Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Lalín oferta 62.000 euros para manter o Conservatorio Folque en 2008
Xénero:
| 19 / 11 / 2007Os orzamentos do Padroado de Cultura de Lalín prevén un orzamento para o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de 62.000 euros. A partida, moi por baixo dos 150.000 euros anuais que, segundo o Padroado, reclama a actual dirección, é aproximadamente a mesma que nos últimos anos. Ao tempo, o organismo municipal denunciou a escasa presenza de alumnos de Lalín no centro e adiantou a posibilidade de orientar este conservatorio nun sentido máis local. Ao tempo, o voceiro do Padroado, Saturno Valdés, apuntou que é posible a actual directiva xa teña acordado desenvolver o seu traballo noutro concello.
Máis información en La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra (en pdf), en El Correo Gallego, e nos nosos arquivos
Narf reúne no seu segundo disco a experiencia de vinte anos coa guitarra nas costas
Xénero: AUDIO + VIDEO + IMAXES
| 19 / 11 / 2007 +O novo disco do compostelán Fran Pérez representa o camiño de volta á casa dun músico cargado de influencias e experiencias atesouradas durante as súas viaxes. Co seu segundo traballo, TOTEM (Falcatruada) o palindromático Narf ofrece melodías pop que lle dan forma a sons de todo o mundo a través dos trece temas deste disco editado en formato Digipack. Árabe, flamenco, brasileiro, africano e moitas máis influencias recoñecidas neste TOTEM que marca vinte anos de andaina musical de Fran e que desde o 20 de novembro xa está dispoñible nas tendas, ademais de na rede como xa é habitual nos produtos da discográfica Falcatruada. Neste mesmo ano Narf estivo a presentar en Inglaterra as súas novas cancións, algunhas delas con letras de Xelís de Toro, Pepe Sendón e poemas doutros autores. Compositor da música de moitos espectáculos teatrais galegos e portugueses, Fran Pérez leva unha longa andaina artística como colaborador do grupo de Chévere e integrante da banda Psicofónica de Conxo, a composición e dirección musical do CD “O labirinto dos soños” e a súa participación no espectáculo “Cantos na maré”, o seu anterior disco “NARF, fran pérez directo en compostela” editouse no ano 2003.
Máis información en Falcatruada
A Orquestra Sinfónica de Melide estrea o musical “Gallaecia”
Xénero:
| 15 / 11 / 2007O Teatro Colón na Coruña, o Jofre de Ferrol e o Auditorio de Galicia en Compostela acollerán nos primeiros meses de 2008 a estrea do musical “Gallaecia” que pon en escena a Orquestra Sinfónica de Melide. Esta produción reúne nun mesmo escenario 100 artistas dedicados á música e á danza que achegarán mostras de música sinfónica, folk, popular e melódica nun mesmo espectáculo.
Máis información en La Opinión; no Diario de Ferrol, no web da Deputación da Coruña, en Galicia Hoxe; e en La Voz de Galicia; outros musicais galegos: Robin Hood e Imperial Café Cantante; máis nos nosos arquivos sobre a orquestra
O quinteto Xúa presenta o seu primeiro disco editado por Galiza Sons
Xénero:
| 14 / 11 / 2007Xúa son un quinteto novo no panorama discográfico pero os seus compoñentes son músicos de moita experiencia. Hoxe presentaron no Club Internacional de Prensa o seu primeiro disco, de nome homónimo do grupo, editado por Sons Galiza. O grupo está formado Vadim Yukhnévich (acordeón e voz), Nuria de León (voz, arpa e frautas) Ramón Feáns (bouzouki, guitarras), Pablo Pérez (baixo e contrabaixo) e Xacobe Gallego (batería). Moitos deles teñen tocado con grupos como Brath, Fía na Roca, Anubía ou Driade. A banda basea a súa filosofía sonora na nosa tradición folk sen renunciar á incorporación de sons doutras culturas ou doutros xéneros como o jazz ou o funk. O grupo dá moita importancia á voz nos seus temas e algunhas letras están inspiradas en textos de Celso Emilio Ferreiro, Lorca e Eduardo Galeano. A banda tamén trata outra das características históricas dos músicos en Galicia: a lingua do barallete. O propio nome do grupo é unha palabra do barallete, posto que significa “lume”.
Máis información en Sons Galiza
Telémaco viaxan ao centro da terra no seu segundo disco
Xénero: VIDEO + IMAXES
| 14 / 11 / 2007 +O dúo formado por Álvaro Pardo e Miguel Rulos, baixo os seus nomes artísticos Dr.Think e Mike Rolling, presentan este venres o seu segundo traballo, "Terra" (Con un par Recordings) na Sala Babel de Lugo. Co seu primeiro traballo "Outótono" (Falcatruada, 2005) percorreron gran parte de América latina e toda España. Agora co seu novo disco auto producido queren transmitir unha mensaxe telúrica de comunicación co planeta chea de sons e ambientes de "hip-jazz", "ambient" e "groove". Telémaco ofrécennos unha sesión construída a modo de viaxe ao centro da terra e articulada en tres partes: codia, manto e núcleo seguindo a senda aberta por Xulio Verne.
