / 3 / 2014
Cun xiro pop Roi Casal presenta Donos do noso destino, o seu terceiro álbum. O harpista achega sete novos temas de composición propia entre os que musica textos de Rosalía de Castro, Xosé María Días Castro ou William Ernest Henley. Instrumentos tradicionais como a harpa e zanfona comparten sons con guitarras eléctricas, baixos e baterías, nunha mestura na que o artista recoñece unha maior influencia pop. Logo de o presentar en Zurich a pasada fin de semana, Casal iniciará a xira de presentación do álbum cun concerto no Teatro Principal de Santiago o vindeiro 2 de abril.
O acordeón protagoniza Crossing de Andrés Penabad
Xénero: | 13 / 3 / 2014
Da man de Mandeo Records chega o debut en solitario de Andrés Penabad. Logo de participar en bandas como Muxarega ou de colaborar con bandas como Avelaíña e artistas como Kepa Junkera ou Xabier Díaz, o acordeonista presenta Crossing. O álbum, gravado nos estudios Cuarto Baleiro da Coruña, conta con colaboracións como as de Kepa Junkera, Bieito Romero, Fernando Barroso, Edelmiro Fernández, Davide Salvado ou Pedro Fariñas. A presentación aos medios farase o vindeiro 15 de marzo no Cine Alovi das Pontes.
Coñécense os finalistas dos XIII Premios Opinión
Xénero: | 28 / 2 / 2014
Budiño, con tres candidaturas a mellor disco, mellor canción e mellor artista, parte como favorito na XIII Edición do Premios Opinión de Música Folk. O xornal La Opinión publica hoxe a lista de finalistas ao certame, no que tamén destacan Najla Shami, que opta aos galardóns a mellor tema e mellor artista, e mais a Orquestra Sondeseu, que compite nos apartados de mellor tema e mellor disco. Nesta última categoría destaca a presenza de Kepa Junkera co seu Galiza e completa a lista Kérkennai con Un soño cotián de bolboretas.
Dorothé Schubarth leva o premio Andaina Senlleira de La Opinión
Xénero: | 14 / 2 / 2014
O traballo da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na elaboración do Cancioneiro popular galego acaba de ser recoñecido co VII Premio Andaina Senlleira. Esta galardón que recoñece toda unha traxectoria de traballo a prol da nosa música está organizado polo xornal La Opinión e entrégase en paralelo aos Premios Opinión de Música Folk. O xornal adianta hoxe que a gala da XIII edición destes galardóns celebrarase o vindeiro 30 de maio no Teatro Rosalía da Coruña. Pablo Devigo, Saiva Nova, PeldeNoz e Anxo Pintos con Serxo Ces serán as acutacións que acompañarán o evento.
Berrogüetto sepárase
Xénero: | 4 / 2 / 2014
O grupo que é considerado de xeito unánime como un referente do noso folk a nivel internacional, Berrogüetto, disólvese. Así o anunciaron os seus compoñentes nunha mesaxe no Facebook da banda no cal non apuntan os motivos do abandono da súa actividade musical. Segundo sinalan na mensaxe, Isaac Palacín, Anxo Pintos, Quico Comesaña, Quim Farinha, Santi Cribeiro, Guillerme Fernández, Xabier Díaz despídense "cun sorriso, satisfeitos polo traballo realizado e polos obxectivos acadados". Foron 18 anos de carreira, unha candidatura ao Grammy Latino, cinco discos e un libro disco que agora rematan "conscientes e orgullosos do compromiso mantido sempre coa música e a cultura do país, guiándonos únicamente polo noso afán creativo e o noso propio e inconformista universo musical". A agradecer o apoio de seguidores e amigos, o grupo anuncia que anunciará en vindeiras datas unha xira de despedida polas principais vilas e cidades do país. Boa parte dos membros do grupo participan desde hai anos en proxectos musicais paralelos.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
A Biblia en gaita
Data.“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita


