Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Rebeliom do Inframundo lanza A sorpresa

Xénero: Hip-Hop | 21 / 1 / 2013

capa_rebeliom do inframundo_a sorpresa.jpg

Alexandre Bolívar (Dj Rapu) e Cristopher Machado (O’Nervo) conforman desde 2005 Rebeliom do Inframundo, un dúo que practica un rap directo e reivindicativo. A sorpresa, o seu primeiro disco acaba de saír á luz e está dispoñible por 5 euros contactando directamente co grupo. Quince temas con bases rítmicas simples, sen colaboracións vocais e letras altamente críticas co sistema compoñen O proxecto, que ve a luz baixo o selo colectivo vigués especializado en hip-hop Trackasedio e foi gravado en X-Recs.

Homenaxe en clave de rock

Xénero: Rock | 21 / 1 / 2013

capa_vai_polos_padrinhos.jpg

Se gravar un disco de homenaxe xa supón un desafío a nivel de coordinación e traballo, conseguir facelo no máis absoluto secreto, cuns homenaxeados aínda en activo ten máis mérito. Pois é o que acaban de conseguir dezaoito grupos galegos con Vai polos padriños, un disco que quere celebrar os vinte e cinco anos en activo de Zënzar. A iniciativa súmase a unha lista en crecemento de discos tributo e amosa que a nosa música olla para referentes propios.

Os Minhotos presentan Pinga D'auga

Xénero: Folk | 18 / 1 / 2013

imaxe non dispoñible

O pub Clavicémbalo de Lugo acolle esta noite, a partir das 23:30 horas a festa-concerto coa que o quinteto Os Minhotos dá a coñecer o seu disco Pinga D'auga. Doce temas que mesturan composicións propias e temas tradicionais, mesturando gaitas e a percusión tradicionais conzanfona, acordeón, requinta e clarinete. No concerto e hoxe, o grupo estará acompañado por algún dos colaboradores que participaron na gravación do disco.

Nouvelle Cuisine lanza Mientras tanto (Colección otoño​/​invierno)

Xénero: Indie | 15 / 1 / 2013

capa_mientras_tanto_nouvelle_cuisine.jpg

Mientras tanto (Colección otoño​/​invierno) é o título do EP que acaba de presentar o grupo coruñés Nouvelle Cuisine. O disco, autoetidato, recolle seis temas na liña de pop electrónico do grupo. O proxecto gravouse en ad hoc (local sinfónico) e masterizouse en nexo 101 studio. Para alén da edición física pode escoitarse de xeito íntegro no web Bandcamp. O grupo presentou o esta traballo cun concerto na sala Mardi Gras o pasado 29 de decembro, sen que teñan anunciado polo momento novas datas.

Esquíos presenta un disco ao vivo

Xénero: Rock | 11 / 1 / 2013

capa_esquios_ao_vivo_capitol.jpg

O primeiro disco de Esquíos ao vivo está xa dispoñible para descarga na rede. Esquíos ao vivo!(Capitol) recolle o concerto que o grupo deu o 19 de maio de 2010 nesta sala compostelá, para presentar Galician carraxe on garaxe. A obra recolle 22 temas propios e mais unha versión de Radio Océano, e foi gravada pola Radio Galega e emitido no programa Planeta Furancho. O grupo pon agora na rede o traballo íntegro para a súa descarga de balde como un agasallo de reis.

O son do surrealista

Xénero: Miscelánea | 9 / 1 / 2013

miniaturas_granell.jpg

O centenario de Eugenio Granell que se celebrou no pasado 2012 deixounos, como unha descuberta, a vertente musical deste pintor surrealista. Da man da Central Folque, e co apoio da Consellaría de Cultura, presentouse o libro disco Miniaturas de Eugenio Granell: Música revelada, un traballo no que o jazzista cubano Alejandro Vargas reinterpretaba as notas musicais de Granell en dez temas que amosan un son no que se mestura a tradición musical galega, a vangarda ou o jazz. Logo de presentar o proxecto na Cidade da Cultura, están agora dispoñibles na rede fragmentos daquel concerto, que nos permiten coñecer ao vivo o talento musical do pintor.

Cristina Pato lanza Migrations

Xénero: Fusión | 8 / 1 / 2013

migrations_cristina_pato.jpg

Roots and jazz from NYC é o lema que acompaña a Migrations o disco que acaba de presentar Cristina Pato desde Estados Unidos e que chegará ás tendas o vindeiro día 15. A gaiteira sinala que o proxecto quere servir como unha nova presentación do seu traballo a partir dos seus dous instrumentos predilectos, a gaita e o piano. Bases tradicionais reinterpretadas cunha importante base rítmica e toques de jazz marcan o eixe deste traballo, no que se atopan muiñeiras (Muiñeira for Cristina, Muiñeira de Carmen), jotas ou pandeiradas (Pandeirada Bestia) canda a temas coma Dindi ou Blue in Green.

Pedraquetiña presenta Cantares

Xénero: Folk | 2 / 1 / 2013

pedraquetinha_cantares.jpg

Tres xeracións de cantareiras de Toutón (Mondariz) danse cita en Pedraquetiña, un proxecto musical que pretende recuperar os sons dos seráns. Logo de varios anos de traballo, agora tiran á luz Cantares, un disco gravado no estudio Casa de Tolos no que o grupo amosa o seu bo facer con 14 temas que mesturan as melodías e letras tradicionais con composicións propias. En total son dez cantareiras, dúas gaitas, tambor, bombo e acordeón que dan un son centrado na percusión (pandeiretas, cunchas e tarrañolas). O álbum sae á luz da man de Treixadura Gaiteiros Música.

Marcos Teira presenta Flamenco Translations Solo Guitar

Xénero: Miscelánea | 18 / 12 / 2012

marcos_Teira_translations.jpg

Doce versións en guitarra flamenca de clásicos como La flor de la canela, Alfonsina ou mesmo Day Tripper, dos Beatles. Esta é a última proposta de Marcos Teira, que acaba de lanzar Flamenco Translations Solo Guitar. O disco autoeditado fai parte do proxecto didáctico deste músico Flamenco Translations, que consiste en obradoiros, un método de ensino e mais unha serie de CDs que comezan con este.

Ouvirmos presenta Guitarra Clásica Galega

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 12 / 2012

guitarra_clasica_Samuel_Diz.jpg

Dezaseis composicións para guitarra clásica feitas por autores galegos desde os anos 30 ata os nosos días. O selo Ouvirmos continúa co seu traballo de recuperación do patrimonio musical do país con Guitarra Clásica Galega, un disco no que Samuel Diz é o encargado de interpretar dezaseis temas de autores como Rosa García Ascot, Jesús Bal y Gay, Frederic Mompou, José Chás, Oswaldo Oro ou Paco Barreiro entre outros. O álbum, lanzado coa colaboración da Consellaría de Cultura, preséntase cun concerto ás sete desta tarde no Museo do Mar.

<< Inicio / Anterior . 781 a 790 de 1395 . Seguinte \ Fin >>