Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Xabier Díaz entra na World Music Charts Europe co seu último disco
Xénero: | 2 / 2 / 2016
Directamente no cuarto posto. Así de forte entraron de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre co seu disco The Tambourine Man na World Music Charts Europe. Esta listaxe, que elaboran 48 xornalistas especializados en world music de 44 estados europeos recolle cada mes os mellores lanzamentos neste xénero a nivel continental. O traballo de Díaz leva vendidas xa máis de 3.000 copias nos catro meses que transcorreron desde o seu lanzamento, segundo informa Komunika Cultura.
Efraím Díaz reivindica o pito pastoral galego cun disco
Xénero: | 22 / 1 / 2016
O pisto pastoril galego, un tipo de frauta que se toca cunha dixitación similar á da gaita, está en pleno proceso de recuperación. Para afortalalo, acaban de ver a luz dous novos lanzamentos que teñen este esquecido instrumento como protagonista. Por unha banda, Efraím Díaz lanzou recentemente en Inquedanzas Sonoras o disco Pito galego, no que explora as súas posibilidades a interpretar 19 pezas, xa en solitario, xa acompañado doutros sons como os de gaitas, zanfonas, violíns ou guitarras. En paralelo a este traballo, Ouvirmos acaba de lanzar o libro Pito galego. Método práctico. Este traballo de Moisés Quintas fai un percorrido pola historia e variedades deste instrumento, a achegar técnicas para o dominar, melodías axeitadas ao mesmo e mesmo indicacións sobre como construír un.
aCentral Folque recupera a Adelino Pichel
Xénero: | 30 / 12 / 2015
Foi o último mestre do toque pechado da gaita de fol na Terra de Montes. aCentral Folque acaba de presentar Adelino Pichel e os gaiteiros de Forcarei, un libro-CD que estuda e recupera esta figura do noso folclore e que sae á luz no seo da colección Chave Mestra. Un estudo de Juanjo Fernández percorre a biografía deste músico e transcribe e analiza boa parte do seu repertorio. Ademais, atende a outros importantes intépretes da zona, como foron Alfonso Ramos, Castor Cahafeiro, Jaime Barreiro, José Firvida Maduro, Manuel Cabada, Ángel Rapado, Ramiro Cortizo ou Jesús campos. O volume está acompañado dun CD no que se poden escoitar 33 pezas interpretadas polo propio Pichel, así como outras dúas inéditas de Castor Cachafeiro, membro dos Gaiteiros de Soutelo de Montes, e de Jesús Campos.
O dúo BellónMaceiras presenta Ten 10
Xénero: | 22 / 12 / 2015
Dez temas para conmemorar os seus dez anos de traballo na música. Esta é a proposta que fan Daniel Bellón e Diego Maceiras en Ten 10, o seu terceiro traballo discográfico. O dúo BellónMaceiras aposta por afondar na fusión da nosa tradición con músicas do mundo, e mesturan temas galegos con cancións doutras latitudes e algún tema propio. No proxecto, contan con colaboracións como as de Juan Cabe, María Moiséeva, María López , Miguel Lamas, Juan Tinaquero, Rafael Carracedo ou Oliver Wilson-Dickson. O álbum, autoeditado, pódese adquirir a través do web do dúo e presentouse o pasado 5 de decembro cun concerto en Fene, concello natal dos músicos.
Luar na Lubre celebra tres décadas con Extramundi
Xénero: | 1 / 12 / 2015
Catorce novos temas compoñen Extramundi, o disco co que Luar na Lubre celebra os seus trinta anos de traballo. O grupo que lidera Bieito Romero aposta nesta ocasión por "un traballo que transcende do ámbito galego ou celto-atlántico e explora outras culturas desde unha óptica moi íntima e persoal". Así, o conxunto interpreta temas en seis idiomas, entre eles cancións en catalán, vasco ou o clásico da tradición castelá La Molinera. O álbum, editado por Warner Music, inclúe tamén pezas orixinais e adaptacións de temas galegos e sae á venda este catro de decembro. A xira de presentación comeza o vindeiro día 11 no Teatro Principal de Ourense e continuará o 8 de xaneiro en Vigo e o 9 na Coruña.
