Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Som do Galpóm: “No disco hai certas rarezas musicais nas que convén pararse un pouco e escoitalas ben”
Xénero: VIDEO + IMAXES + AUDIO
| 17 / 3 / 2009 +Em Terra de Ninguém é o título do primeiro disco de Som do Galpóm. A banda gañadora do certame Nsaio no Camiño presenta esta mesma mañá a súa aposta de fusión na que reúnen funkie, reagge e rap nuns temas combativos e que convidan á festa. Este mesmo mes comeza a xira de presentación do álbum que conta xa con vinte concertos confirmados. O vocalista do conxunto, Gael de Esteban, explícanos que podemos atopar neste álbum. No interior da noticia podes escoitar un avance do álbum.
Unhas xornadas analizan as tendencias e novidades da zanfona
Xénero:
| 13 / 3 / 2009Os cegos, os grandes cronistas das feiras, estaban sempre acompañados dunha zanfona. Un instrumento que pervive e sobre o que se fala nunhas xornadas que comezan hoxe en Narón. O Encontro coa Zanfona Contemporánea está organizado pola Central Folque e o Centro Galego de Música Popular, en colaboración co Padroado de Cultura do Concello de Narón. Concertos didácticos para escolares, obradoiros intensivos e relatorios para músicos fan parte deste programa que se desenvolve ata domingo.
Música de deseño
Xénero:
| 4 / 3 / 2009Estamos afeitos a ver nas listas de éxitos internacionais grupos creados ad hoc polas discográficas para atender a segmentos concretos de mercado. Ata o de agora, este fenómeno era descoñecido en Galicia. Pero xa está en marcha Azou, un proxecto que integra espectáculos de música e baile en directo, unha serie de animación, mercadotecnia e, por suposto, música, coa intención de chegar ao público adolescente do noso país.
Uxía gaña o premio á mellor canción en galego na XIII edición dos Premios da Música
Xénero:
| 26 / 2 / 2009Nin Deluxe nin Iván Ferreiro. Ambos os dous competían na categoría de mellor álbum de pop alternativo da XIII edición dos Premios da Música. Sen embargo, o gañador foi Vestusta Morla por Un día en el mundo, un dos grandes vencedores nesta ocasión ao conseguir os tres premios nos que era candidato. Canda ao sexteto madrileño, Amaral e Nena Daconte foron os conxuntos que máis galardóns conseguiron. No apartado de mellor canción en galego, a vencedora foi Uxía con Rumores de falúas. Os premios entregaranse o vindeiro 12 de marzo no pazo de congresos Manuel Rojas de Badaxoz.
O instrumentista Pancho Álvarez presenta Sólidos Galicianos
Xénero:
| 25 / 2 / 2009O terceiro disco do multiinstrumentista porriñés Pancho Álvarez está xa dispoñible para mercar en formato dixital, previamente á distribución do CD a través da tenda en liña de PAI Música. Sólidos Galicianos é o primeiro disco que Álvarez edita con PAI Música e nel ofrece trece pezas coas que o artistas se mergulla nos ritmos galegos para atopar diferentes sonoridades. O artista, especialista en instrumentos de corda, deuse a coñecer como violinista do grupo “Na Lúa” a comezos dos 80 formando parte despois do grupo Matto Cóngrio e da formación de acompañamento e gravación de Carlos Núñez. O seu anterior disco en solitario foi Nas Cordas, publicado en 2001 con BOA. O título deste novo traballo fai referencia a unha moedas acuñadas na época do antigo Reino de Galicia.
Santiago Auserón elixe aos dez finalistas de ACoruña Son 09
Xénero:
| 18 / 2 / 2009O certame ACoruña Son na súa segunda edición xa ten os dez finalistas para participar no obradoiro que impartirá Santiago Auserón e que finalizará coa gravación dun disco colectivo. O certame organizado polo concello coruñés ten como obxectivo fomentar, descubrir e promover novos autores e autoras de canción popular en galego. Máis de sesenta cancións presentáronse na convocatoria e, malia existir unha selección inicial a través dos votos dos internautas, as bases contemplaban que a decisión final correspondería a Santiago Auseron como director do obradoiro. Os dez proxectos musicais elixidos polo músico non foron coincidentes coas votacións na web o que levou ao músico a escribir unha carta argumentando a súa decisión, misiva na que tamén asegura que se está a construír “paso a paso un Cancioneiro que ten retranca, calidade e sabor.” “Este ano emerxe e predomina un sarcasmo novaondeiro fachendoso, mantense o abano de xéneros e as innovacións apuntadas desde o ano pasado, sobe a cota de calidade interpretativa e de composición“, asegura Auserón. Entre os nomes dos finalistas está os de Pulpiño Viascóm, Capitan Furilo ou Marisol Manfurada entre outros.
