Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O programa Extrarradio e Vieiros organizan un concurso na procura da canción galega do verán
Xénero:
| 6 / 6 / 2006A Radio Galega, a través do programa Extrarradio, e o diario electrónico Vieiros veñen de abrir en colaboración a convocatoria para un concurso que durará ata setembro e que ten como obxectivo proclamar cal é a canción do verán do 2006 en galego. O concurso “A polo ghit!” está aberto a todos os músicos que queiran con cancións gravadas en galego, que serán difundidas pola rede en Vieiros con licenza Creative Commons. Un xurado composto por xente do mundo da música e da comunicación elixirá en setembro o tema gañador, que será premiado coa gravación profesional dun videoclip e a actuación en programas da Televisión de Galicia. A cancións poden escoitarse e descargarse en Vieiros, e mesmo facer de xeito paralelo unha votación con comentarios engadidos.
Máis información en Vieiros
Volve o grupo de cantareiras Faltriqueira ao panorama discográfico con Efffecto
Xénero:
| 6 / 6 / 2006As catro cantareiras de Pontedeume presentan o seu segundo disco “Effecto” (Resistencia, 2006) no conflúen unha variedade de estilos musicais alén dos temas tradicionais. Ana Leira, Carolina Ródriguez, María López e Teresa García foron alternando concertos e xiras cos ensaios onde seleccionaron e prepararon o repertorio do seu novo álbum. Faltriqueira (Resistencia, 2002), o seu primeiro traballo levounas á portada da revista Folk Roots, referente da música con raíces, e conseguiulles a aceptación da crítica especializada, como o demostra o ter sido escollido entre os 10 mellores álbums do 2003 na World Music Charts Europe (lista europea de músicas do mundo). O segundo disco busca a confirmación musical do grupo e, na busca da variedade, alternan as recreacións de temas tradicionais, a cantiga medieval, os ritmos do leste europeo o da Senegal e mesmo a adaptación dun tema folk estadounidense que interpretaran Emmylou Harris, Linda Ronstadt e Dolly Parton. Tamén está presente o “Canto libre” de Víctor Jara. e dous cancións representativas da discografía galega dos anos setenta: “Meu amor mariñeiro” de Fuxan Os Ventos e “Corpiño xeitoso” de Andrés do Barro.
Máis información La Opinión
O primeiro festival de hip-hop da Coruña pretende reunir a tres milleiros de afeccionados ao xénero
Xénero:
| 31 / 5 / 2006No Coliseum da Coruña, e coa presentación do actor Serxio Pazos, o espectáculo “Bombos,caixas e cristais” reunirá este sábado día 3 de xuño unha representación do movemento hip-hop en todas as súas variantes. Este festival reunirá a seis grupos nacionais, dous deles galegos –Dios ke te crew e Low & Overground Orkesta- e aos ingleses Foreign Beggars. Tamén haberá espazo e tempo dentro das seis horas para a exhibición de graffiti e o espectáculo de break dance. Serxio Pazos incorporará á súa presentación a interpretación de un rap dedicado ao político Francisco Vázquez. Os promotores do festival, a produtora Gabba Gabba Hey, demandaron un apoio das institucións para converter o festival nun referente galego e nacional.
Máis información no Programa do Festival
A discográfica Ouvirmos estrea co primeiro disco de Galegoz un selo dedicado a novos creadores
Xénero: VIDEO
| 30 / 5 / 2006 +Co disco "Galician Chimpanzee" do grupo Galegoz iníciase o novo selo Vir dentro da discográfica lucense Ouvirmos. O selo nace para abrir o camiño da co-produción de novos creadores galegos como é o caso deste primeiro disco da banda Galegoz formada por músicos procedentes doutras bandas do panorama musical galego: Xenreira, Nenos da revolta, Matraca Perversa, Jarbanzo Negro, Diplomáticos de Monte-alto, Mutantes Metálicos Band, A Compañía do ruído, etc. Dez temas e 2 videoclips conforman este disco. Bases electrónicas mesturadas con ska, funk,… e salpicadas por letras combativas, irreverentes e surrealistas. Despois de formarse virtualmente ao estilo dos Gorillaz agora dan o paso á gravación e posterior posta en escena do seu primeiro traballo discográfico.
Máis información no sitio de Galegoz
Co seu novo traballo discográfico autoeditado Berrogüetto celebra o décimo aniversario da banda
Xénero:
| 26 / 5 / 2006Cinco anos despois do celebrado disco Hepta (Boa, 2001) o grupo de folk Berrogüetto volve a sacar un traballo discográfico co que ademais celebra o seu décimo aniversario como formación en activo. con “Berrogüetto 10.0” a banda iníciase na autoedición discográfica dando un novo paso na súa carreira. O disco non contén temas tradicionais e os once temas son de composición propia dos membros do grupo buscando con este traballo a esencia da súa identidade musical. Acompañan ao disco fotografías de Karlos Abal e un texto de Rodrigo Romaní. A xira galega de presentación comezará en Vigo o 2 de xuño e levaraos nese mes por toda a xeografía do país.
Máis información en Galicia Hoxe
Kalandraka publica a primeira colección de divulgación infantil de ópera en galego
Xénero:
| 26 / 5 / 2006Os primeiros títulos cos que Kalandraka abre a colección de obras operísticas son “Aida”, de Verdi, e “A frauta máxica”, de Mozart. Cada libro contén un CD con fragmentos das obras musicais, unha adaptación do libreto con ilustracións realizadas por Jordi Bulbena e Josep María Rius, respectivamente, así como unha breve biografía do autor. Esta colección preséntase como unha canle para achegarlles aos lectores máis novos un xénero artístico co que teñen escaso contacto. Kalandraka xa ten experiencia na edición de libros musicais a través da colección Sondeconto, unha serie de albumes nos que colaborou a Orquestra Sinfónica de Galicia. Recentemente ampliárase o catálogo cunha obra na que se interpretaba música de jazz. A publicación de “Aida” e “A frauta máxica” en galego -e simultaneamente tamén en portugués- é froito do traballo conxunto coa editorial catalá Hipótesi, especializada en libros de ópera.
Brath celebra as súas vodas de prata cun novo disco e anuncia outro para o outono
Xénero:
| 21 / 5 / 2006Con "Intres" xa son dous os traballos discográficos cos que os lucenses Brath celebran os vintecinco anos en activo do grupo despois da saída en decembro pasado do disco de chill out "Bulevar Océano". Nos once temas de "Intres" o grupo liderado por Eloi Caldeiro volve ás súas orixes de folk buscando innovar nos compases o os ritmos. Caldeiro anuncia para outono o vindeiro disco "Servizos informativos", un CD-libro de poemas recitados por el mesmo e letras e músicas adaptadas da última triloxía de Brath e outras inéditas con bases de rap e cancións portuguesas e africanas.
Máis información en Faro de Vigo
Despois de seis anos de actividade os composteláns Samesugas presentan o seu primeiro disco longo
Xénero: VIDEO
| 19 / 5 / 2006 +Os composteláns Samesugas teñen xa listo o seu primeiro disco longo “Alá Vai!” (H Records). O disco mantén a esencia punk desta banda con seis anos de vida e máis dun cento de concertos ás costas. O disco está gravado nos estudios Bonham da Coruña e editado polo selo catalán H Records e preséntano nun concerto de conmemoración do cuarto aniversario do selo na Sala Capitol o xoves 1 de xuño. Aínda que é o primeiro disco longo, con catorce cancións, non é a primeira gravación do grupo que xa ten varios EP e un vinilo. O grupo presentará o seu traballo nunha xira que os levará polo resto da península e polo Reino Unido, Benelux e Escandinavia.
Máis información na edición diaria de Galicia Hoxe
Os ferroláns Norfolk presentan no FIMO o seu novo disco “Cousas nosas”
Xénero: IMAXES
| 16 / 5 / 2006 +“Cousas nosas” é o segundo traballo discográfico desta banda que deu os seus primeiros pasos no certame A Mocidade coa Lingua organizado polo concello de Ferrol a finais do 90. O seu primeiro disco “Brillan astros”(2003) gravárono como consecuencia de ter sido finalista en 1999 do concurso Nordés Coruña. Durante o verán Norfolk presentará o seu novo traballo con varios concertos entre os que destaca a actuación de apertura no concerto dos míticos Gwendal nas festas de Ferrol. O disco pódese adquirir polo de agora contactando cos membros do grupo e nas tendas M-4 e Montana de Ferrol.
Máis información en Diario de Ferrol
e no weblog de Norfolk
S.O.S. Trío pon na rúa o seu primeiro traballo discográfico “106 underground st.”
Xénero:
| 15 / 5 / 2006Os gañadores da primeira edición do premio Concerto Autor Jazz Galicia no 2005, S.O.S. Trío, xa teñen na rúa o seu primeiro traballo discográfico. Seis das oito pezas do disco “106 underground st.” (FreeCode Jazzrecords) son composicións propias destes tres músicos unidos polo Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra no ano 2001. Virxilio da Silva (guitarra), Jose Carlos Ferro (contrabaixo) e Max Gómez (batería) coñecéronse na primeira edición dese seminario no que seguiron como alumnos durante as catro edicións do mesmo participando nas gravacións dos discos do SPJ así como nos concertos Pontejazz 2004 e 2005. O grupo ten como obxectivo fundamental a procura dun son propio a partir da posta en común das ideas de cada un dos compoñentes para o cal apostan polas composicións orixinais.
Máis información sobre o SPJ
novidades discográficas
San Antonio
Los Eternos
Xeografías
Sofía Espiñeira
Escándalo no escuro
Amoebo
III
Grande Amore
Feira
De Ninghures