Celébrase en Compostela o I Certame Galego de Bandas de Música
Xénero:
| 14 / 11 / 2007O I Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará en Compostela entre o 23 e o 25 deste mes, concentrará dezasete formacións deste tipo. Ao tempo, a Consellaría de Cultura, que organiza o certame, anunciou onte o investimento de 250.000 euros en actividades de formación e de apoio a estes grupos. Destes, 80.000 euros servirán para organizar cincuenta encontros de música popular e outros 50.000 irán a promover a participación de bandas galegas en encontros no exterior.
Máis información en La Voz de Galicia
Falcatruada abre unha nova plataforma de promoción musical na rede para os seus discos
Xénero:
| 8 / 11 / 2007A discográfica coruñesa Falcatruada segue a facer da comunicación na rede un dos seus puntos de fortaleza estratéxica. A editora, que presentou recentemente o novo disco de The Homens, pon agora na rede una nova ferramenta de promoción da música dos seus artistas, Clubedixital, un novo espazo na rede no que, de xeito sinxelo, escoitar, descargar e mesmo compartir temas dos seus lanzamentos. No Clubedixital estarán as últimas novidades discográficas, e proverá de accesos á información sobre os artistas, ás novas e á tenda de Falcatruada. O clube inaugúrase hoxe co adianto en primicia das novas cancións de Narf e de Xosé Manuel Budiño, artistas que lanzarán os seus novos traballos discográficos nas vindeiras semanas.
Máis información no Clubedixital
A quinta edición do festival Castañazo Rock homenaxeará o Bravú
Xénero:
| 2 / 11 / 2007Un concerto do grupo Trifulca e unha “jam Session” na discoteca Mogay dan hoxe a saída ao recuperado festival Castañazo Rock de Chantada. Nesta quinta edición do evento organizado pola Asociación Cultural "O Castanhazo" o eixo principal da celebración xira arredor da conmemoración da creación do bravú, datada no ano 1994. O programa do Castañazo inclúe a presentación do disco “120 capadores” no que máis de vinte bandas e artistas fan unha homenaxe ao desaparecido grupo Diplomáticos de Monte-Alto. Unha mesa redonda na que participarán coñecidos músicos e xornalistas falará despois sobre a situación da música galega anterior a aparición do Bravú e de cómo este influíu no panorama musical e de outras artes, ata os nosos días. Ás 17 horas no mercado Gandeiro de Chantada inaugurarase a 1ª Feira do Disco Galego, pensada para divulgar e promocionar todos aqueles discos que viran a luz en Galicia nos derradeiros anos. Xa no eido da festa haberá feira tradicional con pulpo e churrasco, e non faltará o magosto. O gran concerto chegará á noite coas actuación de seis bandas.
Máis información no sitio de O Castañazo 2007
A Fundación Sondeseu dirixira a escola municipal de música tradicional de Vigo
Xénero:
| 2 / 11 / 2007O Concello de Vigo chegou a un convenio coa Fundación Sondeseu para separar o Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios e crear una nova escola municipal. Baixo o nome de E-Trad o novo organismo educativo municipal de ensino musical estará xestionado pola fundación dirixida por Rodrigo Romaní que será quen contrate ao profesorado. Inicialmente o E-Trad seguirá usando as dependencias da Escola de Artes e Oficios, pero a concelleira de educación, Laura López Atrio, xa avanzou que no futuro pasará a un edificio que reúna todas as escolas municipais de teatro, música e danza e que estará situado nun solar xunto ao colexio Fleming. Esta nova pecha un período de incertidume de varios meses desde que no mes de xuño una inspección de traballo constatou a ilegalidade nos contratos de nove docentes.
Máis información no Atlántico Diario e tamén no Faro de Vigo e no noso tema sobre os problemas dos conservatorios de música tradicional
O festival Womex de Sevilla contará con representación galega
Xénero:
| 23 / 10 / 2007O festival Womex, o maior que existe dedicado ás músicas do mundo, contará por primeira vez cunha representación galega. O Instituto de Artes Escénicas e Musicais e mais as asociacións profesionais desta industria achegan ao encontro un posto, representacións dunha ducia de empresas do sector, proxeccións audiovisuais e mais un CD con cancións seleccionadas desde asociacións do sector e un libro promocional, todo baixo o lema “The spirit of Finisterrae”. O evento, que se desenvolve entre o 24 e o 28 deste mes en Sevilla, inclúe tamén un concerto do grupo Marful.
Máis información no web de Cultura, web de Galiciantunes e nos nosos arquivos