Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Fiandola dá Volta e media

Xénero: Folk | 24 / 10 / 2014

fiandola_volta_e_media.jpg

Dez cancións, na súa maior parte tiradas dos traballos de recolla que o propio grupo realiza, compoñen o terceiro disco de Fiandola. O septeto nado en 1996 mantén en Volta e media o seu son cun grande protagonismo dos acordeóns, clarinete, gaitas e percusións. Ritmos como as jotas, as muiñeiras, os pasodobres ou a rumba conviven no álbum, que se gravou o pasado verán nos estudios Edisco da Estrada. Logo do concerto de presentación na Salasón de Cangas, o pasado domingo 19, o grupo ten previstos novos recitais en Betanzos (decembro) ou Bueu (febreiro)

Eladio y los seres queridos chaman á orde

Xénero: Indie | 16 / 10 / 2014

orden_invisible_eladio_seres_queridos.jpg

Desde o pasado martes está dispoñible nas tendas o terceiro disco de Eladio y los seres queridos. Orden invisible achega doce novos temas que seguen a liña de pop indie. Editado por Esmerarte, o traballo foi gravado en xuño nos estudos Sonobox. Ademais da edición física, o álbum está dispoñible en diferentes plataformas dixitais.Logo da presentación, o grupo inicia unha xira que os levará o vindeiro 25 de outubro ao FNAC da Coruña.

Neira Vilas presenta o libro-CD Cantos de sol a sol

Xénero: Infantil | 15 / 10 / 2014

cantos-de-sol-a-sol-galería_neira_vilas.jpg

Ilustracións de Xosé Vizoso e música de Xosé Lueiro acompañan os poemas de Xosé Neira Vilas en Cantos de sol a sol. O novo traballo do autor de Gres achega unha serie de composicións líricas pensadas para os máis novos da casa, que son interpretadas por voces como as de María do Ceo, Manoele, Lucía Azurmendi, Carme Rey, Felisa Segade e Xabier Díaz. A observacion da natureza e o esforzo por captar o momento centran os temas dos textos, que saen á luz da man da editorial Galinova e da Fundación Neira Vilas. Logo de se presentar onte no Teatro Principal de Santiago está previsto que ao longo do outono se desenvolva unha xira que dea a coñecer o proxecto por todo o país.

Isabel Rei Sanmartín debuta con A Viola no Século XIX: Música de Salão na Madeira

Xénero: Clásica/Lírica | 10 / 10 / 2014

A_viola_sec_xix_madeira_isabel_rei.jpg

Unha selección de composicións para guitarra conservadas en cadernos manuscritos desde hai uns 200 anos na Illa de Madeira. Este é o contido do primeiro CD da guitarrista galega Isabel Rei Sanmartim, A Viola no Século XIX: Música de Salão na Madeira. Un total de 40 cortes que inclúen valses, rondós, arias e, como extra, un vals de Cândido Drumond de Vasconcelos. O governo da illa portuguesa convidou a intérprete galega a gravar as pezas nos estudios DSEAM e agora corre coa publicación da obra, coa que quere dar a coñecer internacionalmente o patrimonio musical madeirense.

Blues do país presenta Bateas do Mississippi

Xénero: Jazz/Blues | 2 / 10 / 2014

bateas_mississipi_blues do pais.jpg

Transformar temas clásicos do blues e do soul internacional en cancións con referencias galegas. Isto é o que levan xa un tempo a facer por escenarios de todo o país o dúo Blues do país, formado por Pepe King e Bieitta James. Agora, presentan o seu primeiro disco, Bateas do Mississippi, no que se poden atopar revisións de cancións como Sitting on the dock of the bay (Sentadiña no pantalán), I just want to make love to you (Mirarche o cu), Killing me softly (Mátasme amodo) ou Mercedes Benz (Chimpín). Está xa dispoñible na rede o vídeo do tema Non amoles, se chachi!, e o grupo adianta que desenvolverá unha xira de presentación ao longo deste outono.

