Corenta artistas de Galicia piden apoio para os Premios MIN
febreiro 23, 2024
Ata corenta artistas da escena musical galega forman parte das candidaturas desta fase dos Premios MIN da música independente estatal, case a metade deles compiten, entre outras categorías, na de Mellor álbum en galego do 2023. Estes premios organizados pola Unión Fonográfica Independiente (UfI), que van pola súa XVIª edición, contemplan ata 21 categorías de galardóns diferentes, xa sexa por xénero, formato, técnicos ou por linguas, ademais dun premio honorífico. Actualmente o proceso da convocatoria actual vai pola súa cuarta fase, o que implica a votación pública a través da plataforma en liña ata o 8 de marzo, tras diso será o momento dun xurado designado pola organización para definir os finalistas.
Na categoría de Mellor Álbum en Galego, que esixe canda menos un 70 por cento de cancións dun disco nese idioma, reúnense case vinte proxectos musicais nesta fase de votación do público. Veteranos como Budiño, Susana Seivane, Ruxe Ruxe, Terbutalina ou Ataque Escampe buscan este recoñecemento xunto con algúns dos proxectos máis puxantes destes últimos anos como Grande Amore, Fillas de Cassandra, Caamaño & Ameixeiras, Boyanka Kostova, Ortiga, The Rapants ou Mondra. A lista de candidatos nesta categoría distinguida polo uso do noso idioma nun traballo discográfico do pasado ano complétana Ailá, Zeltia Irevire, Caldo, Loita Amada, Filloas e Alejandra Díaz.
Outros artistas da nosa escena musical están presentes nesta fase e poden ser votados polo público para aumentar as súas posibilidades en varias categorías, algúns deles, como Carlangas, (ex- Novedades Carmiha), Tanxugueiras, Baiuca ou Triángulo de Amor Bizarro poden presumir de ter acadado anteriormente algúns destes premios e nesta ocasión volven estar en varias categorías. Completan a presenza galega nesta fase Xoel López, Bala, Alberto Conde, Blanco Palamera, Thee Blind Crows, Furious Monkey House, Hydn, Pablo Lesuit, Sinestesia, Lume de Biqueira, Xía Rodríguez, Escuchando Elefantes, Iria Folgado, Sabela, Sabela Cereigo e Iñigo Quintero. Os gañadores saídos das fase de votos do público e votos do xurado daranse a coñecer nunha gala que se celebrará o 17 de abril en Zaragoza.