Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Mega Purple Sex Toy Kit volve a primeira liña con disco longo
Xénero:
| 19 / 4 / 2018Mega Purple Sex Toy Kit é unha banda que precisa presentación a pesares dos seus anos de traxectoria e máis se temos en conta que o disco que este ano presentan Good Vibrators (Roctopus Tea Party records, 2018) é o seu primeiro longa duración cando pasaron máis de catorce anos desde a súa formación. Á hora de denominar a Mega Purple Sex Toy kit as definicións basculan entre "grupo maldito" e "superbanda" o cal xa nos dá unha referencia de que estamos ante un proxecto moi especial desde o minuto un. Pero é que ademais é unha das bandas imprescindibles no que a psicodelia se refire no panorama musical galego.
Loro Facu e Free Riders, dupla ración de festivais en Miño
Xénero:
| 20 / 3 / 2018Este verán Miño será sen dúbida o concello festivaleiro por excelencia. Co mesmo emprazamento, nunha área triangular xunto á Praia Grande de Miño, a localidade coruñesa terá dous festivais, un a finais de xullo e outro en agosto. Seguindo unha dinámica de crecemento, o Festival Loro Facu anunciou un cartel para tres días seguidos, do 27 ao 29 de xullo, para o cal ademais pasa de celebrarse no porto a facerse xunta a praia nunha zona máis grande, cunha área de acampada integrada e cun programa de actividades moito máis amplo. O sitio é o mesmo no que xa o pasado ano o festival Free Riders, de motos e música, fixo a súa primeira edición e este ano repite entre o 23 e 26 de agosto. O cartel do Loro Facu preséntase xa completo con 19 actuacións entre os seus dous escenarios. O FIV de Vilalba tamén ven de pechar cartel o 17º Ribeira Sacra fixo novas confirmacións.
Luz Casal refresca o seu rock en 'Que corra el aire'
Xénero:
| 6 / 3 / 2018Luz Casal publica un novo disco Que corra el aire(Warner Music) xa á venda e no que refresca o seu son respecto aos anteriores discos. A artista de Boimorto tirou da escena musical independente para rodearse de músicos e escolleu ao coñecido produtor Ricky Falkner que está detrás de moita da música máis coñecida do indie español (Iván Ferreiro, Love of Lesbian, Sidonie e Quique González entre outros) para darlle forma sonora a este traballo. O vigués Eladio Santos, de Eladio y los Seres Queridos, asina xunto a Casal La única verdad, un dos once temas do disco. Luz dedica outro dos temas do disco ao seu pai, que aínda cantado en castelán ten o título en galego: Meu pai. Segundo Luz Casal, o título do álbum e da canción que que se abre, Que corra el aire, remite a unha "sensación pracenteira" que ten ao volver a casa e que "entronca co que algúns consideran o meu pasado e que para min é o presente", di a artista nunha clara referencia á relación da súa traxectoria cun son máis achegado ao rock que neste traballo pode recoñecerse claramente. A xira de presentación do disco dará comezo este mesmo mes e o día 17 estará actuando no Auditorio Mar de Vigo e o 24 deste mes no Pazo da Ópera da Coruña.
Cuarta Xusta debuta con Un novo espertar
Xénero:
| 5 / 3 / 2018Con orixe melidá e composición maioritariamente feminina, Cuarta Xusta presenta na casa o seu primeiro disco. O Pub Gatos acolle este 10 de marzo ás 23:59 horas o primeiro concerto da xira de Un novo espertar. O álbum achega oito temas propios de rock aderezado con violín e toques de ska coa intención de "berrar con música as inxustizas que nos rodean" da man de Aida López (cantante), Marta Sánchez (guitarra e violín), Lúa Aguete (batería), Alberto García (guitarra) e Alba Vilariño (baixo). Canda a eles, unha chea de colaboracións coma as de Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe, Bocixa de Zënzar, Jasper de Nao ou Javi Maneiro de Herdeiros da Crus, algúns dos cales estarán presentes no concerto de inauguración.
Ith presentan o seu segundo disco 'O mínimo que o contén todo'
Xénero:
| 1 / 2 / 2018Tres anos despois do seu primeiro álbum Forte (2015), a banda de rock de Mesía, Ith, ven de sacar un novo traballo que xa está á venda na Fnac e no Corte Inglés, e tamén pode conseguirse contactando directamente con Ith. Co título O mínimo que o contén todo, os Ith ofrecen seis temas de composición propia, así como un poema musicado do poeta samanense Fiz Vergara Vilariño nun disco gravado, producido e mesturado en Abrigueiro Estudios (Friol - Lugo) por Arturo Vaquero. En O mínimo que o contén todo a banda -Lucía, Miguel, Toxo, Gonzalo e Folgueira- segue a manter o espírito de facer rock galego e en galego, aínda que con novas ideas e sons que a banda quixo deixar plasmados nel. A temática das cancións vai dende a reivindicación social ata o máis puro sentimento e emoción. A primeira data coñecida da xira de presentación deste novo disco será o 17 Marzo, no Pub Óxido de Lalín, e a banda xa ten máis citas para os seguintes meses en outros locais.
O primeiro disco de Supernatural chega en dúas versións en castelán e inglés
Xénero:
| 18 / 1 / 2018Once temas de rock melódico compoñen o primeiro disco de Supernatural, a banda que compoñen Suso Valcárcel (batería), Daniel Lemos (baixo) e Fran Almodóvar (guitarra) e que conta como vocalista con Thais Rudiño, que acadou sona por participar o pasado ano no concurso televisivo La Voz. Como grande peculiaridade, este álbum de debut preséntase en dúas versións, unha cantada en castelán e a outra en inglés, cos títulos respectivos de Nada que fingir e Nothing to pretend. Segundo explica a banda, aínda que os temas son os mesmoas, as letras sofren prequenas variacións en cada lingua. O álbum, autoeditado, gravouse nos estudios Los Rosales en Madrid. A banda anuncia en Ribeira, o 9 de febreiro, o seu vindeiro concerto de presentación.
Propostas trasgresoras nacionais e internacionais para o cartel do Vº A Candeloria de Lugo
Xénero:
| 24 / 11 / 2017É a cita festivaleira máis temperá de cada ano e a cada edición consegue consolidarse máis e crecer. O festival A Candeloria de Lugo celebrará entre o 22 e o 24 de febreiro a súa quinta edición reunindo unha vez máis un interesante cartel de bandas de punk e rock das escenas internacional e nacional con presenza sempre de propostas galegas entre a súa selección e un carácter contestatario en moitas das súas propostas. A falta aínda de dúas bandas por anunciar xa son 20 os nomes confirmados durante esta semana para esta edición, a mítica banda británica GBH encabeza o cartel e con eles estarán outra coñecidas formacións como Dubioza kolektiv, Mafalda ou Narco ademais de Bala, Agoraphobia, Habelas Hainas, Aphonnic, Machina, Ses, O Puto Coro do exército Froilanista, True Mountains, Satanic Surfers, No Fun At All, As Punkiereteiras, Skama La Rede, CRIM, Huntza, Leo Arremecághona e Desakato. O festivasl xa leva vendias máis dun milleiro de entradas e o abono de 3 días + Acampada está dispoñible por 36€.
Víctor Aneiros cambia de ritmo e idioma no seu oitavo álbum
Xénero:
| 20 / 11 / 2017O guitarrista e compositor ferrolán Víctor Aneiros lanza ao mercado o seu último álbum, oitavo da súa carreira, baixo o título de Un extraño entre la multitud. O proxecto mostra unha nova faceta do artista que decidiu cambiar a melancolía blusera, por ritmos roqueiros máis dinámicos e a lingua galega, que caracterizaba ata o de agora as súas letras, polo castelán. Potentes riffs e punteos de guitarra de indiscutible calidade, como nos ten afeito Aneiros, caracterizan a volta do músico, que contou nesta ocasión coa colaboración do produtor Segundo Grandío.
Resurrection Fest presenta a metade do seu cartel para 2018
Xénero:
| 17 / 11 / 2017O Resurrection Fest 2018 ven de facer o seu primeiro anuncio de bandas para esta décima terceira edición que terá lugar en Viveiro entre o 11 e o 14 de xullo. Cincuenta e tres dos 100 nomes que formarán parte do cartel do festival xa se coñecen desde hoxe e na parte alta, como grandes bandas atraentes de público masivo esta dous das máis míticas bandas de heavy Rock da historia, que forman parte das biografías musicais de milleiros de persoas nacidas nos anos sesenta e setenta: os americanos Kiss e os alemáns Scorpions. Na edición de 2017 contabilizáronse máis de 80.000 asistentes ao longo dos catro días e o festival acadou o Premio á mellor zona de acampada dos festivais españoles nos Premios Fest.
A Mardi Gras comeza un mes de celebración do 18 aniversario
Xénero:
| 2 / 11 / 2017En novembro de 1999 abría as súas portas na Coruña a Sala Mardi Gras rememorando o espírito dos garitos de New Orleans, buscaba ofrecer música en directo cada semana cunha axenda de concertos de artistas moi seleccionados que foron dando personalidade propia ao recinto como axente cultural de primeira orde na cidade. Este mes a Mardi Gras cumpre dezaoito anos en activo con milleiros de concertos ás súas costas e como un dos locais de referencia da música en directo en Galicia acollendo actuacións de bandas internacionais, estatais e grupos emerxentes. A celebración ofrecerá 18 concertos nun mes e algunhas novidades para o futuro.
REPORTAXE

Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música