Dos Acordes compila composicións de Xoán Montes e Juan Antonio Moreno

Xénero: Clásica/Lírica | 1 / 10 / 2014

que_bela_te_deu_deus_capa.jpg

A soprano Esperanza Iglesias e o pianista Aurelio Chao son os intérpretes que poñen voz e música en Que bela te deu Deus, última produción da discográfica Dos Acordes. O volume recolle as Seis Baladas Galegas de Xoán Montes e mais as Oito cancións sobre poemas de Rosalía de Juan Antonio Moreno Fuentes. Textos de Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez, Salvador Golpe Varela e Aureliano José Pereira atópanse nunha edición nun libro-disco de 16 páxinas. Ademais, o selo tamén publicou as partituras das Oito cancións de Juan A. Moreno.

As Maimiñas debutan con Unha viaxe polo mundo

Xénero: Infantil | 18 / 9 / 2014

Unha_viaxe_polo_mundo_as_maiminhas.jpg

Unha nova formación súmase ás propostas musicais para os máis novos no noso país. Da man da colección Sonárbore de Galaxia, o dúo As Maimiñas presentan o libro-CD Unha viaxe polo mundo. Ilustrado por Patricia Castelao, o volume achega dez temas que convidan a bailar distintos ritmos acompañando as cantantes nas súas aventuras por Nova York, O Tirol, China ou África. O volume gravouse nos estudios de Isaac Palacín e sae á venda a un prezo de 20 euros.

Wild Balbina presenta Sisters before misters

Xénero: Rock | 17 / 9 / 2014

sisters_before_misters_wild_balbina.jpg

Logo de visitar a pasada Semana Carballiño e mais Compostela, os vigueses Wild Balbina continúan a xira de presentación do seu último traballo. Sisters before misters achega sete temas de rock sesentero con aires garage e punk da man de Antía Figueiras, Marta González, Guille Zapata e Miguel Bianchi. O volume está dispoñible de balde en bandcamp ou pode adquirise nunha edición en vinilo. A vindeira cita para coñecer Sisters before misters será o vindeiro 26 de setembro no Playa Club da Coruña e o 27 no Bar Labranza de Bueu.

Takekazu Asaka presenta o seu libro-disco Cantata a Ramón Cabanillas

Xénero: Melódica | 5 / 8 / 2014

cantata_cabanillas_takekazu_asaka_2.jpg

Un texto biográfico sobre Cabanillas, unha escolma de trece poemas deste autor en galego e en xaponés, fotografías e notas que contextualizan o seu traballo e un limiar a cargo do académico Franciso Fernández Rei. Estes son os contidos do libro Cantata a Ramón Cabanillas, que o profesor Takekazu Asaka presenta mañá en Cambados. A presentación, ás 21 horas no auditorio A Xuventude, irá acompañada dun concerto no que a pianista Rika Nishikawa e a soprano Miho Haga interpretarán os oito temas musicados que se inclúen no CD que acompaña o libro.

Clave de Fado abre Xanelas

Xénero: Melódica | 31 / 7 / 2014

disco_24505.jpg

Logo de reunir máis de 5.000 euros mediante a plataforma de crowdfunding Verkami, Clave de Fado acaba de pór na rúa o seu primeiro disco. Xanelas segue a liña de música lusófona, fundamentalmente fados, que caracteriza o trío desde os seus comezos en 2009. Iria Estévez, Paco Dicenta, Pepe Piña e Gonzalo Piña interpretan desde fados canónicos ata versións de Rosalía de Castro ou José Afonso. De xeito paralelo á gravación do álbum no estudio Son Natural, Iria Estévez gravou tamén un disco de nanas tradicionais destinado exclusivamente aos patrocinadores deste proxecto. Boiro, o 14 de agosto, o mosteiro portugués de Sanfins o 22 e Gondomar o 23 son as vindeiras paradas da xira de presentación.

<< Inicio / Anterior . 691 a 700 de 1439 . Seguinte \ Fin >>