Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Doce anos de vida e cambios de Pai da Cana recollidos nun só disco
Xénero:
| 18 / 12 / 2007O Grupo de Música Tradicional Pai da Cana recolle no seu novo disco, paidacana12 (Edicións do Cumio, 2007), os 12 anos de traxectoria do conxunto amosando as distintas formacións musicais que foi adoitando, así como unha parte do seu repertorio a través do que se pode percibir a súa evolución musical. O grupo, formado en 1995 na asociación cultural do mesmo nome de Poio, ten un repertorio de pezas das charangas galegas que existiron no país e mais en América dende finais do século XIX, ritmos importados coma o vals, a mazurca, a polca, a ranchera, o tango ou a rumba, que na altura se relacionaban co progreso e a modernidade, e outras pezas tradicionais arranxadas dentro desta estética musical de entreséculos que tamén levan ao seu vestiario de actuación. Na charanga de Pai da Cana a gaita e o acordeón se funden cos instrumentos propios das bandas de música como o clarinete, o saxofón, a caixa e o bombo con pratos. Forman o grupo María Vidal, Miguel Dopazo, Diego Rodríguez, Iria García, Oscar Pazos e Carlos Mouriño, baixo a dirección e arranxos de Óscar Ibáñez. O CD presentarase no Teatro Principal de Pontevedra o día 28 de decembro ás 20:30 horas, entrada libre.
Tino Baz presenta o primeiro disco en solitario da súa extensa carreira de cantor
Xénero: VIDEO
| 17 / 12 / 2007 +Cinsa namorada ( PAI Música), é o primeiro traballo discográfico en solitario do artista guardés Tino Baz, músico de longa traxectoria en grupos como A Roda ou o Orfeón Treixadura. O disco, gravado en casa de Tolos coa produción de Segundo Grandío, ten como finalidade crear un soporte sonoro da obra de Baz como autor, músico e cantor. As once pezas que compoñen este proxecto, son músicas e textos de Tino Baz xunto a un poema da escritora luguesa Marica Campo. O veterano músico Moisés Quintas asume a dirección artística de Cinsa namorada e coordina a participación dos distintos instrumentistas que interveñen no proxecto. O disco presentarase ao público o vindeiro 19 de decembro no Centro Cultural da Guarda, ás 20 horas.
Aínda non comezaron as clases de oito materias da Escola de Artes e Oficios de Vigo
Xénero:
| 14 / 12 / 2007O proceso de regularización dos profesores da Escola de Artes e Oficios de Vigo, que afectaba en boa medida ao Conservatorio de Música Tradicional, segue sen se resolver. Oito materias, entre elas algunhas coma zanfona ou requinta seguen sen iniciar a súa actividade, segundo a concelleira de Educación, “pola lentitude do proceso” de contratación. Boa parte dos alumnos, mentres, continúan con mobilizacións e protestas e temen que a solución que achegou o concello converta a escola nun conservatorio de elite.
Máis información en La Voz de Galicia; as crises dos conservatorios de música tradicional nos nosos arquivos
Ouvirmos presenta o disco de Resonet dedicado aos Cantares Gallegos de Rosalía
Xénero:
| 13 / 12 / 2007O grupo de Música Antiga Resonet fai unha nova interpretación musical de dezasete dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro tomando como punto de partida as melodías do tempo da escritora que mesmo puideron servir a esta de inspiración. Instrumentos e sonoridades que buscan trasladarnos ao contexto no que a poeta compostelá escribiu unha das súas máis famosas obras. O disco Cantares Galegos está editado pola discográfica Ouvirmos e presenta unha coidada presentación cun libreto de 88 páxinas que ofrece os poemas orixinais así como as súas traducións ao castelán – esta feita por Helena Villar Janeiro e Xesús Rábade-, inglés e francés. Resonet está dirixido por Fernando Reyes, arranxista das pezas, que creou o grupo en 1990 en Santiago de Compostela tomando o nome dunha peza do Códice Calixtino.
Kalandraka publica Orfeo e Eurídice na súa colección de ópera para nenos
Xénero:
| 13 / 12 / 2007A historia de amor e descenso á casa dos mortos entre o músico e poeta Orfeo e a ninfa Eurídice forma parte do corpus da mitoloxía grega e tamén do da música universal a través da ópera composta polo alemán Christoph Willibald Gluck e estreada en 1762. A editorial pontevedresa Kalandraka suma agora esta peza á súa colección de ópera ofrecendo o libreto da mesma adaptado a pequenos lectores e acompañado de fermosas ilustracións de Pep Montserrat e o CD con 11 cortes seleccionados da obra e interpretados por unha soprano e dúas mezzosopranos acompañadas da orquestra e coros do Drottningholm Theatre, de Estocolmo. Esta colección, que xa conta con tres títulos anteriores, é froito do traballo conxunto coa editorial catalá Hipótesi, especializada en libros de ópera.
