Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O Cabos Soltos volve colocar Pontevedra como nó do sector musical
Xénero:
| 21 / 4 / 2023Cabos Soltos volve a Pontevedra os vindeiros 28 e 29 de abril celebrando as terceiras xornadas técnicas e dúas xornadas de música e creatividade nos locais, cafeterías, salas e nos espazos públicos da cidade. O programa foi presentado onte pola concelleira pontevedresa Anabel Gulías, xunto con Marcos Rivas, da Sala Karma, e Patricia Hermida, coordinadora da xornada técnica. Esta iniciativa xurdiu no ano 2019 como unha resposta local ás restricións que causaba a nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, creando unha fórmula na que o propio Concello actuase como organizador dos eventos nos locais de hostalaría e ao mesmo tempo visibilizar a cultura de base, e a creación emerxente así como fortalecer o tecido económico local a través tamén da hostaleira. O desenvolvemento destas actividades, que se levarán a cabo os vindeiros días 28 e 29 de abril, pretenden favorecer o tecido creativo e emerxente da cidade a través de programacións e de xornadas de formación. No relativo ás actuacións musicais, haberá case un cento de artistas espallando as actividades en máis de 30 locais hostaleiros da cidade., comezando este mesmo venres 21 de abril.
Ataque Escampe volven de a cabalo do pasado en Cabalgata
Xénero:
| 18 / 4 / 2023Cabalgata, o oitavo disco de Ataque Escampe, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. Trátase do primeiro LP que publica a banda compostelá tras da dupla saída en 2018 de "Ídolos adolescentes (2007-2011)" e "A vida dos animais (2012-2018)" e de varias mudanzas na formación. O fío principal do novo disco é o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, "como espazo inesgotable que nos interpela". De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas claramente perceptibles con sonoridades dos anos 80 e 90, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados, a emotividade da relación cos animais á que podería apuntar "Cabaliño lento", o terceiro adianto do LP -estreado o 31 de marzo- e tema que pecha o álbum. Ataque Escampe presentará Cabalgata na Sala Capitol o sábado 29 de abril, nun evento que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín. Así, péchase en certa maneira o círculo aberto pola mención á Banda dentro do disco ou a presenza de parte da súa formación no videoclip do adianto Lamborghini. As entradas xa están á venda.
Magín Blanco publica "Caderno de cores e cancións"
Xénero:
| 17 / 4 / 2023O músico Magín Blanco (A Rúa, 1960) volve á actualidade editorial co seu novo libro-disco, publicado na colección Sonárbore de Galaxia, "Caderno de cores e cancións", ilustrado por Sonia García. Este libro supón o regreso do músico ourensán ás tendas de discos e librarías de Galicia logo duns anos de silencio. Este novo traballo veu precedido por un espectáculo co mesmo título que Blanco, acompañado de Pablo Vidal, presentou o pasado ano como proposta de dinamización en formato concerto-obradoiro como un espazo de interacción e intercambio co público para que, de forma colectiva, se creasen novas pezas, que agora se recollen na publicación. Todas as cancións que se inclúen neste libro-disco, accesibles a través dun QR que contén no interior, foron compostas por Magín Blanco e gravadas e mesturadas por Segundo Grandío en Casa de tolos. Os textos que preceden a cada canción foron escritos polos alumnos de primaria do CEIP da Carrasqueira, en Coruxo, Vigo agás o primeiro, que fixeron os usuarios de APMP ao remate dun obradoiro de cancións que con eles se realizou.
Filloas xa vai polo seu segundo traballo en menos dun ano
Xénero:
| 14 / 4 / 2023Aínda non fai un ano que saía o seu primeiro disco longo como FILLOAS, e xa temos aquí o novo traballo do artista vigués Iago Galego Ferreiro, co explícito nome de "O Segundo Disco xd" e de novo distribuído pola plataforma A Regueifa 2.0. Malia a escasa marxe entrambos lanzamentos a comunicación do novo disco asegura que con el o proxecto de Galego "chega á súa maioría de idade", presentando estes dez novos temas gravados nos estudos composteláns Garaxeland. O certo é que hai diferenzas nas sonoridades deste novo disco e o anterior, no sentido dunha sofisticación respecto ao que xa se amosaba no primeiro álbum, un paso máis que dá consistencia ao seu estilo. As melodías electro-pop e synth-pop bailables conforman o núcleo duro do disco incluíndo ritmos urbanos e querencia guitarreira, sobre un libreto de letras de ton existencialista e desencantado que, segundo comunican, "provoca ter medrado entre crises económicas, pandemias, a abafante presión das redes sociais e a precariedade laboral", contando situación cotiás relacionadas con sentido do humor co desamor, as inquedanzas sociais, a cultura pop e, por riba de todo, unha sensación de frustración persoal provocada, segundo din polo "día a día da vertixe capitalista". O primeiro tema de lanzamento, "Cando estás durmida", chega acompañado dun videoclip que reivindica a amizade coma perfecto remedio contra a ansiedade existencial.