aCentral Folque recupera o legado de Xoán Tilve
Xénero: | 29 / 10 / 2015
Catro pezas de gaita canda a dúas alocucións de Filgueira Valverde sobre a súa figura, compoñen as gravacións históricas que recupera aCentral Folque no volume Xoán Tilve. Gaiteiro de Campañó, que presentaba onte no Museo de Pontevedra. A obra, que fai parte da colección Chave mestra, recolle as gravacións que se realizaron en 1949 por iniciativa de Filgueira para preservar o legado deste intérprete. Ademais, reinterprétanse outros temas do repertorio deste solista tirados do cancioneiro de Casto Sampedro. A gravación vai acompañada por un estudo biográfico sobre Tilve da man do gaiteiro e investigador Óscar Ibáñez e mais dunha análise sobre o contexto e os fondos do legado de Casto Sampedro no Museo de Pontevedra a cargo de Xavier Groba.
O Womex voltará a Compostela en 2016
Xénero: | 19 / 10 / 2015
Logo do éxito que supuxo a súa edición de 2014, a organización do Womex, a principal feira internacional de músicas do mundo, aposta de novo por Compostela. A capital galega acollerá entre o 19 ao 23 de outubro de 2016 unha nova xeira deste encontro, que inclirá actuacións na Cidade da Cultura e mais no casco histórico compostelán entre moitas outras actividades. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e mais o alcalde de Compostela, Martiño Noriega, anunciaban esta mañá a elección, para a que a capital galega tivo que competir cunha ducia de localidades de maior tamaño. A presentación oficial do vineiro Womex realizarase este mesmo venres en Budapest, cidade na que se está a celebrar a edición deste ano.
Sae á venda The Tambourine Man de Xabier Díaz
Xénero: | 7 / 10 / 2015
Hoxe mesmo chega ás tendas o novo disco de Xabier Díaz. O ex cantante de Berrogüetto presenta un ambicioso proxecto no que, en colaboración coas Adufeiras de Salitre, reinterpreta cun enfoque vangardista once temas tradicionais galegos e un castelán. O cantor conta tamén neste proxecto con colaboracións como as de Kepa Junkera, Aleix Tobias, Xosé Manuel Budiño, Fernando Barroso ou Alfonso Merino nun disco no que a percusión ten un peso destacado e que o propio Díaz sinala como un punto de inflexión na súa carreira. O proxecto, que ve a luz da man do selo Músicas de Salitre, preséntase ao vivo o vindeiro 16 de outubro no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Madrid e o festival Tradicionarius de Barcelona son as vindeiras paradas previstas na xira de presentación.
Pontevedra acolle as III Xornadas Arredor da Música Tradicional
Xénero: | 2 / 10 / 2015
A gaita de fol, o pito galego, o coro Cántigas e Aturuxos, publicacións sobre diferentes mestres da tradición ou mesmo unha intervención sobre gaitas eslovacas. As III Xornadas Arredor da Música Tradicional que celebra mañá en Pontevedra a Asociación de Gaiteiros Galegos veñen cargadas de reflexións e análises sobre o noso patrimonio sonoro. O encontro desenvolverase nesta ocasión na Casa das Campás, e contará coa presenza de investigadores como Moisés Quintas, Paulo Gonçalves, Ramón González ou Juraj Dufek e Miroslava Dufeková.
O Cuarteto caramuxo retorna con Arrieiros somos
Xénero: | 28 / 9 / 2015
Cunha formación anovada, na que Alonso Caxade cedeu posto a Marcos Padrón, e logo de varios anos, o Cuarteto Caramuxo estivo a presentar este verán o seu novo traballo. A seguir no estilo da formación, Arrieiros somos parte da tradición, neste caso de melodías do Cancioneiro Galego de Castro Sampedro, para a as reinterpretar con toques de jazz, swing ou mesmo funk. Logo de visitar eventos como o Festival de Ortigueira ou o Festival de Poesía do Condado, o grupo actuará compostela o vindeiro 16 de outubro para presentar o disco no marco do Festival Martín Códax.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
A Biblia en gaita
Data.“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita


