Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Aida e Romeo et Juliette protagonizan a Temporada Lírica da Coruña

A ASOCIACIóN DE AMIGOS DA ÓPERA PROGRAMA 30 EVENTOS ENTRE SETEMBRO E DECEMBRO

Aida e Romeo et Juliette protagonizan a Temporada Lírica da Coruña

CLáSICA/LíRICA | xuño 29, 2023

imaxe non dispoñible

O vindeiro 12 de setembro bota a andar a nova xeira da Temporada Lírica da Coruña. A Asociación de Amigos da Ópera presentaba este 28 de xuño o programa que celebrará unha trintena de actividades ata o día 15 de decembro. Representacións da ópera Aida de Verdi e mais de Romeo de Juliette de Charles Gounod preséntanse como pratos fortes do ciclo.

Un concerto do barítono Luís Cansino no marco do ciclo "Os nosos intérpretes" o día 12 abre a temporada. Unha conferencia sobre Aída inicia o programa o 13 de setembro mentres a ópera poderá verse os días 14 e 16 dese mes con dirección de José Miguel Pérez Sierra, a Orquestra Sinfónica de Galicia e Marigona Qerkezi, Nino Surguladze e Jorge Puerta nos papeis principais. A obra de Gounod, pola súa banda, chegará a escena os dias 27 e 29 con Mario Bahg como Romeo e Sofia Esparza a interpretar a Juliette con dirección de Alain Guingal.

Para novembro está prevista a representación da ópera barroca Il ritorno d´Ulisse in patria de Monteverdi a cargo de Ensemble I Gemelli. Completa o repertorio de óperas que se poderán ver nesta temporada Oca. Escrita polo galego Juan Durán sobre textos de Gloria Rico, é esta unha proposta para público familiar e interpretada por crianzas.

Un concerto de Francesca Aspromonte o día 14 de novembro e mais a Gala Lírica de Clausura a cargo de Aida Garifullina o 15 de decembro completan o programa de actuacións. Conferencias, proxeccións e homenaxes fan tamén parte desta iniciativa.