Un certame para mergullarse na lírica galega e poñerlle música
Xénero:
| 4 / 4 / 2023Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas (17 de maio), que este ano homenaxean a Francisco Fernández del Riego, e co obxectivo e de incentivar o uso da lingua galega na música creada e interpretada no municipio, o Concello de Pontevedra convoca un novo certame musical aberto baixo o nome de "Música nas Letras 2023". Para participar nel, as bandas ou artistas deberán musicar, con composicións orixinais, un poema ou mestura libre de versos da autoría de calquera das figuras homenaxeadas nas Letras Galegas desde o inicio desta celebración no ano 1963 até este 2023. As bases permiten a presentación de composicións musicais de calquera xénero ou estilo e para entrar resulta preciso que, canda menos unha persoa poida acreditar ser de Pontevedra.
Boroa presenta un traballo de experimentación arredor da gaita
Xénero:
| 27 / 3 / 2023Boroa é un grupo de Ribeira (A Coruña) conformado por Sabela Olivares (gaita, piano, pandeireta e voz), Suso Bello (guitarra) e Alberto Millán (baixo) que veñen de presentar o seu primeiro traballo longo autoeditado "O´Clásico Fol". O disco de 9 cortes amosa un proxecto que xira ao redor da funcionalidade e a versatilidade da gaita, ademais da súa adaptación ás novas tecnoloxías do século XXI. Boroa crea un mundo sonoro coa gaita como protagonista alén de fronteiras para achegarnos harmonías de diferentes xéneros musicais pasados polo filtro acústico: folk tradicional galego, swing, jazz manouche, ragtime… etc. Composicións propias de Olivares e Bello conforman o disco, presentado este mesmo mes.
Ruxe Ruxe ilumina a escuridade no seu novo disco
Xénero:
| 17 / 3 / 2023Hoxe ve a luz o novo traballo discográfico de Ruxe Ruxe, "Unha noite no interior dunha faísca" (Lobicán Records, 2023), que xa se pode escoitar nas principais plataformas dixitais. A banda de rock compostelá acada con este disco o número 17 de traballos publicados nos seus máis de 25 anos de traxectoria, desde "Ruxe-Ruxe" (1999) e despois "Non temos medo" (Clave Records, 2000) en clave Bravú, asegurando neste caso un xiro de guión e outras sorpresas nas que amosan que seguen sen ter medo a propios ou estraños. "Unha noite no interior dunha faísca" preséntase coma un álbum cargado de luminosidade, sen perder un ápice da súa loita como bandeira, e cunha aposta pola evolución nos seus sons e na súa voz. Tres anos separan o disco do anterior "O estraño falar dun monstro da aldea" (Lobicán records, 2020). A banda presentará en concerto este novo traballo o sábado 25 de marzo volvendo á Sala Capitol, lugar moi presente na súa traxectoria destes 25 anos.
Chega a Santiago a mostra "FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia"
Xénero:
| 13 / 3 / 2023Unha intervención musical de homenaxe a Moncho Díaz engadirase este martes, 14 de marzo, ao acto inaugural de presentación da exposición "FUXAN OS VENTOS. 50 anos de historia", que se presenta en Santiago de Compostela tras do seu paso por Lugo. O pequeno concerto, a celebrar no Auditorio Abanca da capital galega na rúa do Preguntoiro, servirá tamén para que os membros da semicentenaria formación executen ante público a canción "Eu en ti", creada como homenaxe ao moi recentemente falecido Díaz, que foi un dos piares de Fuxan os Ventos desde o ano 1979. A canción, presentada pouco despois da morte de Díaz o pasado 17 de febreiro, pon música a un poema de Celso Emilio Ferreiro a través de una composición de Xoán Luís Fuertes Saavedra.
Os Premios Martín Códax da Música presentan a décima edición este ano
Xénero:
| 6 / 3 / 2023Os Premios Martín Códax da Música fan dez anos da man da asociación Músicas ao Vivo (MAV) e abren a súa convocatoria 2023 a todos os proxectos musicais galegos vixentes e en activo durante este último ano. Como "edición da consolidación", definiron Sheila Patricia e Patty Castro, presidenta e tesoureira de MAV respectivamente, esta entrega de número redondo. Desde o seu nacemento, os premios marcáronse como obxectivo visibilizar a creatividade musical de artistas e bandas de Galicia e o potencial da música como sector estratéxico, desde o punto de vista social e económico. A edición foi presentada este luns 6 de marzo no Salón Teatro de Santiago de Compostela xunto aos patrocinadores Bodegas Martín Códax, Agadic-Xunta de Galicia e Concello de Pontevedra, faltando representación da Deputación de Pontevedra.
Fíllas de Cassandra enfía en 'Acrópole' mitoloxía grega con trad e electrónica
Xénero:
| 3 / 3 / 2023As viguesas María Pérez (1996) e Sara Faro (2001) son Fillas de Cassandra, un proxecto musical que toma coma referencia o mito de Cassandra, muller á que se lle negou á voz, e lembran que elas son porque antes houbo quen loitou, quen deu vida. É así como nace Fillas de Cassandra, que agora presenta en directo o seu primeiro disco, "Acrópole", este sábado, 4 de marzo, a partir das 21.00h na Sala Capitol de Santiago de Compostela. A voz, as percusións, o piano e os sintetizadores son os fíos cos que o dúo tece as súas composicións, que beben tanto da música e das coplas tradicionais coma da música clásica o do pop, e que agroman dun xeito natural acompañadas dunhas contundentes bases electrónicas.