Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Tanxugueiras e Fillas de Cassandra finalistas en catro categorías dos Premios MIN
Tanxugueiras e Fillas de Cassandra finalistas en catro categorías dos Premios MIN
marzo 21, 2024
Pasadas as fases de votación do público e do xurado profesional os XVI Premios Min da música independente española presentaron onte a lista de finalistas de cada categoría, xa con vistas a resolverse o vindeiro 17 de abril na gala de entrega de galardóns. Cinco proxectos musicais compoñen esta lista final de cada premio e ata doce nomes proveñen da escena musical galega. No caso do premio ao Mellor Álbum en Galego os candidatos que poden levar o premio deste ano son Grande Amore, por II (Ernie Records); Fillas de Cassandra, por Acrópole (Tremendo Audiovisual); Caamaño & Ameixeiras, por 'Quitar o aire' (Raso estudios); Ortiga, por 'Ortiga e Pili Pampín' (Ernie Records) e Boyanka Kostova, por ' Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados' (Ernie Records). A categoría está claramente dominada por apostas que transitan entre a música urbana e a tradicional, con tres referencias da discográfica Ernie records e unha duplicidade por parte de 'Chicho do funk', presente a través do seu proxecto Ortiga e tamén como metade do dúo Boyanka Kostova. Ademais diso, esta é unha das dúas categorías onde compiten entre si Fillas de Cassandra e Caaamaño & Ameixeiras, que tamén son finalistas a Mellor Álbum de Música de Raíz. En concreto, o proxecto de Fillas de Cassandra xunto co das Tanxugueiras, son as representacións da escena galega máis presentes nestas candidaturas finalistas dos Premios MIN, aspirando a levara ata catro galardóns.
O trío de pandereteiras opta a gañar nas categorías de Canción do Ano, Mellor Produción Musical, Mellor Letra Orixinal e Mellor Videoclip, categoría esta na que coinciden co dúo de Vigo , que tamén é finalista no premio a Mellor Artista Emerxente e ao xa mencionados Mellor Álbum de Música de Raíz e Mellor Álbum en Galego. No relativo á escena musical galega séguelles en posibilidades de galardón o dúo formado por Baiuca & Alba Reche, que tamén é finalista en Canción do ano, Mellor Gravación de Electrónica e Mellor Produción Musical. Outros artistas galegos completan a lista de doce nomes da música galega presentes nesta fase final, seleccionados de entre os corenta que iniciaron o proceso. Hai que destacar que coa presenza do dúo Bala con 'Prisas' ( Dir. Leo López) entre os finalistas a mellor Videoclip , esta categoría ten maioritaria presenza galega grazas a Aire (Trece Amarillo), de Tanxugueiras e Lisístrata ( Dir. Santiago Iglesias e Fillas de C.) de Fillas de Cassandra.
Os veteranos Triángulo de Amor Bizarro, tantas veces recoñecidos enestes galardóns da música independente están tamén presentes este ano como finalistas a Mellor Álbum de Rock. Outros dos artistas consolidades presentes son tamén Xoel López, que coloca o seu 'Caldo espírito' nas candidaturas a Álbum do Ano e Mellor Álbum Pop, e Carlangas (ex- Novedades Carminha) que aspira ao premio a Álbum Pop polo disco homónimo Carlangas (Ernie records) e tamén a ver recoñecido o Diseño Gráfico que o acompaña. Entra tamén nas candidaturas finalista a Artista Emerxente do ano 2023 o grupo muradán The Rapants. O 17 de abril, nunha gala a celebrar en Zaragoza daranse a coñecer os premiados destes galardóns da música independente que chegan xa á súa décima sexta edición.
Tamén che pode interesar:
- 18/ 4/ 2024 | Os músicos galegos recollen cinco galardóns nos Premios da Música Independente estatais
- 23/ 2/ 2024 | Corenta artistas de Galicia piden apoio para os Premios MIN
- 22/ 5/ 2023 | Tanxugueiras volven triunfar nos Premios MIN
- 11/ 5/ 2023 | Corenta e cinco nomes optan aos Premios Martín Códax como finalistas
- 27/ 4/ 2023 | As Tanxugueiras reciben o Premio Odeón da AGEDI
Ligazóns
Relacionadas
- Fíllas de Cassandra enfía en 'Acrópole' mitoloxía grega con trad e electrónica
- HEMEROTECA: Corenta artistas de Galicia piden apoio para os Premios MIN
- O novo álbum de Boyanka Kostova amosa a versatilidade rap do dúo
- Caamaño&Ameixeiras mudan o paso con Quitar o aire
- Grande Amore presenta o seu segundo disco