Primeiro disco en solitario do percusionista Miguel Lamas
novembro 18, 2016
O percusionista ferrolán Miguel Lamas, bregado musicalmente a moi altos niveis a pesares da súa xuventude (23 anos), saca estes días o que é o seu primeiro traballo asinado en solitario Melted Lives (Autoeditado). En concordancia co título no álbum fusiónanse con liberdade ao xeito de jazz fusión unha amalgama de estilos como funk, jazz, rock, flamenco e incluso sonoridades da música de cine. En total dez temas, dous deles con títulos en galego - A Espera Dos Acontecementos; A Púa Entre Os Dentes- todos menos un compostos por Iago Mouriño e Sergio Delgado. O disco presentarase en concertos acompañado en directo dos músicos cos que forma o Miguel Lamas Quartet e cos que contou tamén para a gravación, Iago Mouriño (piano), Pablo Añón (saxo e efectos) y Octavio Vargas (baixo). Xunto a eles Lamas ten crecido e desenvolvido parte da súa carreira musical desde os seus comezos.
Ademais da banda, colaboraron tamén no disco músicos da talla de Tom Kennedy, Pepe Bao, Álvaro Gandul, Jorge Pérez (Patáx) ou Andreas Lutz. A xira de presentación comezará na súa cidade natal, en Ferrol, no Teatro Jofre o vindeiro 9 de febreiro, para pasar a continuación nos dous días seguintes á Sala Garufa da Coruña e á Fábrica de Chocolate en Vigo, consecutivamente. Lamas colaborou durante a súa traxectoria con artistas como Raimundo Amador, Miguel Ríos, Tomasito, O’Funk’illo, Abraham Mateo e outros moitos ademais de ter realizado ‘clinics’ e Master Class por medio mundo para as marcas de instrumentos de percusión das que é Artista Internacional; Pearl Drums, Zildjian Cymbals, Evans Drumheads e Wincent Drumsticks.
Smoke in Tunisia, unha das pistas do novo álbum Melted Lives, coas colaboración de: Andreas Lutz nas voces, Jorge Pérez (Pátax) percusión e Olaya Alcázar nas voces.
Tamén che pode interesar:
- 30/ 7/ 2009 | Sae á venda Contratempos de Xoán Rodríguez Proxet
- 24/ 11/ 2008 | O disco en solitario de Roi Casal sae á venda hoxe
- 10/ 10/ 2008 | O Mc vigués Pániko sae a tomar as rúas co seu primeiro disco en solitario
- 22/ 8/ 2008 | Primeira canción e videoclip do disco en solitario co que Miguel Costas volve a escena musical
- 17/ 12/ 2007 | Tino Baz presenta o primeiro disco en solitario da súa extensa carreira de cantor