O disco Diacronías de Lizgairo gaña o VIII Premio Opinión de folk
Xénero: AUDIO
| 30 / 1 / 2009 +O xornal La Opinión ven de facer público o palmarés final da oitava edición dos premios de música folk que patrocina. O álbum Diacronías (Falcatruada, 2008) do trío Lizgairo formado por Anxo Pintos, Rodrigo Romaní e Xosé Liz acadou este ano o máximo recoñecemento en base á puntuación outorgada polos sete críticos musicais que formaban o xurado. O disco é o primeiro desta formación malia que os seus tres compoñentes son músicos de longa e consolidada traxectoria na escena folk a través de grupos como Milladoiro, Berrogüetto, Entre Trastes ou Sonde Seu, algúns deles anteriores gañadores deste premio. A só un voto deles quedou o disco Eterno navegar (Harmonia Mundi, 2008) de Uxía e algo por atrás quedou A quinta das lágrimas (PAI, 2008) de Milladoiro.
A actualidade do pop e o rock consegue un espazo na TVG co novo programa BANDA CURTA
Xénero: VIDEO + IMAXES
| 26 / 1 / 2009 +A Televisión de Galicia estreará na tarde do sábado 31 de xaneiro “BANDA CURTA”, un novo programa musical que terá como característica principal as actuacións de grupos en directo e ante público. O programa de unha hora de duración , dirixido por Alfonso pato e presentado por Luis Pardo, gravarase na sala Lp 45 de Ordes. “BANDA CURTA” nace con vocación de dar a coñecer o amplo panorama da música pop e rock en Galicia, os grupos emerxentes ou as bandas que usan da rede de locais de ensaio. Para o primeiro programa estarán actuando os vigueses The Blows e os granadinos Lori Meyers. Ademais de música en directo, en “BANDA CURTA” haberá reportaxes e entrevistas sobre todos os estilos musicais, as novidades do mercado ou a axenda de concertos.
No primeiro programa tamén haberá unha sección dedicada a saber que foi dos grupos que emerxeron coa chamada “Xeración Xabarín”, como o caso dos Heredeiros da Crus, ou unha sección chamada Adn, no que personaxes populares como Luis Piedrahita darán a coñecer os seus gustos musicais. Unha reportaxe amosará as peculiaridades de Don Ramiro, unha aldea de Lalín na que hai ata catro grupos punkies, ou o grupo Agoraphobia, xurdido no local de ensaio de Boiro, formado por catro rapazas moi novas. Polo plató do programa tamén pasará nesta ocasión Janite, fotógrafo especializado en retratar ás estrelas do rock. Este sábado ás 4 da tarde comeza na Televisión de Galicia.
Comeza a edición invernal do programa cultural Vai de Camiño
Xénero:
| 22 / 1 / 2009O programa “Vai de Camiño” 2009, organizado pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, inicia mañá venres unha nova edición, a cuarta, coa novidade da incorporación dunha programación específica para o inverno. Esta programación dá cabida a propostas artísticas adaptadas aos espazos cubertos dispoñibles nos concellos polos que transcorren as diversas rutas xacobeas. A oferta constará basicamente de grupos de danza, canción de autor e concertos de pequeno formato. Lugo, Ribadeo e Ferrol acollen esta fin de semana as primeiras actuacións a cargo do grupo de danza contemporánea “Thomas Noone Dance”. Tomarán parte da programación de inverno compañías de danza como Nova Galega de Danza e novos intérpretes como Andrés Suárez, Samuel Leví ou Roberto Sobrado, que contarán co apoio dun amplo abano de artistas consagrados neste xénero como Xoán Rubia, Xoán Eiriz, María Manuela, Miro Casavella, Joaquín Lera ou Xurxo Mares, entre outros.
Quiosco: Música ao Vivo
Xénero:
| 21 / 1 / 2009Chega o Girl Power. As mulleres toman o mando no pop, rock e o hip hop nos últimos proxectos musicais do país. Esta é a reportaxe central do último número de Música ao vivo, a revista de Agadic que se distribúe de balde nos locais da Rede Galega de Música ao Vivo. A rapeira Aíd; Isa Cea, baixista de Triángulo de Amor Bizarro; Efi Arias de Fanny+Alexander son algunhas das protagonistas deste número que tamén fala de La Fábrica de Chocolate e de Sugar Mountain ademais de recuperar en imaxes os mellores concertos do 2008.