Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Cantando a Galicia: O retorno ás verbenas

Xénero: Melódica | 10 / 6 / 2013

cantando_galicia_capa_bbb.jpg

"Temas míticos da verbena clásica", incluíndo cancións como Lela, Aí vén o Maio, grupos como Los Tamara e Los Satélites ou cantantes como Andrés do Barro ou Ana Kiro, pasando por boleros, pasodobres ou cha-cha-chas. Esta é a proposta de Cantando a Galicia, o espectáculo que acaban de presentar Sito Sedes, Paco Lodeiro e Rosa Cedrón e que pretende proporse como unha alternativa para as verbenas deste verán. O proxecto inclúe ademais un disco, editado por Nakra e gravado nos estudios desta compañía na Coruña. O traballo recollerá nove temas clásico do repertorio de verbenas e sairá á venda o vindeiro 17 de xuño.

Compostela acolle o concerto infantil dedicado a Rosalía

Xénero: Coral | 7 / 6 / 2013

imaxe non dispoñible

No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía é o título da actividade que organizan para esta tarde o Consello da Cultura e mais a Consellaría de Cultura. A iniciativa consiste nun concerto no que 400 nenos e nenas de 8 a 12 anos pertencentes ao alumnado de centros de ensino musical interpretarán Maio longo, Rosa de abril, En Cornes e Negra sombra, acompañados polo grupo de metais Hércules Brass e baixo a dirección de Maximino Zumalave. Aínda que a actividade estaba prevista para se realizar na Praza da Quintana, finalmente será a igrexa de San Domingos de Bonaval a que acolla o evento a partir da 17:30 horas de hoxe.

Sés volta con Co xenio destrozado

Xénero: Jazz/Blues | 6 / 6 / 2013

co_xenio_destrozado_ses.jpg

Logo do éxito de Admirando a condición, María Xosé Silvar, Sés, volta con Co xenio destrozado. Editando desta volta don Fol Música, a cantante propón novos temas na súa liña de mestura rock, soul ou rythm&blues. Acompañada por Tito Calviño na guitarra, Marcos Pazo á batería e Fran Sanz co baixo, a propia Sés correu coa produción do disco nos estudios Bruar da Coruña. Un concerto no Teatro Principal de Santiago serve de presentación do proxecto o venres 7 de xuño. O CD sae á venda o vindeiro martes 11.

Kérkennai volta con Un soño cotián de bolboretas

Xénero: Folk | 4 / 6 / 2013

kerkennai_sonho_cotian_bolboretas.jpg

Desde a Baixa Limia o grupo Kérkennai lanza o seu terceiro traballo. Un soño cotián de bolboretas é o primeiro disco da banda desde 2007, no que continúa a aposta polo folk cun son no que se atopan o violonchelo a frauta, as guitarras ou o bouzouki, alternando sons tradicionais con incursións en xéneros coma o jazz. Os nove temas graváronse nos estudios Phonos da Estrada e o disco está autoeditado. O traballo contou coas colaboracións de Uxía, Pablo Díaz e Pedro Pascual entre outros.

Primeiro disco de Rafa Fernández Quinteto

Xénero: Jazz/Blues | 27 / 5 / 2013 + AUDIO

rafa_fdez_quinteto_capa.jpg

Max Gómez á batería, Pablo Castaño no saxo alto, Alex Salgueiro ao piano eléctrico, Xacobe Martínez co contrabaixo e Rafa Fernández na guitarra e composición forman o Rafa Fernández Quinteto. A formación acaba de publicar, da man de Freecode Jazzrecords o seu primeiro traballo homónimo do grupo, 9 temas de jazz vencellados á terra (Cospeito, Río Mao) e as persoas máis próximas a Fernández (Tío Oli, Uxia, Paquiño) gravados en xaneiro de 2013. Rafa Fernández (Noia 1983) lidera esta banda que tamén compaxina co Rafa Fernández Trío. Nesta ocasión faise acompañar doutros novos pero experimentados músicos de jazz formados moitos deles con estancias en Nova York e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra con Paco Charlín.

Galego para días libres

Xénero: Infantil | 21 / 5 / 2013

bababum_capa.jpg

Un caderno didáctico con actividades para vacacións dirixido aos máis novos da casa en galego, castelán e inglés. E que inclúe un disco con temas de Aries, Grampoder, Wild Balbina, Musel, Álex Casanova, Javi Pretty, Montañas e Sacramento. Bababúm vacacións é un proxecto que xorde do traballo de Cinta Arribas e María Ramos e mais de Carlos Pereiro (Carlangas de Novidades Carminha) na parte musical. Segundo explican os promotores, a intención desta iniciativa é propor actividades que pais e fillos poidan desenvolver en conxunto. Os interesados en coñecer polo miúdo o proxecto terán unha ocasión na Romaría Pop que se celebra no compostelán parque de Belvís o vindeiro 15 de xuño.

Banda Baile Asalto convida á festa

Xénero: Folk | 20 / 5 / 2013

banda_baile_asalto_capa3.jpg

Temas de festa e de baile, tirados da tradición mais mesturados con metais, guitarras, batería e toques de jazz. Cos seus seis membros repartidos entre Pontevedra e Vigo, Banda Baile Asalto presenta o seu primeiro disco, homónimo do grupo. Gravado nos estudos composteláns A Ponte, en grande medida ao vivo, o CD achega dez temas mais un bonus e conta con colaboracións como as de Eliseo Parra, Uxía Senlle ou Rodrigo Romaní entre outros. O grupo está a desenvolver unha xira de presentación que pasou xa por Compostela, Boiro ou Vigo.

Xogos musicais busca achegarlle o ritmo aos máis novos

Xénero: Folk | 16 / 5 / 2013

xogos_musicais_luis_prego_capa.jpg

Logo do seu traballo con Para cantar e bailar, Luís Prego continúa a afondar nos xeitos de achegar a nosa música tradicional aos máis pequenos da casa con Xogos musicais. Este libro-disco ilutrado que publicou Edicións do Cumio, achega cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas pensadas para iniciar os máis novos no ritmo e a melodía a partir de temas tradicionais e de composicións do propio Prego para traballar cuestións como letras e números. A obra conta con ilustracións de Marta Iglesias e inclúe un CD con 38 temas.

Pito de Pikasso volta con Arrock con chícharos

Xénero: Rock | 15 / 5 / 2013

arrock_con_chicharos_capa_pito_pikasso.jpg

Dous anos despois do último traballo, os composteláns Pito de Pikasso presentan Arrock con chícharos, terceiro disco da formación. O novo álbum, autoeditado, foi gravado no Laboratorio Soyuz e achega doce temas de punk rock en galego. O disco presentarase o vindeiro sete de xuño cun concerto na compostelá Sala Capitol no que tamén estarán Vicky Polard.

Uxía presenta Rosalía pequeniña

Xénero: Infantil | 13 / 5 / 2013

Rosalia_pequeninha_capa.jpg

A Editorial Galaxia presentaba esta mañá Rosalía pequeniña, un libro disco que mestura poemas de Rosalía de Castro, ilustracións de Marina Seoane e mais a voz de Uxía. O proxecto, editado na colección Sonárbore, está dirixido aos máis pequenos da casa e presenta unha Rosalía meniña que busca dialogar directamente cos ouvintes. No disco atópanse colaboracións como as de Sés, Isaac Palacín, Habelas Hainas ou Magín Blanco, e con Sergio Tannus a cargo da gravación e da dirección musical. O volume conta cun total de 28 páxinas e sae á venda por 20 euros.

<< Inicio / Anterior . 791 a 800 de 1446 . Seguinte \ Fin >>