lg3
inicio» lg3»  criticas» Ensaio e Investigación 

CRÍTICAS SOBRE Ensaio e Investigación / 84

SOBRE O LIBRO "DA ARQUEOLOXíA AO SOñO POPULAR"
Arqueoloxía e mercadoceltia
As ideas que sobre os celtas se achegan actualmente á sociedade proceden de campos moi diversos, este libro encauzado a análise a través do estudo de tres ámbitos chaves desde onde acostumamos recibir información sobre os celtas: a Investigación, a Educación e a Divulgación, a visión paixonal dos celtas e o celtismo fóra da academia. O libro de Ana Ibarra non é só unha excelente crítica historiográfica senón un ensio sociolóxico.


SOBRE O LIBRO "A VIDA COTIá NA GALICIA ROMANA"
Galaicos á romana
Neste traballo faise un percorrido polos aspectos da vida diaria da Galicia romana. Os protagonistas son as xentes da época, a partir do estudo de elementos do seu día a día como: a dieta, o adorno persoal, a vestimenta, os oficios, a vivenda, os xogos, a morte… Esta liña de traballo procura recuperar as comunidades e mailo individuo como protagonistas do devalar histórico co gallo de achegar á sociedade do presente experiencias cercanas da xente do pasado.


SOBRE O LIBRO "EPISODIOS DE TERROR"
Pegadas na illa
Este libro inserido na recuperación da memoria histórica do golpe de Estado de 1936 e a represión que o seguíu durante décadas, recrea os terribles momentos dos paseos e dos paseadores; o papel dos militares; unha visión sobre os campos de concentración en Galicia, cunha descrición detallada de San Simón; o papel da Igrexa católica; a solidariedade do pobo; a reparación dos danos morais con esta mesma recuperación da historia tal e como foi.


SOBRE O LIBRO "ARTE E PARTE. DOS PATRIARCAS á ARTE SUICIDA"
Arte con parte
Dun xeito ameno, rigoroso e heterodoxo, o autor parte da experiencia literaria para repensar o carácter da arte contemporánea, a realidade social, política e artística da Galicia de hoxe. Borrazás obriga á reflexión, a proporse puntos de vista diversos sobre realidades nas que todos, en maior ou menor medida, temos unha opinión formada, xerando opinión neste sistema diverso que é o literario, e contribuíndo a que, desmitifiquemos a literatura, os escritores, os políticos e Galiza enteira.


SOBRE O LIBRO "A GALICIA CELTA"
Celtas con filtro
Foi Galicia un país celta? No século XIX o celtismo serviu de base para a construción da identidade galega. Progresivamente desprestixiado ao longo do século XX, nos últimos tempos novas liñas de investigación teñen actualizado o seu estudo. Esta de Antonio Balboa é unha obra de referencia para un primeiro achegamento a esta controvertida etapa do noso pasado constituíndo un bo estado da cuestión do coñecemento actual da materia.


SOBRE O LIBRO "ANOS DE ODIO. GOLPE, REPRESIóN E GUERRA CIVIL NA PROVINCIA DA CORUñA (1936-1939)"
Democracia asasinada
Este estudo feito coa documentación do arquivo do Exército de Terra en Ferrol, onde se almacenan as causas militares que se instruíron contra os defensores do goberno republicano na provincia da Coruña amosa as cifras e as acusacións que os propios represores manexaron no seu momento. Debúxase con elas un plano elaborado e frío para espallar o medo e asentar o golpe de estado en Galicia. Engádese para descarga a base de datos das Causas Militares pertencentes á Xurisdicción da terra entre xullo de 1936 e 1939 da provincia da Coruña.


SOBRE O LIBRO "CULTURA POPULAR E IMAXINARIO SOCIAL EN GALICIA"
Novas portas ao pasado
Unha obra que contribúe a un mellor e máis plural coñecemento das realidades galegas no decorrer histórico. Se a maioría dos historiadores da cultura centra o seu interese no estudo dos elementos que deron vida á particular imaxe do mundo das minorías que se expresaban por escrito este líbro trata de recuperar o protagonismo que correspondería á acción cultural do campesiñado e as clases populares urbanas na sociedade galega entre 1480 e 1900.


SOBRE O LIBRO "O EXILIO GALEGO DE 1936: POLíTICA, SOCIEDADE, ITINERARIOS"
Colofón do Ano da Memoria
Recóllese neste volume unha ampla escolma dos relatorios e comunicacións presentados ao congreso internacional que tivo lugar en Santiago nos finais do mes de setembro do 2001. Os traballos abordan a metodoloxía e as pautas a seguir nos estudos sobre o exilio, a política do exilio, a figura do exiliado galego por antonomasia, Castelao, os destinos do exilio, onde sobresae o continente americano, a literatura, as artes plásticas, o xornalismo, a música, o teatro e o ensino.


SOBRE O LIBRO "GRAVADOS RUPESTRES NOS MONTES DE CARNOTA"
Unha lección de humildade desde a humildade
O canteiro José Cernadas percorre 30 grupos de diferentes gravados rupestres presentes nos montes de Carnota e explica, de forma sucinta e accesible, o mínimo imprescindible que se debe saber para visualizar e entender as figuras e a presenza dos petróglifos. Unha obra que supón un fito en canto a publicacións de temática arqueolóxica e que non debería pasar desapercibida.


SOBRE O LIBRO "REPúBLICA E REPUBLICANOS EN GALICIA"
Biografía dunha convicción política
En 2006 conmemorouse o 70 aniversario do fin dunha época de esperanza e o comezo da Longa noite de Pedra. Foron moitos os estudos, máis ou menos científicos, que afondaron nas causas e consecuencias da experiencia republicana dos anos trinta. A crise económica, as disputas entre os diferentes sectores da sociedade, o empurre do obreirismo, as influenzas políticas foráneas —comunismo stalinista e fascismos europeos— foron temas analizados á hora de pescudar sobre o devir histórico da II República Española.


SOBRE O LIBRO "LABREGOS NO FRANQUISMO"
O réxime no agro
Unha ollada sobre a interacción entre o campesiñado galego e a ditadura de Franco, un tema que apenas ten sido exposto desde o ámbito da Historia, baleiro que ven a encher en parte este traballo.


SOBRE O LIBRO "O OUTRO RíO. A EMIGRACIóN GALEGA A RíO DE XANEIRO"
O Río que nos levou
Gustavo Hervella analiza as claves deste traballo de investigación sobre emigración que recentemente protagonizou un incidente ao ser considerado o mesmo co que a autora gañou o XI Premio Vicente Risco de Ciencias Sociales e incumprir así unha das bases do certame, séndolle retirado o devandito galardón. Nas numerosas achegas ao tema migratorio, Brasil como destino de galegos non fóra reflectido ata agora coa intensidade adecuada á importancia que presenta no cómputo de desprazamentos á outra beira do Atlántico.


SOBRE O LIBRO "O SUXEITO POSMODERNO. ENTRE A ESTéTICA E O CONSUMO"
Amplo espectro: entre a comunicación e a filosofía
Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2005, combinación de achegas de disciplinas científicas coma a neurobioloxía co alento especulativo e filosófico, O suxeito posmoderno aborda cuestións estreitamente relacionadas coa sociedade contemporánea. Baceiredo busca con ambición dar conta completa do mundo da experiencia desde o biolóxico até o estético e o moral.


SOBRE O LIBRO "OS MONTES VECIñAIS EN MAN COMúN"
O monte é noso, ou non?
Os montes veciñais en man común ocupan en torno ás 700.000 hectáreas da superficie de Galicia. Este tema, que tórnase en actualidade polos acontecemento, estúdase neste volume interdisciplinar de Historia e Economía. O seu pasado, presente e futuro.


SOBRE O LIBRO "SOBERANíA E SANTUARIOS NA GALICIA CASTREXA"
Correndo riscos
Unha aproximación á cultura castrexa que rompe con moitas das ideas preestablecidas e ofrece unha perspectiva sorprendente. Unha achega valente, pero non exenta de polémica debido aos constantes encontros entre as distintas correntes de estudo da arqueoloxía.


SOBRE O LIBRO "OBREIROS ALéN MAR"
As ideas que viaxaron en barco
Estudo da actividade laboral e sindical desenvolvida polos inmigrantes hispano-galaicos, fundamentalmente mariñeiros e fogoneiros, en New York durante o primeiro terzo do século XX. A actividade desenvolvida por estes obreiros nun período destacado de inmigración nos Estados Unidos queda aquí perfectamente reflectida enfrontándose ó tema migratorio desde outra perspectiva.


SOBRE O LIBRO "O REI ARTUR MITO E REALIDADE"
Guía das paisaxes artúricas
O mito do rei Artur é unha das máis vizosas creacións da cultura europea. Neste didáctico libro téntase deslindar o que nel hai de realidade histórica e o que ten de narrativa lendaria.


SOBRE O LIBRO "O BARCO E A TERRA DE VALDEORRAS DURANTE A II REPúBLICA E O FRANQUISMO (1931-1977)"
Lugar único, tempo común
Unha obra que toma como punto referencial o antes e o despois de xullo de 1936, primeiro no tempo de esperanza da II República e, despois, no estudo dos feitos criminais impulsados polos alzados en armas contra a legalidade constitucional. Unha fase da historia compartida que agora é estudada a través da óptica local.


SOBRE O LIBRO "LIQUIDACIóN DE EXISTENCIAS"
Liquidación de existencias
O poeta Estevo Creus fai unha crítica de aproximación ao libro de aforismos de Marcos Lorenzo. Do libro di que é un "libro todo", onde todo cabe, un libro sen forma xa que o mesmo libro é forma.


SOBRE O LIBRO "O ORBALLO DA IGUALDADE"
Loitadoras
Estudo que aborda aspectos relacionados coas asociacións que constituíron as mulleres coruñesas desde finais do século XIX ata 1936, dividindo a atención entre a actividade da muller proletaria e a da muller burguesa. Este traballo consegue achegarnos a mulleres anónimas, que loitaban, incluso sen sabelo, polos seus dereitos de xeito individual e enfrontándose moitas das veces á indiferenza e incluso á mofa dos que se consideraban “demócratas, republicanos ou socialistas”. Con traballos como este demóstrase que a historia local ben tratada e analizada, serve para comprender algo máis do devir dunha comunidade.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal