Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Forraje lanza Quejidos que no escucha nadie
Xénero: | 14 / 5 / 2013
A Sala Moon de Compostela acolle este xoves, a partir das 22 horas, o concerto de presentación de Quejidos que no escucha nadie, o cuarto disco de Forraje. A banda da Pobra do Caramiñal lanza o álbum da man de Warner Music Spain e coa produción de Kolibrí Díaz, de Marea. Dez temas de rock con letras coidadas e un grande protagonismo das guitarras que conta con colaboracións como a de Robe, de Extremoduro. O concerto contará tamén coa participación de Memoria de Pez, grupo que presenta Tocar madera, o seu novo disco.
Esquíos lanzan Porcocan
Xénero: | 10 / 5 / 2013
O sexto disco de Esquíos está xa na rúa e mais na rede. Porcocan mantén o ton punk-rock do grupo en 12 temas cheos de enerxía e con grandes doses de crítica social. O grupo desenvolvera unha campaña de crowdfunding para financiar este proxecto, que finalmente non conseguiu fondos abondos para cubrir os gastos de lanzamento. O volume foi gravado nos estudios Abrigueiro, e os primeiros concertos de presentacion serán o 25 de maio no Pub Gañetes da Estrada e o día 31 en Pontemuiños, Pontevedra.
Heredeiros da Crus voltan con Jard Rock con Fe
Xénero: | 26 / 4 / 2013
A discoteca LP-45 de Ordes, que acolleu no seu día o retorno do grupo aos escenarios, verá o vindeiro 24 de maio a presentación do novo traballo de Heredeiros da Crus. O grupo lanza, da man de Airapro, Jard Rock con fe un disco no que o aseguran manter intacto o estilo que os lanzou á fama hai xa dúas décadas. Está xa dispoñible na rede A Duquesa de Poi, primeiro single do novo traballo que se gravou nos estudios Bruar da Coruña e nas instalacións da Escola Municipal de Música de Boiro. Os interesados en acudir ao concerto poden adquirir xa as entradas a un prezo de 25 euros incluído o CD.
Raios e centolas é o novo de Santos Morcegos
Xénero: | 15 / 4 / 2013
Un vinilo con oito temas é o terceiro traballo discográfico de Santos Morcegos. Raios e centolas, que acaba de saír á venda, mantén a esencia de música surf totalmente instrumental propia da banda. A retranca do grupo déixase sentir en títulos como Fedorento Five-O, Cowboy das Rías Baixas e Porto Piche.O álbum foi gravado en Baixo Miño Estudios e, ademais de poder mercarse en diferentes tendas, está tamén dispoñible íntegro en Bandcamp
Pontevedra acolle o Galegote Rock
Xénero: | 3 / 4 / 2013
Por segundo ano consecutivo, Pontevedra acollerá o festival Galegote, no que actúan exclusivamente grupos de cantan na nosa lingua. O neno Elliot, Os amigos dos Músicos, Roger de For, Terbutalina ou Ataque Escampe fan parte dun cartel que arrincará o vindeiro día 5 cunha sesión de presentación e que concentra os concertos entre os días 11 e 13. A iniciativa xorde da Concellaría de Normalización Lingüística coa colaboración da Sala Karma, que acollerá os eventos coa súa extensión o Pequeno Karma.
NAO inicia a xira de Cancións de amor e liberdade
Xénero: | 20 / 3 / 2013 + VIDEO
Logo dun debut en Carballo, a xira de presentación do terceiro disco de NAO, Cancións de amor e liberdade, leva o grupo mañá á Sala Capitol de Compostela, onde estarán acompañados de Desequilibrio Mental. O álbum que se gravou nos estudios Mafia Records do Carballiño, segue a liña de rock combativo do grupo, deixando o metal máis puro e a incorporar a Jasper como vocalista. O novo lanzamento da banda contou co apoio económico dos seus fans vía crowdfunding, o que lle permitiu ao grupo editar mil copias do CD, así como tirar material promocional e gravar un videoclip.
The Cornelius presentan Walking in Circles en Ourense
Xénero: | 19 / 3 / 2013
Aínda que levan xa uns meses a xirar cos temas do seu terceiro disco, Cornelius chega agora a Galicia coa xira de presentación de Walking in circles. A Sala Miudiño acolle na noite de mañá o primeiro dos concertos que darán a coñecer o traballo, autoeditado, no noso país. Le Club na Coruña o día 12 de abril e a Fundación Autor de Santiago o 18 serán a vindeiras citas achegadas dun tour que está a levar o grupo por diferentes lugares da xeografía estatal no marco da iniciativa Girando por Salas.
Miguel Costas chama a participar no seu vindeiro vídeo
Xénero: | 7 / 3 / 2013
Aínda que non estará á venda ata o vindeiro 5 de abril, Miguel Costas presenta cun concerto na compostelá Sala Capitol Alguien tenía que hacerlo, o seu novo disco. Será este domingo a partir das 20 horas, e os asistentes poderán facerse de xeito exclusivo con copias do traballo antes da súa distribución. Segundo adianta o artista, o CD pretende encher un baleiro no panorama musical apostando polo rock máis clásico. Costas tamén abriu ata o vindeiro domingo o prazo para que as persoas interesadas en aparecer no vídeo do primeiro tema do novo disco. Os interesados deben contactar coa banda vía correo electrónico e gravarse diante da súa webcam a cantar parte da canción.
Chega 8, o debut dos John Deeres
Xénero: | 26 / 2 / 2013
"Rock clásico en galego adubado con pinceladas hard rock e pingas de psicodelia", esta é a propotas que realizan os John Deeres en 8, o seu primeiro traballo. Unha proposta autoeditada na que achegan oito temas integramente en galego que deixan sentir estas influencias. Logo de realizar unha pescuda por cantante en 2011, o grupo incorporou a Ferni na voz, quedando a composición con Xermán (batera), Marcos (baixo), Mustaf (guitarra) e Reices (teclados). Segundo recoñecen, a nova voz "achega á banda máis contundencia setentera". O traballo, autoeditado está gravado nos estudios Litium de Pontevedra e pode escoitarse xa de balde en plataformas como Grooveshark, Spotify ou iTunes entre outras. As copias físicas do LP están tamén en tendas.
Terbutalina chega con Ritmo Serbio
Xénero: | 25 / 2 / 2013
Ritmo Serbio é o título do segundo LP de Terbutalina. A banda gastropunk presentaba a pasada semana o seu novo traballo lanzándoo integramente de balde para se ouvir en liña nas máis diversas plataformas e coa posibilidade da súa descarga. Catorce temas enérxicos e breves na liña punk do seu primeiro traballo, nos que a guitarras acadan un maior protagonismo e se detectan uns arranxos máis coidados. O álbum gravouse nos estudios A Ponte de Tomás Axeitos e mesturouse en Estudios Mandelson. O vindeiro 7 de marzo a Sala Capitol acollerá a presentación do traballo, nun concerto no que tamén estarán Familia Caamagno.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


