Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Elelelos amosa a tradición sonora de Bueu
Xénero: | 8 / 7 / 2014
Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, a Asociación Retrouso de Cela acaba de publicar, da man de Inquedanzas sonoras, o duplo álbum Elelelos. Música de tradición oral do Concello de Bueu. O proxecto inclúe dous CDs, o primeiro dos cales escolma as gravacións que a asociación realizou por diferentes parroquias do concello ao longo dos últimos quince anos. Música de gaita, filharmónica, pandeireta e canto atópanse nun total de 47 cortes. O segundo CD de Elelelos amosa 14 pezas tradicionais reinterpretadas por músicos da asociación. Logo da presentación oficial en Bueu o pasado día 27 de xuño, está prevista outra actuación o vindeiro 12 de xullo no marco do XIII Festival Retrouso.
Marful despedirase por tempo indefinido despois do verán
Xénero: | 3 / 7 / 2014
Un parón "indefinido". Así anunciaba Ugia Pedreira, a cantante de Marful, a pausa que toma este grupo logo dunha década a explorar novos vieiros para a música de raíz. A pausa por "motivos persoais", comezará logo da xira deste verán e deixa en suspenso o proxecto do novo diso da formación. Deste xeito, o grupo apunta que os concertos destes meses serán "moi especiais". A vindeira cita para o seguidores do conxunto é o vindeiro venres 4 de xullo no III Encontro de Artesanía Tradicional e Popular de Galicia que se celebra en Agolada. A xira rematará o vindeiro 8 de outubro nas festas do San Froilán en Lugo. Ugia Pedreira tamén se retirará asimesmo doutros proxectos musicais, segundo asegurou nunha entrevista a La Voz de Galicia.
Xistra de Coruxo amplía fronteiras con A Charurga
Xénero: | 5 / 6 / 2014
"Mitade charanga, mitade murga" é como definen Xistra de Coruxo o seu último álbum. A Charurga presenta dezaseis temas nos que estes músicos queren revivir "aquel proceso galeguizador que os nosos antecesores fixeron con todo tipo de melodías, incluídas as de procedencia non galega, e que agora forman parte do arquivo da Asociación Gaiteiros dá Xistra". Ghotas, pasodobres, polcas ou rumbas conviven con muiñeiras, marchas procesionais, cantos de caberna e mesmo un samba. Segundo explica na presentación do traballo "son melodías e ritmos popularizados por cuartetos, murgas, charangas e mesmo por aquelas incipientes orquestras da primeira metade do século XX que neste proxecto aparecen unificadas, reharmonizadas e reinterpretadas dun xeito libre".
O Festival de Ortigueira fecha o seu cartel para 2014
Xénero: | 5 / 6 / 2014
Os irlandeses Moxie, a escocesa Treacherous Orchestra, os Bretóns Bagad Kemper e Red Carrel, Pepe Vaamonde, a Anxo Lorenzo Band e o Quinteto Bellón Maceiras fan parte do cartel do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, que celebra este ano a súa XXX Edición. No entanto, son os concertos de Milladoiro e de The Chieftains os que erguen máis espectación no evento que se celebra entre o 17 e o 20 de xullo. A estas propostas sumaranse as actuacións da Royal Burgh of Renfrew Pipe Band e mais da Dominic Graham School of Irish Dance.
A Quenlla musica a Díaz Castro en Desorballando Outonos
Xénero: | 4 / 6 / 2014
Quince poemas de Díaz Castro musicados son a proposta que fai o grupo A Quenlla en Desorballando Outonos. O novo disco da formación, que chega só 2 meses despois do seu último traballo, recupera uns versos do homenaxeado no Día das Letras "que amosan ao autor en distintas situacións e distintos intres da súa vida, para poñerlles a harmonía recreada nos seus soños e nos nosos anceios, con voz sobre a sinfónica orquestración da Terra e no preciso poemario que máis o define", segundo explica a presentación do traballo. Gravado nos estudios do Concello de Arzúa, o proxecto presentouse ao público o pasado 18 de maio no marco da I Festa da Fala de Guitiriz.
Tonecho Castelos & Pablo Esqueira debutan Nas Mariñas
Xénero: | 3 / 6 / 2014
Da man de Inquedanzas Sonoras está xa nas tendas Nas Mariñas, o disco de debut do dúo Tonecho Castelos & Pablo Esqueira. Temas tradicionais e composicións de autor con aire folk altérnanse nun traballo que parte do encontro entre o violín e o acordeón como base, acompañados por instrumentos como o bouzouki ou o piano. O proxecto conta tamén cunha versión didáctica pensada para un público familiar.
Caxade leva o premio Opinión ao mellor artista folk
Xénero: | 2 / 6 / 2014
A XIII Edición dos Premios Opinión de Música Folk tivo en Xosé Manuel Budiño o seu grande vencedor. O gaiteiro de Moaña levou o premio ao mellor álbum polo seu traballo Sotaque e o de mellor tema por Déixame adiviñar, composto canda a Carlos Blanco. Pola súa banda, Alonso Caxade obtivo o galardón ao mellor artista. Na gala, que se celebrou o pasado venres no teatro Rosalía de Castro da Coruña a musicóloga Dorothé Schubarth foi galardoada co premio Andaina Senlleira.
O Obradoiro de Gaitas Seivane obtén a Medalla Castelao
Xénero: | 28 / 5 / 2014
O Consello da Xunta aprobou esta mañá os galardoados coas Medallas Castelao deste ano. Os galardóns, que distingue "aqueles galegos e galegas autores dunha obra merecente do recoñecemento do seu pobo en calquera faceta da actividade humana", van este ano para o Obradoiro de Gaitas Seivane; o procurador e actual secretario xeral de Unión Profesional, Juan Carlos Estévez Fernández-Novoa; Pilar Iglesias Osorio, fundadora de AFAMMER (Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural); Francisco Javier Pitillas Torra, policía local vigués e adestrador de atletas invidentes e a ex-eurodeputada Carmen Fraga Estévez.
Luar na Lubre conta a historia dos milesians en Torre de Breoghán
Xénero: | 28 / 5 / 2014
Os vindeiros 21 e 22 de xuño o Palacio da Ópera da Coruña acolle a estrea do espectáculo Torre de Breoghán. A Orquestra Sinfónica de Galicia colabora con Luar no Lubre no último proxecto deste grupo, que fusiona música e efectos visuais e que busca pórlle música á historia da invasión de Irlanda polos Milesians, descendentes de Breogán. A iniciativa, que conta con arranxos orquestrais de Nani García e escenografía de Franc Aleu, completarase coa gravación dun CD e inclúe tamén a elaboración dun filme que dirixirá Jorge Coira.
O folclore das procesión protagoniza os XV Encontros de Música Tradicional
Xénero: | 26 / 5 / 2014
Cabezudos, feira de artesanía, un xantar popular, a procesión de Santa Ferreña ou a sesión vermú son algunhas das actividades que se celebrarán o vindeiro 7 de xuño no mosteiro de Carboeiro, en Silleda. Os XV Encontros de Música Tradicional voltan a esta localidade cun especial interese no folclore vencellado ás procesións, un tema que protagoniza a exposición temporal desta xeira. Os contos de Celso F. Sanmartín, os títeres de Fantoches Baj e, como non, a tradicional foliada fan parte do programa.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
A Biblia en gaita
Data.“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita


