Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Roger de Flor vai para o norte con Os Silvestres

Xénero: Cantautor | 9 / 9 / 2013

hai_un_lugar_no_norte_rogerdeflor2.jpg

Hai un lugar no norte é o título do cuarto disco de Roger de Flor, que o cantautor presenta en compañía de Os Silvestres, a súa banda habitual. O disco supón un xiro na carreira do músico, xa que está integramente en galego e ademais de composicións del mesmo e da banda inclúe versións (de The Pogues, Pete Dello ou Malcolm Scarpa) e recupera temas de traballos previos. A Sala Garufa, na Coruña, acollerá o vindeiro concerto de presentación o vindeiro 6 de setembro. Mentres De Flor anuncia que está a traballar noutro disco en solitario.

TVG prescinde de Alalá! para a nova temporada

Xénero: Folk | 3 / 9 / 2013

imaxe non dispoñible

O programa de música tradicional Alalá! presentado por Pilar García Rego despedirase este vindeiro domingo dos espectadores da Televisión de Galicia coa súa entrega número 210. Segundo veñen de confirmar a través do seu perfil de Facebook o popular programa deixa de existir cun capítulo dedicado á Asociación de Gaiteiros Galegos. O programa Alalá! foi recoñecido no ano 2008 co premio Gaita de Ouro “Constantino Bellón” outrogado polo Ateneo de Ferrol, ademais de outros importantes premios conseguidos anteriormente como o galardón ao mellor programa de Tradición musical outorgado pola Academia das Ciencias e das Artes de Televisión en 2007 e o Premio Galicia Comunicación da Xunta no mesmo ano. O cambio de horario de emisión do programa en 2010, entre outras cousas, motivou daquela un comunicado da Asociación de Gaiteiros Tradicionais denunciando a diminución de tempos e presenza para a música tradicional nos medios de comunicación públicos, recalamación que fixeron chegar aos grupos parlamentarios.

Bicos, abrasos e apalpasos é o debut de Ludovaina

Xénero: Folk | 9 / 8 / 2013

ludovaina_bicos_abrasos_apalpasos_capa.jpg

Logo de dez anos de actuacións e ensaios, o grupo de Cangas Ludovaina acaba de presentar o seu primeiro disco. Bicos, abrasos e apalpasos presenta trece temas de composición propia pero que interpretados polo cuarteto ao xeito máis tradicional. Segundo sinala a banda "queremos chamar a atención de ouvintes doutros estilos musicales e dar un aire novo á música tradicional galega". Os seus animados temas poden escoitarse este verán nos diferentes festivais polos que están a xirar.

Liska! debuta con Sonhos de raiva

Xénero: Rock | 6 / 8 / 2013

liska_sonhos_de_raiva.jpg

Nado aínda en 2011, o grupo Liska! lanza o seu primeiro CD. Sonhos de raiva achega dez temas de denuncia social a ritmo de ská, reggae e punk, entre eles unha cantiga de 1972. Os once membros que participan na banda garanten un son potente e cheo de matices, cunha potente base de metais. O volume, autoeditado gravouse en Muu! Estúdios e e foi producido polos estudios e mais por Liska! produçons.

O Festival de Pardiñas homenaxea a Díaz Castro

Xénero: Folk | 1 / 8 / 2013

imaxe non dispoñible

Os Minhotos, Susana Seivane, Coanhadeira ou Dios ke te Crew son algúns dos grupo que compoñen o cartel da 34 edición do Festival de Pardiñas, que arrinca mañá nesta localidade de Guitiriz. O clásico encontro adquire esta xeira un especial significado pola dedicatoria a Xosé María Díaz Castro co Día das Letras Galegas de 2014. Así, a asociación Xermolos, que organiza a cita, lembrará a figura deste poeta, ademais de artellar unha homenaxe a Xosé Seivane, pregoeiro da primeira mostra de artesanía que se celebrou no seo o Festival. Como novidade, o vindeiro sábado celebrarase por vez primeira en Guitiriz un encontro de Cantos de Taberna, que se suma a propostas habituais como a mostra de instrumentos de música tradicional, a de artesanía ou a carreira popular.

Najla Shami canta a Rosalía

Xénero: Melódica | 1 / 8 / 2013

na-lingua-que-eu-falo_najla_shami.jpg

A feira do libro da Coruña acolle o vindeiro mércores 7 de agosto a presentación de Na lingua que eu falo. A editorial Galaxia acaba de publicar este libro-disco con fotografías de Ainoa Calvo no que Najla Shami interpretapoemas da poeta que complementa con temas propios de ar rosaliano. En total son sete textos musicados pola música, dúas cancións novas a e unha revisión de Negra sombra. O proxecto conta con colaboracións de Pedro Pascual, Sérgio Tannus, Narci Rodríguez e Héctor Lorenzo e mais Xurxo Nóvoa Martins nas letras.

Esquíos publica para libre descarga Porcocan

Xénero: Rock | 24 / 7 / 2013

imaxe non dispoñible

O grupo de punk-rock Esquíos acaba de publicar no seu web unha ligazón para descargar de balde Porcocán, o seu último traballo. Con esta acción, o conxunto pretende homenaxear a Miguel Ángel Castro, o seu vocalista, que faleceu a finais do pasado mes de xuño en plena xira de promoción deste traballo. Segundo explican no web, aínda que non tiñan pensado pór o volume en libre descarga "o que máis queremos é que o traballazo que fixo Moro no mesmo chegue a máxima xente posible".

Anuncio de treboadas

Xénero: Folk | 3 / 7 / 2013

imaxe non dispoñible

Con fondos europeos e co apoio do Concello do Tomiño a asociación Gaiteiros da Xistra leva xa uns anos a traballar para coñecer e difundir as treboadas. Esta forma musical, distribuída nas dúas bandas do Miño e orixinaria cando menos da Idade Media, conta agora cun libro-DVD e cunha consideración renovada mercé a esta iniciativa.

Á sombra da oliveira é o novo de Tanxedoras

Xénero: Folk | 17 / 6 / 2013

tanxedoras_sombra_da_oliveira22.jpg

Cinco anos despois do seu primeiro lanzamento, as viguesas Tanxedoras presentan o seu segundo disco. Á sombra da oliveira inclúe nada menos que 17 temas tradicionais nos que as voces e diferentes formas de percusión, como gaitas, pandeiros ou sachos, son protagonistas, aínda que non faltan tampouco outros instrumentos como as gaitas e os acordeóns. As cinco compoñentes do grupo sinala que no seu traballo buscan a fidelidade ao xeito tradicional de interpretación.

A Requinta da Laxeira lanza Maise

Xénero: Folk | 12 / 6 / 2013

maise_requinta_da_laxeira.jpg

Coa reivindicación do tipo de frauta que lles dá nome por bandeira, o grupo A Requinta da Laxeira acaba de publicar Maise, o seu segundo disco. Como no primeiro lanzamento, a música para requinta é a base dun son no que incorporan tamén voces, percusións, gaitas e acordeóns e que ten na festa e na alegría a súa razón de ser. O grupo, que está integrado na Asociación Cultural San Campio, presentou o novo disco o pasado día 8 na compostelá Sala Capitol, e ten previstas actuacións en eventos como o Festival de Narahío (6 de xullo) ou a Romaría de San Roque en Moraime (17 de xullo).

<< Inicio / Anterior . 781 a 790 de 1446 . Seguinte \ Fin >>