Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Ataque Escampe retornan con O disco vermello

Xénero: Pop | 23 / 5 / 2014

O_disco_vermello_ataque_escampe.jpg

A emigración, a contradición entre a evasión e o compromiso, historias universais contadas desde uns puocos. Ataque Escampe apostan por un son cunha maior presenza de bases electrónicas e presentan O disco vermello. Letras coidadas e reivindicativas nas que se mesturan ritmos como "o pop e o dub e o rap de mentira e o soul de Filadelfia", segundo eles mesmos explican no texto de presentación. Once temas dispoñibles en Bandcamp e que en breve sairán en formato CD. O álbum foi gravado por Arturo Vaquero nos estudios Abrigueiro e que ven a luz da man de Discos da Máquina.

Brinca Vai! propón unha viaxe musical polos doce meses do ano

Xénero: Infantil | 22 / 5 / 2014

Brinca_Vai_paco_nogueiras.jpg

O Samaín, o Magosto, o Apalpador, o Entroido ou o verán teñen cadanseu tema en Brinca Vai!. O novo disco de Paco Nogueiras propón unha viaxe polos doce meses do ano noutras tantas cancións que repasan festas, xogos populares e historias. O proxecto, editado por Kalandraka nun libro-CD-DVD conta cun web de apoio no que se publicarán actividades didácticas e contidos extra. O espazo Libros para Soñar de Vigo acolle este venres 23 a presentación do proxeccto.

Invivo volta con Cárcavas

Xénero: Rock | 21 / 5 / 2014

carcavas_invivo.jpg

Tres anos despois do seu último traballo e con mudanzas no grupo, Invivo volta con Cárcavas. O terceiro álbum da formación compostelá achega once temas, na súa maior parte en galego, cos que a banda afonda na súa aposta polo metal e o trash con Roberto Filgueira como nova voz e Bruno Castro ao baixo. O disco,autoeditado,gravouse nos Pousada Son Estudios de Ames e preséntase ao público o vindeiro 24 de maio na sala TNT, en Compostela.

Marta Quintana tamén se achega a Díaz Castro

Xénero: Cantautor | 20 / 5 / 2014

lus_marta_quintana  capa.jpg

A guitarra de Cuchús Pimentel sérvelle a Marta Quintana de base para o seu último traballo. A harpista e cantante adapta once poemas de Díaz Castro en Lus un proxecto autoeditado no que non faltan textos como Penélope, cunha vangardista versión, Noite do mundo ou Nimbos. O dúo presentou en público o disco no recital Díaz Castro: perdido no traxecto e salvado por un anxo que se celebrou o pasado venres 16 na Cidade da Cultura.

Resonancias de Rosalía, de Amancio Prada

Xénero: Cantautor | 19 / 5 / 2014

imaxe non dispoñible

En paralelo con Federico García Lorca, poeta en Galicia e como parte da xira A Rosalía de Federico, Amancio Prada presenta Resonancias de Rosalía. O novo disco do cantor berciano ponlle música a 18 novos textos da poeta de Padrón, que se suman á xa longa traxectoria de poemas de Rosalía cantadas por Prada. O texto, publicado baixo o selo Musicamaina, conta cun texto introdutorio de Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega.

Amancio Prada une a Lorca e Rosalía cunha xira e dous discos

Xénero: Cantautor | 19 / 5 / 2014

lorca_poeta_GZ_amancio_prada.jpg

Un duplo lanzamento discográfico e unha xira arredor da relación entre Lorca e Rosalía. O músico berciano Amancio Prada presentaba o pasado venres no Consello da Cultura Galega os seus últimos proxectos, nos que explora os vencellos entre a poeta galega e o poeta granadino. Para o facer, Prada presenta, por unha banda Federico García Lorca: Poeta en Galicia, un libro-CD editado por Vaso Roto no que o cantor versiona por vez primeira a totalidade dos Seis poemas galegos do poeta aos que engade a súa Salutación Elegíaca a Rosalía de Castro. O proxecto conta coas ilustracións de Juan Carlos Mestre. En paralelo, sae tamén à venda Resonancias de Rosalía.

Xoán Curiel e Charo Pita presentan Estamos no verán!!

Xénero: Infantil | 14 / 5 / 2014

Estamos_no_veran.jpg

A historia duns amigos que queren ter un grupo de música é o eixe de Estamos no verán!!! a novela-CD que presentaba onte a Editorial Galaxia. Xoán Curiel, coa banda Son+d2 e Charo Pita cargan cos peso musical e literario dun proxecto que conta coas ilustracións de Iván R. Estilos como o funk, o rock ou a bossa nova atópanse nun álbum que busca o seu público en ouvintes de entre oito e doce anos e que sae á venda a un prezo de 20 euros.

A Roda marca un punto de inflexión co seu novo disco

Xénero: Folk | 8 / 5 / 2014

outra_volta_de_roda_a_roda.jpg

Logo do falecemento do seu cantante, Fito Dominguez, A Roda reinvéntase. O grupo lanza o seu décimo sexto traballo a revisar algúns dos seus grandes éxitos desde novos enfoques. Outra volta de roda, que se presentaba esta mañá no Salón Teatro de Compostela, achega trece temas que contan con colaboracións como as de Najla Shami, Emilio Rúa, Ses, Luis Iglesia, Luis Vaamonde, Miguel Costas ou Pancho Álvarez. Entre as cancións recuperadas non faltan títulos míticos como O andar miudiño, Pousa, pousa ou O gato. O Auditorio do Concello de Vigo acolle o vindeiro 17 de maio o primeiro concerto da xira de presentación do novo traballo.

O Caimán do Río Tea volta cun recompilatorio

Xénero: Rock | 2 / 5 / 2014

estou_na_lavadora2_caiman_rio_tea.jpg

Catorce hits remasterizados nos estudos de Javier Abreu compoñen Estou na lavadora o disco co que o grupo O Caimán do Río Tea volta para celebrar os vinte anos do seu nacemento. Éxitos como que dá nome ao disco ou Ven a bailar, coñecidos a través do Xabarín Club fan parte deste traballo e recolle temas dos discos que gravaron entre 1995 e 1998. Un concerto-festa en Ponteareas, vila natal do grupo, serviu o pasado día 26 para celebrar o lanzamento.

Brañas Folk baila nas Burgas

Xénero: Folk | 30 / 4 / 2014

danza_das_burgas_branhas_folk.jpg

O vindeiro sábado 3 de maio os Xardíns Padre Feijoo de Ourense acollerán o concerto de presentación de Danza das Burgas. O grupo Brañas Folk dá a coñecer na vila natal o seu novo disco logo de cinco anos. Doce temas de corte tradicional, instrumentais e cantados, nos que se apreza a riqueza sonora dun conxunto formado por oito membros e que conta con múltiples colaboracións de renome. Gaitas, whistle, zanfonas, arpas, violíns, acordeóns, piano, guitarra, baixo ou batería son algúns dos instrumentos cos que se interpretan temas como Xota de Ourense, Millo verde ou Pasodobre de Ventosela.

<< Inicio / Anterior . 721 a 730 de 1439 . Seguinte \ Fin >>