Estudo que aborda aspectos relacionados coas asociacións que constituíron as mulleres coruñesas desde finais do século XIX ata 1936, dividindo a atención entre a actividade da muller proletaria e a da muller burguesa. Este traballo consegue achegarnos a mulleres anónimas, que loitaban, incluso sen sabelo, polos seus dereitos de xeito individual e enfrontándose moitas das veces á indiferenza e incluso á mofa dos que se consideraban “demócratas, republicanos ou socialistas”. Con traballos como este demóstrase que a historia local ben tratada e analizada, serve para comprender algo máis do devir dunha comunidade.
9 / 1 / 2006
Gustavo Hervella. Santiago
A editorial Baia publica un deses ensaios que por evidente, non logramos entender como era posible que non estivera xa realizado. Desde os anos sesenta en que se puxo de moda a análise da historia do movemento obreiro, foron moitos os traballos que pescudaron en fábricas, asociacións, movementos sociais e incluso entre os protagonistas dos feitos as causas de todo o proceso de emancipación e busca da liberdade por parte do denominado, en terminoloxía marxista, proletariado. Sen embargo, incluso esta filosofía que propugnou desde o século XIX a busca da liberalización total da persoa, tiña unha eiva, a muller non era tratada como un elo máis da cadea de produción capitalista, quedando relegada a ser o apoio do home, do elemento masculino. A través do traballo que temos a oportunidade de comentar agora, confirmamos este papel secundario, pero só á vista dos protagonistas. En perspectiva histórica, as mulleres foron moito máis que meras comparsas dos seu maridos, pais ou fillos; protagonizaron actos de protesta como folgas ou manifestacións co atranco engadido de pertencer ao mal chamado “sexo débil”.
A Coruña obreira
A Coruña, unha cidade republicana e liberal desde principios da centuria, estaba composta por unha burguesía librepensadora e moderna, que chegou a tocar altas cotas de poder –nomeadamente, e entre outros, Santiago Casares Quiroga foi presidente do goberno da II República en 1936-, pero que sen embargo vivía de costas á realidade social, que tiña como destacados protagonistas ós obreiros do porto, das fábricas, da construción ou do mar, e por baixo as mulleres, actrices dunha epopea social e loitadoras incansables ante unha sociedade que non as comprendía. Os autores amosan cruamente estes e outros feitos neste estudo, a través dunha investigación minuciosa nos xornais, nas actas das asociacións, nos estatutos dos partidos ou nos libros de rexistro das factorías nas que traballaban. Pero non só atenden a aquelas que tiñan unha consciencia de clase aínda que por mimetismo cos seus compañeiros, tamén ás augadoras, leiteiras, criadas, lavandeiras ou as traballadoras do macelo, a unha masa non definida e anónima que pululaba pola cidade pero que era invisible para os seus coetáneos. Aquí é onde radica o mérito do libro, en saber achegarnos a mulleres anónimas, que loitaban, incluso sen sabelo, polos seus dereitos de xeito individual e enfrontándose moitas das veces á indiferenza e incluso á mofa dos que se consideraban “demócratas, republicanos ou socialistas”. A loita que as lavandeiras mantiveron ao longo de meses contra a súa precaria situación e ó mesmo tempo, enfrontándose á prensa e incluso aos sindicalistas constitúe un bo exemplo dos atrancos que tiveron que superar no día a día.
As mulleres protagonistas dunha epopea
O libro analiza en primeiro lugar ás femias que loitaron pola igualdade e na defensa do seu traballo desde as organizacións sindicais. Logo presenta os movementos políticos nos que participaron, republicanismo, comunismo, socialismo e feminismo, para rematar coa presentación dunhas biografías que nos dan a coñecer a algunha destas mulleres. Esta división non só fai referencia á estrutura do libro, tamén establece as diferenzas patentes entre cada grupo de presión. Así, as causas de mobilización esgrimidas polas primeiras atendían fundamentalmente á mellora das súas condicións laborais e aumento de salarios. As segundas, sobre todo as que protagonizan os procesos feministas eran, paradoxalmente, as mesmas que criticaban ás primeiras por algunha das súas protestas, nomeadamente as demandeiras e as lavandeiras.
Evidentemente estamos ante unha loita de clases que atende máis ben a procesos luddistas de mediados do XIX que ás novas formas de loita típicas xa do primeiro terzo do XX, como ben sinalan Romero Masiá e Pereira Martínez. Aínda así, destacan as cigarreiras lideradas por Severino Chacón, as tecedeiras, as traballadoras das fábricas, as criadas, as lavandeiras ou as porteiras. Colectivos de operarias que actuaban en solitario ou adscritas a algún sindicato, ben socialista –UGT- ben anarquista –CNT-. O enfrontamento establecíase non só cos patróns, tamén entre os diferentes grupos segundo pertencesen a unha ou outra agrupación. Como podemos apreciar, nisto tampouco se diferenciaban do elemento masculino. Sen embargo, o significativo era que a dirección de calquera agrupación feminina de clase estaba encabezada por un home, ó igual que os restantes postos de decisión. O movemento de emancipación estaba aínda en cueiros, pero non só dentro da loita obreira. As feministas asinaban nas súas xuntanzas co apelido do seu marido, o que tamén indica claramente o grado de submisión e dependencia que existía nunha cidade de provincias na España da época. Madrid ou Barcelona, e por suposto Europa, eran outra cousa.
Para rematar, botamos en falla a análise dun grupo social importante polo número e pola presenza en determinados ámbitos económicos, o das prostitutas. Supoñemos que non protagonizaron movementos de emancipación como os sinalados aquí, pero si que tiñan un peso importante na economía dunha cidade con porto como é A Coruña.
Con traballos como este demóstrase que a historia local ben tratada e analizada, serve para comprender algo máis do devir dunha comunidade. As causas, os atrancos, as consignas, as formas de loita e moitas das veces o éxito ou fracaso da mobilización social protagonizada por estas mulleres, segue a mesma liña de actuación que a levada a cabo noutras latitudes. Recuperar a memoria histórica a través de traballos de xénero é imprescindible para poñernos ó día como sociedade. A partires de agora os que a fagan que atendan non ó sexo dos actores e si á súa actuación.