Máis información de outros títulos da colección en MeGA
Sae ao mercado o disco de homenaxe aos Diplomáticos de Monte-Alto
Xénero:
| 5 / 12 / 2007O dobre disco no que máis de vinte bandas e artistas fan una homenaxe aos desaparecidos Diplomáticos de Monte-Alto xa está á venda na plataforma dixital Trastenda. Com e a partires da semana que ven estará nas tendas. “120 Capadores” (Falcatruada) presentouse oficialmente o pasado 2 de novembro en Chantada no marco da quinta edición do festival Castañazo Rock, no que se conmemorou de diversas formas o inicio do momento bravú en 1994. A iniciativa de Komunikando.net e do Centro Social Atreu impulsou este disco no que poden escoitarse as achegas dos míticos Rastreros de Chantada, os Festicultores, Lamatumbá ou Os Tres Trebóns, a actual banda de Xurxo Souto. No dobre disco “120 Capadores” atopamos a particular versión do Gaiteiro de Dixebra, o Castiburón dos Cuchufellos, Esta noite hei de ir aló d’O sonoro maxín e até o Subastado da Banda Potemkin, aínda que tamén as particulares revisións de Galegoz ou Safari Orquestra. Porén, o disco inclúe catro temas inéditos dos Diplomáticos ao vivo.
Os actos do centenario do himno galego terán lugar en cinco cidades simultaneamente
Xénero:
| 4 / 12 / 2007O 20 de decembro de 1907 o Gran Teatro de La Habana acolleu a estrea do Himno galego. Unha celebración que se conmemorará o próximo sábado día 8 neste mesmo teatro pero que, esta vez, se estenderá a outras cidades. No Centro de Galicia-Olivos de Bos Aires, Milladoiro e Xeito Novo ofrecerán un concerto; o Centro Galego Carrasco de Montevideo acollerá outro de Susana Seivane e Los Williams; San Salvador de Bahia, en Brasil, terá un con Uxía Senlle, Carlos Núñez e Chico César no cartel. Completa o programa a Orquestra Panorama tocando desde o Gran Marina Hotel en Barcelona. A celebración será retransmitida en directo por Televisión de Galicia.
Máis información en La Voz de Galicia e sobre o himno na nosa hemeroteca
A Compañía do Ruído prepara unha festa na rúa para gravar en directo un novo disco
Xénero:
| 28 / 11 / 2007A banda de Ribeira desembarcará o vindeiro día 8 en plena zona da movida do concello de Boiro para facer un concerto de rúa do que sairá o seu novo CD/DVD. Baixo una carpa de rúa os integrantes da ecléctica formación A Compañía do Ruído invitan a asistir de balde a este directo que quedara gravado en imaxe e música. Co nome de “A todo Punkchi!!” os once compoñentes deste divertido combo prometen festa e diversión para esta singular ocasión da que sairá o seu cuerto traballo. A festa-concerto comezará a partir das 21 horas, haberá carpa e servizo de autobús de balde entre Ribeira, Palmeira, Pobra e Boiro entre as 20 e as 24 horas.
Máis información en Komunikando
Budiño reúne influencias e colaboracións diversas nun disco con ambición universal
Xénero: IMAXES + AUDIO + VIDEO
| 26 / 11 / 2007 +Por segunda semana consecutiva a discográfica coruñesa Falcatruada pon nas tendas un disco de importancia asegurada no panorama musical. O cuarto disco do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, “Home” (Falcatruada, 2007), sae o día 27 de novembro xusto cando se cumpren dez anos da publicación do seu primeiro traballo “Paralaia” (Resistencia, 1997) e é o menos solitario dos seus traballos xa que está cheo de colaboracións de amigos como Xoel López, Deluxe, quen lle presta a voz en Ollos de Sal, Mercedes Peón, Kepa Junkera, Jorge Pardo, Paco Charlín e Antón Reixa entre outros. Nos seus dez temas “Home” preséntase como unha proposta de “World music” nacida pola influencia das múltiples viaxes e desde a música tradicional galega. O disco foi gravado nos Estudios Ardora polo propio Budiño e mesturado en casa de Tolos por Segundo Grandío e Budiño. O gaiteiro abrirá a súa xira de presentación o vindeiro 19 de xaneiro no festival Celtic Connections de Glasgow e tamén estar o vindeiro 8 de decembro na Habana para participar nos acto conmemorativos do centenario do himno galego.
NAO presenta o seu primeiro disco “As palabras espidas”
Xénero: IMAXES
| 21 / 11 / 2007 +Con dúas maquetas ben acollidas tras de si e unha presenza importante en concertos e festivais o quinteto formado na Estrada presenta agora o seu primeiro traballo discográfico “As palabras espidas” (Kamikaze Música). O disco ofrece 11 novos temas creados desde referencias rock, hardcore, metal e punk, poñendo moita importancia nas letras, en galego, que tratan de poesía, amor e revolta social. NAO gravaron este traballo durante o mes de agosto nos estudios Gárate de Andoain (Guipuzkoa) baixo a produción de Kaki Arkarazu e o disco foi masterizado nos estudios Masterispont en Madrid. Cun amplo percorrido por outras bandas como Xenreira, MDR ou A Matraca Perversa os cinco integrantes do grupo gravaron anteriormente dúas maquetas “Usa a palabra” e “Somos”, esta última foi seleccionada en febreiro de 2007 como maqueta do mes pola revista Rockzone cunha crítica moi favorable.
Maís información en Komunikando