Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Migallas celebra vinte anos de carreira coa reedición de Canta connosco!
Xénero:
| 8 / 11 / 2016Hai vinte anos o grupo pontevedrés Migallas publicaba Canta connosco!, un traballo pioneiro na música para cativas e cativos en galego. Agora, para conmemorar esas dúas décadas, o dúo lanza unha reedición daquel traballo. Da man de Kalandraka Editora, o álbum chega en formado libro-CD-DVD, karaoke incluído, con ilustracións de Óscar Villán. Como na primeira versión, doce temas achegan ritmos do máis variado, a incluír música tradicional, rap, rock, cumbia, reggae ou pasodobre, con temas que fixeron danzar xa a varias xeracións de crianzas.
Guadi Galego continúa a súa aposta pop con O mundo está parado
Xénero:
| 4 / 11 / 2016A abandonar definitivamente os aires folk, Guadi Galego afonda na súa vertente máis pop con O mundo está parado. A intérprete achega no seu terceiro traballo seis temas propios, tres compostos por Carlos Abal e un de Pachi García, que repite com produtor. O resultado, un álbum cheo de sentimentos no que sobrancea a voz da artista, con rexistros que van do íntimo ao pop clásico e que apostan por un son máis sofisticado que en anteriores traballos. O álbum preséntase nunha tiraxe limitada de mil exemplares en formato LP cun CD incluído. Os cartafoles do disco inclúen cadansúa fotografía de Carlos Abal cunha colección de dez diferentes. Ademais, o álbum estará dispoñible en plataformas dixitais. Trisquel Artesanía acolle esta tarde, a partir das 20 horas, unha sesión de sinaturas deste proxecto.
Algarabía Folk presenta o seu CD
Xénero:
| 27 / 10 / 2016Dez temas de tradición para bailar compoñen o disco que anda a presentar Algarabía Folk. A asociación folclórica titula co seu propio nome este álbum que grabaron o pasado mesde maio nos estudios Ancestral de Ponte Caldelas. O grupo, que inclue clarinete, acordeóns, gaita, tamboril, bombo e pandeiretas, aposta por unha interpretación festiva de temas populares. O Centro Dotacional do Torroso, en Mos, acolleu o concerto de presentación do álbum o pasado 22 de outubro.
Talabarte presentan Fake un libro-disco de historias e músicas incertas
Xénero:
| 19 / 10 / 2016"Cóntase que os Talabarte viaxaron durante 15 anos a bordo do Tradincerto, e descubriron unha serie de historias que espertaron o seu interese e fascinación". Así se presenta Fake, o novo libro-disco de Talabarte, que verá a luz o 18 de novembro. Co fío condutor desas historias que non se sabe canto teñen de real e canto non, compilan ritmos bailables da tradición europea, e mesmo de alén do Atlántico: mazurcas, schottish, milongas, polskas ou tarantellas. O trío formado en 2004 por Quim Farinha (violino), Kin García (contrabaixo) e Pedro Pascual (acordeón diatónico) presenta o seu segundo traballo discográfico que estará disponible a partires do 18 de novembro en formatos físicos e dixitais. Temas de este novo traballo poderán escoitarse hoxe mesmo no Opening Concert que abre o WOMEX en Santiago e no que estará o trío como parte da representación da música galega, xunto ao Cuerteto Caramuxo, ante os profesionais acreditados na feira. O libro-disco xira en torno a "fakes" históricos, sae á venda nun gran formato: un CD de 12 temas que vai insertado nun libro de 33x33cm de 50 páxinas con ilustracións de Pablo Pastor e textos de Carlos Meixide.
Nani García Trío revisita as bandas sonoras desde o jazz en Cinema-Tojazzia
Xénero:
| 14 / 10 / 2016Usando as composicións que o propio Nani García (A Coruña, 1955) fixo para acompañar distintas obras audiovisuais e teatrais, coma Limpeza de Sangue, De profundis ou Gran Sol, o trío de jazz que leva o seu nome ven de presentar o disco Cinema-Tojazzia (Xingra). Neste novo rexistro o músico coruñés ao piano, acompañado de Miguel Cabana (batería) e Simón García (contrabaixo) colle estas composicións e dalles unha volta pola súa interpretación máis jazzística achegada á improvisación adaptando as melodías a estes espazos musicais. O trío faise acompañar dun cuarteto de corda nas gravacións, formado polos cubanos Eduardo Coma e Lázaro Williman González nos violíns, Raymond Arteaga na viola e Luis Enrique Caballero no violoncello. Con eles o sabor cinematográfico da música non deixa de estar presente en ningún momento. Nove temas contén Cinema-Tojazzia: "De profundis", "Grande Sole", "Limpeza de sangue", "Agoiro do mar ferido", "Vals de Celavella", "Pratos combinados para trío","Preludio nº1 para cuarteto de corda e percusión", "Bosquexos sobre El niño de Barro" e "Quen me dera na casiña". A proposta de Cinema-Tojazzia presentouse inicialmente en público no festival Imaxinasons de Vigo deste ano. Nani García é produtor e compositor, dirixe o festival Imaxinason e recentemente fixo a dirección artística da primeira edición da Semana das Músicas do Audiovisual.
Os ourensáns Os Amigos dos Músicos presentan disco
Xénero:
| 4 / 10 / 2016Xa se poden escoitar en varias plataformas dixitais os primeiros temas do primeiro disco da banda ourensana Os Amigos dos Músicos. O disco, de título homónimo ao grupo, sairá á venda o vindeiro 14 de outubro. O selo Gran Derby Records representa á banda e edita este traballo. A banda está formada por Jaime Mateo, Arcadio Nóvoa, Raúl Diz, Daniel Alonso, Druso Pedrouzo e Álvaro A. Rivera. xa está dispoñible o seu primeiro vídeo co tema A Bnada que abre o disco. O vídeo está escrito, dirixido e realizado por María Grande, artista que temén se encargou do deseño da portada do disco.
Almudena Janeiro musica os libros de OQO editora en Máis contos en cantos
Xénero:
| 3 / 10 / 2016Logo do éxito de Contos en cantos Almudena Janeiro volve adaptar e pórlle voz e música ás historias da editorial OQO. O libro-CD Máis contos en cantos acaba de ver a luz da man da propia editora cunha selección de temas que exploran os máis variado estilos. Desde o reggae de A máscara do león á polca con Maruxa ou o corrido mexicano de A voda do Galo Pinto. O proxecto conta cunha capa Borja Gerrero e reproduce ilustracións dos diferentes libros que se adaptan.
Héctor Lorenzo musica a Raúl Gómez Pato
Xénero:
| 15 / 9 / 2016Un libro de dezasete poemas para os lectores e as lectoras máis novas. Esta é a proposta de Cousas de papá, o libro de Raúl Gómez Pato que xa se pode atopar nas librarías da man edicións xerais. Segunso explica a presentación do volume "é un libro de poemas escritos por un pai algo tolo e moi divertido, que viaxa en vasoira, constrúe hidroavións de papel, escorrenta os pesadelos e domina á perfección a linguaxe da fantasía". Para alén dos versos, o volume achega moito máis, xa que os textos están arroupados polas ilustracións de Blanca Barrio, e dez dos dezasete foron musicados por Héctor Lorenzo e conta con colaboracións de Ana Domínguez Senlle, Lucia da Fonte, Manolo Carballo, Paulo Silva, Sérgio Tannus, Quim Farinha e Uxía.
aCentral Folque publica Cantos de cego de Galiza e Portugal
Xénero:
| 14 / 9 / 2016Aínda que fixeron un adianto en xullo, no marco do encontro Zona da Zanfona, non foi ata o pasado 11 de setembro que César Prata e Ariel Ninas presentaron de xeito oficial Cantos de cego de Galiza e Portugal. O novo disco que publica aCentral Folque percorre este patrimonio sonoro das dúas bandas da raia a recuperar pezas recollidas directamente de informates e rescatadas de cancioneiros. O dúo galego-portugués de músicos parte dunha base de voz, zanfona e guitarra que complementan con instrumentos como concertina, harmónica, adufes e percusións miúdas. Cantares de crimes, humorísticos, romances ou feitos históricos atópanse no álbum, que presentarán ao vivo ao longo deste outono. A vindeira cita para os escoitar será o 22 de setembro en Castelo Branco, Portugal.
Mónica de Nut tece con Luís Martíns Raíces aéreas
Xénero:
| 26 / 8 / 2016Os cantos tradicionais de mulleres son a base de Raíces aéreas, o terceiro disco de Mónica de Nut. A vocalista alíase co harpista Luís Martíns para presentar un álbum no que os aires de raíz se mesturan con tratamentos contemporáneos. Toques eléctricos, percusións anovadoras, atmósferas envolventes e, como é habitual na artista, un destacado traballo vocal combínanse coas colaboracións de Lucía Martínez nas percusións, zanfona e obxectos sonoros.