Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Los Suaves conmemoran a súa Xira dos Mil Concertos cun álbum de luxo
Xénero: | 22 / 11 / 2013
Un documental, un DVD de actuacións en directo, un CD e un libro con relatos, fotografías e outros contidos extras compoñen o último lanzamento de Los Suaves. Gira de los mil conciertos recolle unha selección dos recitais da última tourné da veterana banda, na que recuperaron temas dos seus discos dos anos 80 e 90. O documental Viaje al Fin de la Noche recolle actuacións do recital Los Suaves - La Reunión no que participaron antigos compoñentes da banda ou do concierto que deron en ourense baixo o pseudónimo Los Ásperos. Madrid, esta mesma noite, Aranda del Duero mañá e Logroño o día 29 son as vindeiras paradas da banda.
O grupo UN denuncia a situación social en Estado de shock
Xénero: | 13 / 11 / 2013
UN é o proxecto dun músico anónimo que se sumou en 2011 a outros cinco, asimesmo descoñecidos. Agora, a iniciativa presenta Estado de shock, un CD no que recollen dez temas nos que denuncian diferentes aspectos do sistema capitalista e da crise financeira que estamos a vivir. Temas como Evasión, o seu primeiro single, Banqueiro indultado ou Flechazo na cola do paro amosan a liña do grupo, que centra as súas composicións na denuncia social e nas relacións persoais. O disco, autoeditado, xa está á venda, e os responsables do proxecto anuncian vindeiras actuacións ao vivo nas que se coñecerá a identidade dos seus compoñentes.
Neverside abre fogo con This is our gun
Xénero: | 3 / 9 / 2013
Dez temas de metal sen concesións, ritmos acelerados e voces crebadas marcan o debut discográfico de Neverside. A banda viguesa autoedita e publica na rede This is our gun logo de catro anos de actividade, rexistarndo cancións en inglés como chop.cut.love.kill., Fixin' ou The List of Lives I've Broken. A vindeira cita para os escoitar será no Monte do Castro vigués nun concerto compartido con Os Vacalouras o vindeiro día 13 de setembro.
Fina en Vigo o músico Álex Lago
Xénero: | 19 / 8 / 2013
Onte finaba en Vigo o baixista Álex Lago despois dunha longa enfermidade. O músico formaba parte do grupo vigués The blows, formación que en xaneiro deste ano decidiu deter este proxecto para iniciar outro, La guerra del fuego. Lago levaba loitando contra o cancro desde 2010 e en decembro de 2011 protagonizou un concerto no que pariciparon Iván Ferreiro, Silvia Superstar ou Eladio y los Seres Queridos, entre outros grupos, para recabar fondos co fin de sufragar un tratamento personalizado contra a enfermidade.
Liska! debuta con Sonhos de raiva
Xénero: | 6 / 8 / 2013
Nado aínda en 2011, o grupo Liska! lanza o seu primeiro CD. Sonhos de raiva achega dez temas de denuncia social a ritmo de ská, reggae e punk, entre eles unha cantiga de 1972. Os once membros que participan na banda garanten un son potente e cheo de matices, cunha potente base de metais. O volume, autoeditado gravouse en Muu! Estúdios e e foi producido polos estudios e mais por Liska! produçons.
Esquíos publica para libre descarga Porcocan
Xénero: | 24 / 7 / 2013
O grupo de punk-rock Esquíos acaba de publicar no seu web unha ligazón para descargar de balde Porcocán, o seu último traballo. Con esta acción, o conxunto pretende homenaxear a Miguel Ángel Castro, o seu vocalista, que faleceu a finais do pasado mes de xuño en plena xira de promoción deste traballo. Segundo explican no web, aínda que non tiñan pensado pór o volume en libre descarga "o que máis queremos é que o traballazo que fixo Moro no mesmo chegue a máxima xente posible".
Astarot celebra os seus 30 anos con Séptimo pecado
Xénero: | 22 / 7 / 2013
Once composicións de Carlos Gandón e mais catro versións de temas galegos como Xirarei, O tren ou Adeus ríos, adeus fontes compoñen o novo disco de Astarot. O grupo do Morrazo celebra os seus trinta anos con Séptimo pecado un volume no que alterna galego e castelán e onde os temas propios collen protagonismo. Gravado nos Estudios Musitrón de Madrid, o álbum conta coas colaboracións de Rosa Cedrón e Joaquín Padilla. O grupo está a desenvolver este verán a xira de presentación, que os levará a Ribeira (24 de xullo), Cesantes (26), Poio (27) ou Sada (14 de agosto) entre outras datas.
Aphonnic cumpre dez anos de discos con Heroes,
Xénero: | 19 / 6 / 2013
Catro anos depois do seus 6 bajo par a banda viguesa Aphonnic volta co seu novo traballo. Heroes é o título do cuarto álbum do grupo, que mantén o seu son de guitarras intensas no que se integran melodías e letras coidadas nas que a actualidade máis inmediata atopa o seu oco. Os once temas graváronse nos estudios Poison Apple de Lisboa, con produción de Dani Obenza, e mesturounos Paul Leavitt mos Valencia Recording Studios de Estados Unidos. O grupo optou pola fórmula do crowdfunding para financiar o lanzamento, superando amplamente os 6.000 euros que solicitaba de apoio.
Músicos á beira do mar
Xénero: | 6 / 6 / 2013
Retratar grupos de rock da Cidade Olívica nalgún punto da Ría de Vigo. Baixo estas sinxelas premisas o fotógrafo Áitor NOVA botou a andar o proxecto Rock`n`Ria. Polo momento, unha vintena de formacións xa están retratadas á beira ou mesmo dentro do mar. NOVA sinala no seu web que pretende compilar este proxecto no futuro en forma de libro ou de exposición, e polo momento deixa as súas imaxes baixo dominio público con licenza Creative Commons CC BY-ND 3.0, que premite o seu emprego citando o autor.
Pito de Pikasso volta con Arrock con chícharos
Xénero: | 15 / 5 / 2013
Dous anos despois do último traballo, os composteláns Pito de Pikasso presentan Arrock con chícharos, terceiro disco da formación. O novo álbum, autoeditado, foi gravado no Laboratorio Soyuz e achega doce temas de punk rock en galego. O disco presentarase o vindeiro sete de xuño cun concerto na compostelá Sala Capitol no que tamén estarán Vicky Polard.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


