Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
O Festival de Ortigueira cumpre 40 anos
Xénero:
| 22 / 1 / 2018A vila de Ortigueira acollerá entre os vindeiros 12 e 15 de xullo unha edición especial do Festival Internacional do Mundo Celta. O evento cumpre na súa xeira de 2018 corenta anos de existencia, que non corenta edicións, xa que houbo pausas na súa celebración. Para conmemorar a efeméride, o programa recupera dous nomes xa clásicos no evento, como son Milladoiro e Carlos Núñez. Canda a eles, os escoceses Imar e os canadenses Yves Lambert Project marcan un programa no que tamén estarán presentes Kila, Rubén Alba ou Os D’abaixo. A Feira Internacional de Turismo (FITUR) de Madrid acolleu esta fin de semana a presentación da nova xeira cun cartel deseñado polo ilustrador Fernando Ruibal, que se impuxo no certame para lle pór imaxe ao evento.
Manolo Bacalhau leva ao disco os cantos da taberna con Sondobar
Xénero:
| 19 / 1 / 2018Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, o ferrolán Manolo Bacalhau debuta no mercado discográfico con Sondobar. A seguir a súa traxectoria de colaboracións no campo da música da raíz, este cantor aposta pola reivindicación dos cantos de taberna para o seu primeiro traballo. Temas populares galegos e portugueses, poemas musicados de Rosalía ou Curros ou unha versión de Zeca Afonso danse cita nos dez cortes que achega este traballo. Ademais do CD, o proxecto comprende un DVD cun documental sobre o músico e varios temas gravados ao vivo. O Teatro Jofre de Ferrol acolleu o pasado 13 de setembro o multitudinario recital de presentación.
Rafael Carracedo recupera a historia e os sons orixinais da requinta da Ulla
Xénero:
| 9 / 1 / 2018O libro-cd A requinta da ulla. Obradoiro Riobó de Rafael Carracedo Crespo, contén a historia dos inicios e o desenvolvemento deste tipo de frauta tradicional no Val do Ulla, así como a historia do Obradoiro García Riobó (A Estrada), o taller de gaitas e requintas máis antigo de Galicia aínda en funcionamento. O volume de 192 páxinas, que acaba de saír publicado pola editorial Embora e en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, inclúe fotos de instrumentos antigos e modernos, de agrupacións tradicionais e bandas de música e máis de oitenta partituras transcritas a partir do cancioneiro de melodías que foran interpretadas no repertorio dos vellos requinteiros. O CD que acompaña o texto contén exemplos das pezas transcritas nas partituras e os sons das vellas gaitas, requintas e percusións.
A Roda celebra 40 anos co seu primeiro disco ao vivo
Xénero:
| 19 / 12 / 2017Tiveron que pasar catro décadas de traballo para que o grupo vigués A Roda se decidise a publicar un álbum en directo. Agora, a conmemorar eses corenta anos de traballo, a formación acaba de presentar A Roda Live / A Roda ao vivo en Ortigueira, un álbum que recolle a actuación que realizou no Festival Internacional do Mundo Celta deste 2017. Xan Barcón, David Cabaleiro, Alfredo Dourado, Christian García, Alex Nores e Manoele de Felisa, a actual formación co combo, achegan ao volume dezaseis temas clásicos da banda canda a catro inéditos, cos bonus tracks de estudio 40 anos máis e Os cabaleiros da roda, da man de Inquedanzas Sonoras.
O Museo do Pobo presenta Dispostas para cantare
Xénero:
| 19 / 10 / 2017O musicólogo Sergio de la Ossa foi o responsable de seleccionar as vinte e catro pezas que conforman Dispostas para cantare. O Museo do Pobo Galego presentaba onte este libro-CD no que recupera unha selección de pezas sonoras dos milleiros que custodia o seu Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade (APOI). Romances, coplas, cancións de voda ou de sega, xotas ou muiñeiras cantadas polos propios informantes en diferentes recollidas de sons populares conforman este interesante traballo sobre a tradición musical galega que sae á luz en colaboración con Bodegas Martín Códax.
