Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A Real Filharmonía dedica a súa nova temporada ás Migracións

A DIVERSIDADE E O EXILIO PROTAGONIZAN BOA PARTE DOS CONCERTOS DA FORMACIóN

A Real Filharmonía dedica a súa nova temporada ás Migracións

CLáSICA/LíRICA | xuño 22, 2023

imaxe non dispoñible

A se estrear como responsable artístico da formación, Baldur Brönnimann daba a coñecer este 21 de xuño a nova temporada da Real Filharmonía de Galicia en Santiago de Compostela. Migracións é o título deste programa e o fío que integra todas as propostas que a orquestra desenvolverá nos vindeiros meses.

Cunha aposta pola diversidade, o programa incluirá música de herdanza africana da man das compositoras Florence Price ou Hanna Kendall, chinesa con Huang Ruo e propostas de épocas e estéticas moi diferentes, desde Boccherini ou Brunetti ata obras de Bach, Haydn, Schubert, Cage ou Mazzoli.

Compositores exiliados como Stravinski, Ligeti, Rachmaninov, Weill, Wagner ou Dvořák protagonizarán un dos bloques do programa. A finlandesa afincada en París Kaija Saariaho e a figura do español Roberto Gerhard compoñen tres grandes bloques arredor do fenómeno migratorio.

Dentro do programa de apoio a novos talentos estrearanse coa formación as directoras Rita Castro Blanco, Johanna Malangré ou Judith Jáuregui; o frautista galego André Cebrián, o virtuoso do sheng Wu Wei ou o director e clavecinista Aarón Zapico. Tamén se programarán obras de encarga dos compositores galegos Hugo Gómez-Chao que estreará Schattenhaft e Jacobo Gaspar que ofrecerá De Mar a Mar entre outras dez estreas estatais.

A formación tamén reforza a súa actividade educativa e familiar cos proxectos Pulcinella, O gato con botas e Pleasure Island. Como novidade nesta xeira, a RFG bota a andar un novo formato de programa chamado (EN)FOCO con espectáculos comentados dunha hora de duración os venres.