Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Amigos da Ópera da Coruña recibe o premio de honra Ópera XXI

A ASOCIACIóN DE TEATROS, FESTIVAIS E TEMPORADAS ESTABLES DE ÓPERA ENTREGA HOXE OS SEUS GALARDóNS EN BARCELONA

Amigos da Ópera da Coruña recibe o premio de honra Ópera XXI

CLáSICA/LíRICA | marzo 21, 2019

imaxe non dispoñible

O Gran Teatre del Liceu de Barcelona acolle esta noite a gala de entrega dos I Premios Ópera XXI. A Asociación de Teatros, Festivais e Temporadas Estables de Ópera organiza estes galardóns cos que recoñece a excelencia neste campo e mais traballo a nivel estatal a prol da arte lírica. A Asociación de Amigos da Ópera da Coruña obtivo, nesta primeira xeira, o Premio Honorífico, que se outorga á "contribución significativa ao mundo da lírica". Canda á entidade herculina o tenor Josep Carreras recibirá tamén un premio honorífico. A selección realizouse entre máis de vinte candidaturas ao galardón.

Con este premio, Ópera XXI apunta que "a coincidir coas celebracións dos 250 anos da fundación do primeiro teatro de ópera nesta cidade o 65 aniversario do Festival de Ópera da Coruña" a entidade quere "enviar ás institucións unha clara mensaxe sobre a necesidade de aumentar os apoios destinados á actividade lírica, e de xeito explícito ao labor que vén realizando Amigos da Ópera da Coruña, a entidade decana entre as españolas". Ademais, a entidade sinala que "desde que en 2016 se producira a cancelación da súa temporada lírica, Amigos da Ópera seguiu loitando de xeito heroico por manter en Galicia unha programación de calidade, unanimemente recoñecida, aquí e fóra, con medio cada vez máis precarios".