Xabier Díaz e Luar na Lubre encabezan a numerosa presenza galega no festival de Lorient
Xénero:
| 3 / 8 / 2017O Festival Interceltique de Lorient, na Bretaña francesa, leva 47 anos sendo o máis importante do mundo no que se refire á música folk bretoa e das denominadas nacións celtas das Illas Británicas (Escocia, Gales, Cornualles, Illa de Man e Irlanda) e o norte de España (Galicia e Asturias). Este ano, o festival contará con numerosa presenza desde Galicia, con arredor de 150 músicos ou bailadores, entre os que os máis coñecidos poden ser Xabier Díaz &Adufeiras de Salitere ou a veterá banda Luar Na Lubre. Nos dez días de festival, do 4 ao 13 de agosto, chegan á vila bretona máis de 4.500 artistas para participar nos máis de 120 espectáculos que se desenrrolan nos distintos espazos do festival, chegando a haber 100.000 espectadores de pago e 700.000 visitantes, o que o convirte no máis importante festival de Francia e do mundo. Nesta edición o primeiro grupo galego en tocar serán Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, o domingo 6 no Grande Teathrè. Tamén chegarán ao Interceltique TRIM. Este trío instrumental formado por Fernando Barroso, Pedro Fariñas e Luís Peixoto fará unha das súas primeiras aparicións europeas, nun festival no que o seu gaiteiro, Pedro, é xa coñecido ao gañar o certame MacCrimmon no ano 2011. O Espace Marine é o recinto máis grande do festival, reservado para as producións con maior sona do mesmo. Nel tocarán a noite do mércores 9 os coruñeses Luar na Lubre. Coa súa renovada formación amosarán ao público bretón a súa proposta encadrada no 30º aniversario do grupo.
Falece Emilio de Pando, o grande recuperador da trompa galega
Xénero:
| 30 / 6 / 2017O pasado 29 de xuño falecía na Coruña aos 85 anos de idade Emilio Álvarez Pérez, Emilio do Pando. O seu nome foi fundamental na recuperación na trompa galega ou berimbau, da que era un consumado intérprete, ademais de gaiteiro. Veciño da Fonsagrada, Emilio do Pando foi considerado un mestre por músicos como Rodrigo Romaní ou Bieito Romero, con quen compartiu escenarios en diferentes ocasións. Ademais, participou activamente no desenvolvemento do Museo Etnográfico da Fonsagrada e na creación e consolidación da Asociación “Antaruxas e Sorteiros” fundada en 1979. Polo seu labor recibiu numerosas homenaxes e recoñecementos, como foi o título de Mestre da Memoria da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
O Festival de Pardiñas chega á súa 38 edición
Xénero:
| 27 / 6 / 2017A Asociación Cultural Xermolos celebra este mes agosto a 38 edición do Festival de Pardiñas, a cita musical que desde hai máis ano se celebra de xeito ininterrompido no noso país. O evento, que se desenvolverá entre o 4 e o 6 de agosto nesta parroquia de Guitiriz, integra ademais a quinta edición do certame de cantos de taberna e a vixésimo cuarta mostra de instrumentos tradicionais e mais a de artesanía. Davide Salvado, Abóbriga, os canadienses Yves Lambert Trio, Os Melidaos, o encontro entre o vasco Kalakan e o portugués Luís Peixoto ou os irlandeses Cúig son algúns dos nomes máis destacados desta xeira, que presentaba onte o seu programa. Fina Casalderrey será a encarregada de dar o pregón daa cita, mentres Antón Corral fará o mesmo na mostra de artesanía.
Xacarandaina abre en Carral o Ciclo Danza 3
Xénero:
| 9 / 6 / 2017Mañá, sábado, ás 11 horas comezará o Ciclo Danza 3 unha nova andaina coa actuación de xacarandaina no Campo da feira de Carra. Con esta actuación ábrese unha nova edición deste programa que xa ten máis de oito anos creado polas agrupacións integrantes do colectivo XOC –Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos– para a difusión da música e o baile tradicionais. O ciclo, que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), inclúe tanto actuacións na rúa como en recintos pechados e ofrecerá durente este verán outras 11 citas noutros tantos concellos: Baltar, Carballo, O Irixo, Mos, Muros, Ribadeo, Oroso, Ortigueira, Redondela, Sanxenxo e Vilalba. O colectivo XOC suma máis de 1.500 socios
Luar na Lubre encabeza o cartel no XVIII Festival Folk de Raíz
Xénero:
| 29 / 5 / 2017A décima oitava edición do festival Folk de Raíz xa ten o cartel da súa proposta musical. O festival que se celebra en Callobre, no Concello da Estrada, o sábado 1 de xullo, contará con catro actuacións musicais ademais da animación e gastronomía, xunto coa zona de acampada. Luar na Lubre, que está este ano celebrando en xira o seu XXX aniversario, será un dos pratos fortes do cartel. Polo escenario do Folk de Raíz en Callobre tamén pasarán Zurrumalla, que leva en activo un ano menos que o propio festival; o grupo de música tradicional Sons da Mina, de Fontao (Vila de Cruces) e a formación propia da Asociación Cultural Retranqueiros, organizadores deste evento de música tradicional e que neste caso actúan como anfitrións. Desde a organización non descartan que haxa máis incorporacións sobre o escenario.
novidades discográficas
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
BâNZô
Os do Fondo da Barra
REPORTAXE

Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos