Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Dous e Uxía aparecen como favoritos nos XVII Premios Opinión
Xénero: | 23 / 2 / 2018
O xornal La Opinión publica hoxe os traballos que aspiran aos XVII Premios Opinión de Música de Raíz. Nesta xeira, destacan de xeito especial as candidaturas de Uxía e de Dous, presentes en todas as categorías dos galardóns. Así, as dúas propostas compiten polo galardón ao mellor disco, a primeira con Uxía-o e os segundos con A vaixe de Yoyo, nunha categoría na que tamén están presentes Samarúas con Prólogo e Pancho Álvarez co seu Celtis Australis.
aCentral Folque publica unha escolma das recollidas musicais de Gustav Henningsen
Xénero: | 21 / 2 / 2018
Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 é último título da colección "A chave mestra" que publica aCentral Folque. O novo libro CD recolle unha escolma de 38 cortes das gravacións de carácter musical que este antropólogo dinamarqués realizou durante o seu traballo de campo no noso país, maiormente na comarca de Ordes. Os etnomusicólogos Xavier Groba e Sergio de la Ossa foron os responsables de escolmar o material dun estenso arquivo fonográfico que ata hoxe estaba inédito. Ademais do CD, a publicación inclúe un ensaio divulgativo, a transcrición das melodías e unha escolma de fotografías inéditas realizadas por Henningsen.
O compás de Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre sinala o futuro do norte
Xénero: | 6 / 2 / 2018
O novo álbum de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre leva por nome Noró (algunhas músicas do Norte) (Músicas de Salitre, 2018) e chega hoxe a todas as tendas e plataformas marcando coa súa saída unha das datas relevantes do ano no que á musica galega se refire. Noró ofrécenos 13 temas de carácter tradicional pero de composición propia que sitúan o combo formado por Díaz e as Adufeiras de novo na punta da contemporaneidade con raíz.
Outro que tal baila é o terceiro álbum de Tiruleque
Xénero: | 30 / 1 / 2018
O vindeiro 17 de febreiro chega ás tendas e preséntase ao vivo na Sala Capitol de Compostela Outro que tal baila, terceiro álbum de Tiruleque. Cinco anos depois de Mu!, o grupo lanza dez temas novos nos que continúa a explorar as posibilidades da música de raíz para a festa e o baile. O álbum autoeditado recolle tres temas propios, "nos que se xoga cos límites dos xéneros", segundo explica a presentación do proxecto, canda a "seis versións de temas tradicionais recollidos por investigadores como Pablo Carpintero ou o americano Alan Lomax. Os temas propios son Ribazo de Razo, definida como unha muiñeira contemporánea de corte tradicional; Mazo té, mazo, xota para dúas gaitas e resto de instrumentos, ou Rumbanera, composición a medio camiño entre a rumba e a habanera. Nas versións, destacan temas tradicionais como a Muiñeira dos dous golpes, o Romance dos paragüeiros ou Asubíame de lonxe.
Cristian Silva presenta Manual ególatra básico
Xénero: | 29 / 1 / 2018
A editorial Ton e Son está a presentar o terceiro volume da súa colección 20 pezas para gaita galega. Depois dos libros-CD de Carlos Estévez e de Xurxo Jachía, Cristián Silva continúa a serie con Manual ególatra básico. O volume recolle as transcricións dunha vintena de pezas para dúo, trío de gaitas e solista, moitas delsta a incluír tamén cifrados para facilitar o acompañamento con outros instrumentos. A nivel sonoro, o CD recolle cinco dos temas do volume interpretados polo propio Silva. O álbum gravouse nos Estudos atárxicos e ChisPún! Estudio.
Samarúas bota a andar con Prólogo
Xénero: | 22 / 1 / 2018
Tardaron case seis anos, e moitos concertos, en entrar no estudio de gravación. Samarúas acaba de presentar este mes de xaneiro Prólogo, o seu primeiro álbum autoeditado. Sete temas compoñen este lanzamento que aposta polo instrumental, con só tres temas cantados que adaptan poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé Iglesias e unha letra propia. A formación achega un son complexo que combina "temas propios cos tradicionais nun folk fresco con personalidade propia" mercé ao traballo dos seus sete membros. Miguel Vázquez (Gaita e saxo), Antonio Prado (Percusión), Tania Caamaño (Voz e percusión), Fran Barcia (Acordeón), María Blanco (Violín), Carlos Barcia (Guitarra) e Isaac Pérez (Batería). O álbum ten como capa unha obra de Manfred Gnädinger Man.
O Festival de Ortigueira cumpre 40 anos
Xénero: | 22 / 1 / 2018
A vila de Ortigueira acollerá entre os vindeiros 12 e 15 de xullo unha edición especial do Festival Internacional do Mundo Celta. O evento cumpre na súa xeira de 2018 corenta anos de existencia, que non corenta edicións, xa que houbo pausas na súa celebración. Para conmemorar a efeméride, o programa recupera dous nomes xa clásicos no evento, como son Milladoiro e Carlos Núñez. Canda a eles, os escoceses Imar e os canadenses Yves Lambert Project marcan un programa no que tamén estarán presentes Kila, Rubén Alba ou Os D’abaixo. A Feira Internacional de Turismo (FITUR) de Madrid acolleu esta fin de semana a presentación da nova xeira cun cartel deseñado polo ilustrador Fernando Ruibal, que se impuxo no certame para lle pór imaxe ao evento.
Manolo Bacalhau leva ao disco os cantos da taberna con Sondobar
Xénero: | 19 / 1 / 2018
Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, o ferrolán Manolo Bacalhau debuta no mercado discográfico con Sondobar. A seguir a súa traxectoria de colaboracións no campo da música da raíz, este cantor aposta pola reivindicación dos cantos de taberna para o seu primeiro traballo. Temas populares galegos e portugueses, poemas musicados de Rosalía ou Curros ou unha versión de Zeca Afonso danse cita nos dez cortes que achega este traballo. Ademais do CD, o proxecto comprende un DVD cun documental sobre o músico e varios temas gravados ao vivo. O Teatro Jofre de Ferrol acolleu o pasado 13 de setembro o multitudinario recital de presentación.
Rafael Carracedo recupera a historia e os sons orixinais da requinta da Ulla
Xénero: | 9 / 1 / 2018
O libro-cd A requinta da ulla. Obradoiro Riobó de Rafael Carracedo Crespo, contén a historia dos inicios e o desenvolvemento deste tipo de frauta tradicional no Val do Ulla, así como a historia do Obradoiro García Riobó (A Estrada), o taller de gaitas e requintas máis antigo de Galicia aínda en funcionamento. O volume de 192 páxinas, que acaba de saír publicado pola editorial Embora e en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, inclúe fotos de instrumentos antigos e modernos, de agrupacións tradicionais e bandas de música e máis de oitenta partituras transcritas a partir do cancioneiro de melodías que foran interpretadas no repertorio dos vellos requinteiros. O CD que acompaña o texto contén exemplos das pezas transcritas nas partituras e os sons das vellas gaitas, requintas e percusións.
A Roda celebra 40 anos co seu primeiro disco ao vivo
Xénero: | 19 / 12 / 2017
Tiveron que pasar catro décadas de traballo para que o grupo vigués A Roda se decidise a publicar un álbum en directo. Agora, a conmemorar eses corenta anos de traballo, a formación acaba de presentar A Roda Live / A Roda ao vivo en Ortigueira, un álbum que recolle a actuación que realizou no Festival Internacional do Mundo Celta deste 2017. Xan Barcón, David Cabaleiro, Alfredo Dourado, Christian García, Alex Nores e Manoele de Felisa, a actual formación co combo, achegan ao volume dezaseis temas clásicos da banda canda a catro inéditos, cos bonus tracks de estudio 40 anos máis e Os cabaleiros da roda, da man de Inquedanzas Sonoras.
novidades discográficas
Repichoca
Tiruleque
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
REPORTAXE
A Biblia en gaita
Data.“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita


