Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
'Néboa' gaña co seu primeiro disco o Premio MIN ao álbum en galego
Xénero:
| 17 / 6 / 2021O quinteto de Catoira, Néboa, ven de acadar co seu primeiro disco longo publicado - A realidade enganosa (Raso, 2020)- o Premio Mejor álbum en Gallego da XIIIª edición dos Premios MIN, da música independente española, organizados pola Unión Fonográfica Independiente. Onte celebrouse en Burgos a gala na que se daban a coñecer os nomes dos artistas e traballos gañadores nas 19 categorías destes galardóns. A outra alegría para a escena musical galega nesta gala foi o triunfo de Triángulo de Amor Bizarro co seu traballo de nome inverso oɹɹɐzıqɹoɯɐǝpolnƃuɐıɹʇ (Mushroom Pillow, 2020) polo cal recibiron dous dos catro premios aos que optaban: o importante Premio The Orchard ao 'Álbum del año' e o Premio SAE Institute a 'Mejor Producción'.
Secho presentáse con 'Recuperar'
Xénero:
| 16 / 6 / 2021Serxio Castiñeiras "Secho" presenta hoxe o seu disco Recuperar (Autoeditado), un conxunto de cancións moi persoais que se moven entre o pop, o indie ou o folk, nunha nova voz para a música en galego. Despois de estrear o pasado mes o videoclip dun dos temas deste traballo -As Sensacións- o músico e compositor amósanos agora por completo este traballo de presentación, once temas de corte intimista nos que conta con colaboracións de artistas como Guadi Galego, García MC ou Sabela Galván. Secho escribía cancións para si mesmo desde os albores deste século ata que en 2009 a banda Medomedá, coñecedora destes tesouros agochados, convídao a abrir un dos seus concertos en Compostela. De aí xurdiron outras actuacións, colaboracións e tamén a primeira formación, composta por músicos de Medomedá e Ruxe Ruxe. Agora Secho comeza unha nova etapa con este Recuperar, o seu primeiro traballo en solitario, gravado con Iago Pico, con arte de David Cuence e rodeado de músicos como Dani Riveiro (batería e percusión), Lois Carlín (baixo) e Tomás Porteiro (guitarra eléctrica).
Músicas ao Vivo e Asociación de Gaiteiros reaccionan contra o peche do Estudio 5 da Radio Galega
Xénero:
| 16 / 6 / 2021Fai uns días o comité de empresa da CRTVG alertou de que a empresa pública ía levar a cabo o desmantelamento do Departamento de Produción Propia da Radio Galega (Estudio 5) para a posta en marcha dun estudio multimedia no lugar que agora ocupa esta área. O Estudio 5 é un departamento que deu cobertura, desde a creación da emisora pública, a todas as músicas do país dende o ano 1985 e desde o Comité entenden que "a razón que esgrime a dirección para negar que finiquita o departamento- nada ten que ver con garantir a continuidade das funcións que viña desenvolvendo o icónico negociado que agora desaparece". A súa alerta chegou xa aos colectivos artísticos musicais, máis primeiramente afectados por esta decisión da dirección da CRTVG. Así tanto desde a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) como desde a de Músicas ao Vivo (MAV) fixeron súa a reclamación do comité e ambos colectivos coinciden ao asegurar que esta decisión é un "grave erro" e ao solicitar unha marcha atrás da decisión por parte da dirección do ente público galego "que pon fin a un servizo público valiosísimo que deu e da cobertura ás músicas do país", din desde AGG. Pola súa banda en MAV inciden tamén "na necesidade de incluír na grella programas especializados en música, con cabida para todas os estilos e niveis".
A Xunta reactiva a marca Fest Galicia para festivais presenciais
Xénero:
| 15 / 6 / 2021A marca de patrocinio público de festivais galegos Fest Galicia ve este ano incrementada notablemente a súa contía ata os 500.000 euros de orzamento para estes eventos na súa modalidade presencial pre-pandémica. O Diario Oficial de Galicia (DOG) recollía onte a convocatoria da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) dirixida a festivais profesionais de música galegos para a súa adhesión a este programa de patrocinios da Xunta, que presenta un crecemento do seu orzamento do 25% respecto aos 400.000 euros que o pasado ano dedicáronse a estes eventos pero só na modalidade virtual, toda a vez que a realización presencial quedara descartada coas medidas sanitarias en vigor nese momento. Neste sentido, o pasado venres a Consellería de Sanidade publicou os últimos protocolos actualizados aos que deben acollerse estes eventos, con distintas medidas e capacidades segundo se leven a cabo en espazos abertos ou pechados.
As Efémeras debutan desde Redondela con música de proximidade
Xénero:
| 9 / 6 / 2021"Música para escoitar, danzar e reflexionar. Música comunitaria. Inspiración poética e política de quilómetro cero: desde Redondela para o mundo". Así se presentan As Efémeras, un grupo que debutou ao vivo no verán de 2020 e que acaba de lanzar o seu primeiro traballo, co mesmo nome da formación. O CD autoeditado achega trece temas con "letras de intelixencia racional e emocional. Composicións novas e frescas con inspiración nas músicas populares. De Galiza e Portugal. Musicas lixeiras e contundentes. Bailables, mais que dan que pensar".
Pauliña re-volta co seu terceiro disco 'Testemuñas'
Xénero:
| 2 / 6 / 2021Pouco máis de tres anos despois da presentación do seu primeiro traballo longo De-xeneración( Xonix records, 2018) o nome de Pauliña xa é un elemento de primeira orde na música en galego. A de Cambados ven de presentar fai uns días en concerto o que xa é o seu terceiro álbum Testemuñas, con apenas un ano de separación do anterior A Malfalada(2020), todos eles publicados baixo o selo Xonix records, de Bandeira (Silleda). O novo disco é unha nova mostra da versatilidade de Paula Chaves para transitar por diversos rexistros sonoros que van de novo desde o ská ata o rock, o swing ou eses blues electrizantes nos que se lle ve tan cómoda como ese Remordementos cuxo vídeo, asinado por Xaime Miranda servíu de presentación do novo disco.
Bala presentan o seu novo álbum 'Maleza'
Xénero:
| 31 / 5 / 2021Case cinco anos separan este Maleza (Century Media Records, 2021) do segundo traballo de Violeta Mosquera (batería e voces) e Anxela Baltar (guitarra e voces) naquel auténtico bombazo recoñecido pola crítica que foi Lume(Matapadre, 2017). Nada perderon e moito gañaron as Bala neste tempo. Polo pronto o apoio dun selo internacional como o alemán Century Media, especializado na música Metal e con artistas coma Angelus Apatrida ou Arch Enemy no seu catálogo. Gañan tamén engadindo o galego ao seu repertorio de letras, con ese magnífico Rituais, do que xa sacaron vídeo de presentación. Ademais gañan cun nivel de produción sonora de enorme calidade e cheo de detalles que fan dos nove temas de Maleza unha experiencia de viaxe ao máis escuro recuncho do corazón da besta desde ese trmendo Agitar de apertura.
Tonhito de Poi reivindica a súa personalidade salvaxe en 'In-dios'
Xénero:
| 26 / 5 / 2021Tonhito de Poi (Castiñeiras, 1969) volve sacar inspiración musical das súas experiencias selváticas e ven de presentar o seu terceiro traballo en solitario: In-dios (Autoeditado, 2021). Se das anteriores dúas viaxes a Amazonía xurdiron os traballos O soro da verdade(2013) e Non hai onde esconderse (2019) o ribeirán volveu ás selvas do Amazonas fai dous anos e trouxo unha reivindicación de si mesmo coma parte da comunidade india mundial que desemboca nos temas que foron gravados en estudio para este novo álbum. In- dios xa está dispoñible nas plataformas dixitais.
'Grande Amore' presenta álbum debut homónimo
Xénero:
| 21 / 5 / 2021Hoxe é o día de presentación oficial do álbum íntegro de debut de Grande Amore, nome artístico de Nuno García Pico para a súa proposta musical persoal máis alá de formar parte do grupo Oh! Ayatolah. O do Valadouro puxo título homónimo a este primeiro traballo no que reúne as cancións que xa leva un tempo presentando con outras a maiores ata completar os nove cortes do disco editado por Ernie Records. Nove cancións de calado post-punk, electrónicas e industriais que se sitúan conscientemente no rock underground e que que consegue darlle unha volta nova desde unha perspectiva moi persoal a unha postura musical e narrativa herdeira directa dalgunhas das propostas máis alternativas dos oitenta.
Trilitrate presentan 'Esta de grelo', o seu terceiro disco
Xénero:
| 20 / 5 / 2021O trío formado por Rubén Abad, Marcos Padrón e Elena Vázquez veñen de presentar o seu terceiro álbum Está de grelo, case cinco anos despois daquel Frutal Death, no que consolidaban os seu sentido experimentador folclorista de perspectivas universais. Neste novo traballo xurdido baixo o apoio do selo norteamericano Ropeadope e o selo barcelonés Gandula os Trilitrate ofrecen trece novos temas, maiormente instrumentais agás tres deles, nos que se manteñen nese espazo propio dando voltas arredor do folk, da música clásica e da contemporánea, no que experimentan sen limitacións de xéneros musicais. O disco ademais inclúe no formato físico un libro de receitas cos grelos, da man de Montse Piñeiro, responsable do deseño gráfico e das artes visuais. Está de grelo, xa está nas principais plataformas dixitais. Foi gravado e mesturado por Javier Ortiz en Estudio Brazil (Madrid) e por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (Galicia).