Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Os Carunchos presentan Ti que?

Xénero: Folk | 19 / 4 / 2013

Ti_que_os_carunchos_capa.jpg

Contaminación, violencia de xénero ou desigualdade económica son alguns dos temas que entran en Ti que?, o quinto disco de Os Carunchos que está xa á venda. Editado por PAI música e gravado nos estudios Casa de Tolos, o volume supón a obra máis plural en sons e temas do grupo. Vincios acollerá, o vindeiro 19 de maio, a presentación oficial do traballo cun concerto.

Das Kapital lanza Grecia

Xénero: Electrónica | 16 / 4 / 2013

grecia_das_kapital.jpg

A seguir a senda de sons electrónicos con aires industriais, Das Kapital acaba de presentar Grecia, o seu segundo traballo. Segundo sinala o grupo na presentación do disco, "Cun pé na electrónica de motor industrial e outro na violencia estrutural, como unha unidade de combate contraria ao pacto melódico, estas oito cancións asumen o erro e o perigo da época". Entre elas, canda a composicións propias, atopamos unha versión do Demoler do grupo peruano Los Saicos, considerada primeira canción punk da historia.

Raios e centolas é o novo de Santos Morcegos

Xénero: Rock | 15 / 4 / 2013

raios_centolas_santos_morcegos_capa.jpg

Un vinilo con oito temas é o terceiro traballo discográfico de Santos Morcegos. Raios e centolas, que acaba de saír á venda, mantén a esencia de música surf totalmente instrumental propia da banda. A retranca do grupo déixase sentir en títulos como Fedorento Five-O, Cowboy das Rías Baixas e Porto Piche.O álbum foi gravado en Baixo Miño Estudios e, ademais de poder mercarse en diferentes tendas, está tamén dispoñible íntegro en Bandcamp

Disco Las Palmeras! lanza Ultra

Xénero: Indie | 11 / 4 / 2013

ultra_disco_las_palmeras.jpg

A discográfica Matapadre acaba de lanzar ao mercado Ultra o segundo CD de Disco Las Palmeras! Once temas cheos de potentes guitarras nos que o grupo desenvolve as súas letras e mantén o característico son sen baixo. Diego Castro é o único membro da formación orixinal que se mantén, acompañado agora por José Castro e Julián Goicoa. Gravado nos Estudios Planta Sónica de Vigo, o volume foi masterizado nos Avatar Studios de Nova York. O grupo anunciou que para a vindeira semana colgarán o disco íntegro na rede. Mentres, Disco Las Palmeras! darán un concerto esta mesma noite na Zona C de Santiago canda a Telephones Rouges como parte do ciclo Compostela Rock.

Budiño lanza Sotaque

Xénero: Folk | 10 / 4 / 2013 + VIDEO

sotaque_budinho_capa.jpg

Fol Música levará ás tendas o vindeiro 23 de abril Sotaque, o sexto disco de Xosé Manuel Budiño. O gaiteiro do Morrazo presenta un volume no que se rodea de colaboradores como Michael McGoldrick, António Zambujo, Cantareiros de O Fiadeiro, Luís Tosar, Carlos Blanco ou Paulo Borges, mesturando os sons tradicionais con novos ritmos e achegando temas melódicos como Déixame Adiviñar. Unha actuación en Luar o vindeiro día 19 dará a coñecer algún dos temas do proxecto. Para o 25 de abril está prevista a presentación oficial cun concerto no Teatro Principal de Compostela, e o 26 será Ourense a cidade que acollerá un recital do músico. O disco gravouse entre os Atlântico Blue Studios de Lisboa e Casa de Tolos, en Gondomar.

Quodlibet lanza A cor do son

Xénero: Folk | 9 / 4 / 2013

a cor do son_quodlibet.jpg

Un concerto no Teatro Principal de Pontevedra presentaba o pasado 15 de marzo o segundo álbum do dúo Quodlibet. A seguir a traxectoria iniciada co seu primeiro disco, A cor do son o grupo explora a conexión entre gaita e piano a partir de pezas tradicionais. Así, a Rumba de Estribela, a Danza de espadas de Cantoarea ou Eu de Marín ausenteime atopan novos aires na fusión destes instrumentos. As vindeiras citas para presentar o volume ao vivo son Valga, o vindeiro 21 de abril, e o Casino de Pontevedra, o 28.

Inquedanzas Sonoras recupera a voz de Manuela Cortizo

Xénero: Folk | 25 / 3 / 2013

Manuela_Cortizo_cantareira.jpg

Con 82 anos de idade, Manuela Cortizo Medal acumula unha intensa experiencia como cantareira. Agora, da man de Inquedanzas Sonoras, ve a luz Cantareira de Barro de Arén, un libro-CD-DVD que recolle un estudo sobre a súa figura da man de Xosé Lois Foxo. Cantos de ronda, xotas, muiñeiras, mazurcas, cantos de oficios e romances danse cita nun disco que amosa preto de oitenta pezas interpretadas por Cortizo unicamente coa súa voz e a pandeireta. Sobre a mesma cantareira xa publicara Calros Solla unha compilación de máis de mil coplas co título de Cantares de Manuela de Barro

Radio Cos achega novos sons para a pandeireta

Xénero: Folk | 22 / 3 / 2013

radio_cos.jpg

Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas, son a base de Radio Cos, un proxecto que leva case unha década a percorrer os escenarios do país. pandeiretas con voces masculinas, arropadas por Pedro Lamas á gaita e ao saxo soprano, Nikolay Velikov no violino e Xan Pampín no acordeón dan unha sonoridade diferente ás melodías tradicionais. Toques balcánicos, son festivos e cantigas coñecidas danse cita neste proxecto, que verá a luz o vindeiro 16 de abril da man de Fol Música.

NAO inicia a xira de Cancións de amor e liberdade

Xénero: Rock | 20 / 3 / 2013 + VIDEO

amor_e_liberdade_nao.jpg

Logo dun debut en Carballo, a xira de presentación do terceiro disco de NAO, Cancións de amor e liberdade, leva o grupo mañá á Sala Capitol de Compostela, onde estarán acompañados de Desequilibrio Mental. O álbum que se gravou nos estudios Mafia Records do Carballiño, segue a liña de rock combativo do grupo, deixando o metal máis puro e a incorporar a Jasper como vocalista. O novo lanzamento da banda contou co apoio económico dos seus fans vía crowdfunding, o que lle permitiu ao grupo editar mil copias do CD, así como tirar material promocional e gravar un videoclip.

Chegan As Alegrías de Linho do Cuco

Xénero: Folk | 15 / 3 / 2013

imaxe non dispoñible

A seguir co achegamento ao son das bandas de música que xa iniciaran no seu anterior traballo, os lalinenses Linho do Cuco presentan As Alegrías, o seu terceiro CD. Nove temas, que se acabaron de gravar o día seis deste mesmo mes, no que a banda mestura melodías tradicionais con composicións e arranxos propios cos que ofertan "unha proposta de música POPular actual para as sesións vermouts e as verbenas". O disco, gravado nos estudios Savic Sound, de Ponte Caldelas e que ve a luz da man da Central Folque.

<< Inicio / Anterior . 761 a 770 de 1395 . Seguinte \ Fin >>