Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Paul Daniel deixa a dirección da Real Filharmonía de Galicia

O BRITáNICO ANUNCIA QUE EN DECEMBRO MARCHARá AO REMATAR O CONTRATO VIXENTE

Paul Daniel deixa a dirección da Real Filharmonía de Galicia

CLáSICA/LíRICA | febreiro 7, 2022

imaxe non dispoñible

Paul Daniel (Birmingham, 1958), director artístico e titular da Real Filharmonía de Galicia dende 2013, acaba de comunicar a súa decisión de renunciar á titularidade da orquestra ao rematar o vixente contrato, en decembro de 2022. Na súa carta de renuncia o director lembra como ao comezo do seu período coa RFG, declaraba que consideraba que ningún director titular debía ocupar o cargo máis de dez anos. Coa súa saída da orquestra en decembro o británico cumprirá esa marxe dunha década á fronte da formación. O Consorcio de Santiago e a Real Filharmonía de Galicia fixeron público este feito ao tempo que comunicaron que procurarán ao longo do ano un relevo á altura da traxectoria do director saínte.

A Real Filharmonía de Galicia e o Consorcio de Santiago decláranse profundamente agradecidos ao mestre Paul Daniel por estes dez anos de produtiva colaboración, sentimento que resulta mutuo. Segundo palabras do propio mestre, "un director musical ten moitas responsabilidades, pero, por riba da programación da temporada, por riba da introdución de novas iniciativas, do encargo de novos traballos, da promoción da música galega, das xiras e das gravacións… por riba de todo iso, o máis importante é o noso público e os músicos da orquestra". Malia esta despedida, segundo sinalan desde a RFG e o Consorcio de Santiago, a colaboración entre a orquestra e Paul Daniel "seguirá no futuro máis alá de 2022, como non podía ser doutro xeito, e na axenda xa están marcadas, para 2023, varias datas nas que realizaremos fermosos proxectos xuntos", indican.