Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Outro Felipe Villar Trío
Xénero:
| 9 / 3 / 2015Un ano despois de Home, Felipe Villar Trío volta á escena discográfica con Outro. Logo de participar no ciclo Girando por Salas, a formación composta por Felipe Villar á guitarra, Jose Manuel Díaz ao contrabaixo e Max Gómez á batería lanza nove temas nos que a experimentación no jazz combínase con aires melódicos na guitarra de Villar. O volume, editado por Free Code Jazz Records, pódese escoitar en BandCamp e na páxina do músico. A xira de presentación comezou o pasado 4 de marzo no coruñés Jazz Filloa, e continuará por Vigo (17 e 18), e diferentes salas do Estado ata voltar a Compostela o 19 de xuño.
Ouvirmos publica as primeiras gravacións lucenses
Xénero:
| 5 / 3 / 2015O Salón de Actos da Deputación de Lugo acollía onte a presentación do último lanzamento da discográfica Ouvirmos no marco da súa colección A Tiracolo. O libro-CD Coro Cántigas e Aturuxos. Repertorio lucense. 1918 recolle en 188 páxinas a biografía desta histórica formación lucense da mana de Ramón González González. O disco inclúe ademais vinte temas entre os que se atopan os primeiros que se gravaron na provincia, en 1918. Entre eles, unha gravación tan importante como o primeiro rexistro sonoro do Himno Galego. O volume complétase cunha segunda xeira de gravacións realizada dez anos despois.
Pelepau convida ao ritmo de Fío e agulla
Xénero:
| 27 / 2 / 2015Trece temas nos que os ritmos tradicionais galegos atópanse con percusións doutros lugares do mundo. Esta é a proposta que fai o grupo vigués Pelepau no seu primeiro álbum, Fío e agulla. O conxunto de doce percusionistas, nado en 2010, lanza da man de Inquedanzas Sonoras esta proposta, na que amosa o seu bo facer a explorar novos terreos para os instrumentos de sempre. A Repichoca acolle na Coruña o vindeiro concerto de presentación do proxecto na noite do 27 de febreiro.
Cantos que veñen de lonxe recupera a Neira Vilas cantado
Xénero:
| 26 / 2 / 2015En 1960 o Gran Teatro Solís de Montevideo acollía a presentación dunha serie de poemas de Xosé Neira Vilas musicados. Case sesenta anos despois, un proxecto recupera as partituras orixinais daquela actuación e reúneas nun disco. Cantos que veñen de lonxe, editado por eMe Audiovisuais, é un libro-CD no que estas partituras se acompañan de ilustracións de Xosé Vizoso. O tenor Cesáreo Torres e mais o pianista Alejo Amoedo son os responsables de lle por voz e música aos textos do autor de Gres.
O Proxecto ELO lanza o seu primeiro disco
Xénero:
| 20 / 2 / 2015Os textos dos poemarios Vinte en Escena e Ningún amante sabe conducir son a base e Proxecto ELO. Rosalía Fernández Rial como autora dos textos e Serxio Moreira levan ao disco as versións que presentaron en espectáculos ao vivo por todo o país. Versos recitados, efectos de son, música experimental e electrónica danse cita nos doce cortes deste volume, dispoñible en formato físico e en BandCamp.
Deseqilibrio Mental presenta Séculos Escuros
Xénero:
| 17 / 2 / 2015Catro anos logo do lanzamento de Con Q sen U, Deseqilibrio mental presenta o seu segundo traballo, Séculos Escuros. O grupo de metal rock continúa a apostar polo galego e por letras comprometidas nun álbum que se ten como eixe os tempos que estamos a vivir. O proxecto preséntase en tres partes, da cales a primeira, con cinco temas, está xa dispoñible en formato físico e dixital. O álbum gravouse en Pousada Son e sae editado baixo o selo Lobicán Records
Lagharteiras leva o seu traballo de investigación ao disco
Xénero:
| 11 / 2 / 2015Logo de anos de traballo a recoller e interpretar pezas da nosa tradición musical, o grupo Lagharteiras compila parte deste traballo no seu primeiro álbum. Lagharteiras amosa pezas recollidas por este grupo de oito pandeireteiras coa dirección de Carlos Álvarez. O colectivo leva desde 2007 a traballar a prol da música e do vestiario tradicional e mantén a súa base no Concello de Mos.
O Fiadeiro convida a viaxar con José do Campo
Xénero:
| 5 / 2 / 2015Catorce temas a facer un percorrido por músicas de raíz, desde O Courel ata Nova Orleáns, compoñen o último lanzamento da Asociación Cultural o Fiadeiro, de Vigo. A viaxe de José do Campo convida a un percorrido musical na forma de conto nun libro CD realizado por Xavier Balsas e Rafa Crespo, con ilustracións de Xacobe Bobillo. Os temas están interpretados polo grupo de música O Fiadeiro e o álbum inclúe ademais letras de cantigas, partituras e propostas de actividades para desenvolver en aulas. Gravado en Chispún! Estudio, o álbum está coeditado polo Fiadeiro, Inquedanzas Sonoras e mais Ton e Son Editorial.
Pablo Díaz volta ao formato CD con Xente miúda moita fartura
Xénero:
| 4 / 2 / 2015Tito Calviño e Carmen Rey acompañan a Pablo Díaz na súa nova aposta musical. Logo do éxito de Tic Tac e Toc Toc, o músico presenta Xente miúda moita fartura, un proxecto autoeditado no que retorna ao formato disco e que orienta a un público de entre 0 e 5 anos. Os trece temas do traballo teñen como protagonistas elementos próximos aos máis novos, como poden ser "os insectos, recoller os xoguetes, as cremas de verduras, ou celebrar en galego un aniversario". O Pazo da Deputación de Lugo acolle esta tarde o recital de presentación do proxecto, e para os vindeiros 21 e 22 de febreiro será o Fórum Metropolitano da Coruña o que aconlla senllos recitais.
Estrelas do folk galego reúnense en Rústica
Xénero:
| 3 / 2 / 2015Da man de Cristina Pato, que buscaba un reencontro coa música do país cando cumpría quince anos de carreira, naceu Rústica. O disco que presenta agora Fol Música reúne a gaiteira e pianista con Davide Salvado, Anxo Pintos e Roberto Comesaña para interpretar cancións nos que a voz, a percusión, a gaita o acordeón e a zanfona toman o protagonismo. En total, o cuarteto gravou oito temas tradicionais, varios deles acompañados de letra de autor, nos estudios vigueses Ultrasónica. O disco sae á venda o vindeiro 10 de febreiro.