Primeiro premio Historia Medieval de Galicia 2004- é unha síntese de todos os traballos arqueolóxicos que se fixeron en Galicia ata agora arredor dunha fase tradicionalmente "escura" e pouco estudada, a que engloba dende os momentos finais do Imperio Romano ata o agromar da Alta Idade Media, pasando polos Reinos Xermánicos, e que na bibliografía científica actual é nomeada como Tardoantigüidade. Pero este traballo non é só unha síntese, senón que tamén presenta unha nova análise do rexistro arqueolóxico destas épocas.
19 / 12 / 2005
Jorge Guitián. Ames
Un ano máis a Editorial Toxosoutos cumpre coa cita autoimposta e presenta o traballo que obtivo o Premio de Historia Medieval de Galicia, nesta caso na súa edición do 2004. Aínda que fora soamente pola excepcionalidade da convocatoria este esforzo editorial merecería unha ollada pausada mais, atendendo estritamente ós contidos á marxe das circunstancias da súa aparición, o traballo presenta elementos máis que sobrados para resultar interesante por si mesmo. Atopamos neste volume unha investigación rigorosa e de enfoques novidosos materializada grazas a unha iniciativa cultural de primeira magnitude que está a dinamizar o excesivamente tranquilo mundo da investigación histórica antiga e medieval no noso pais.
Cando hai algúns anos coñecemos a aparición dun premio de investigación histórica medieval moitos, incluído quen asina, pensamos que nos atopábamos ante unha iniciativa feliz pero destinada a desaparecer despois das primeiras edicións. Afortunadamente, e contra todo prognóstico, o premio non so segue vivo –ven de presentarse o pasado sábado 17 de decembro o traballo gañado da edición deste ano 2005- senón que está a proporcionar traballos dunha calidade e unha diversidade moi por encima do que cabería agardar nun principio. Resulta especialmente de agradecer o esforzo da editorial e dos convocantes do premio por publicar o traballo gañador tan pronto como resulta posible o que permite que o lector teña acceso ós datos poucos meses despois de que estes foran presentados no ámbito investigador e académico.
Tal é o caso do traballo de Álvaro Rodríguez Resino, que aborda un período da nosa historia escuro, difícil polas características das fontes e pola escaseza das mesmas e ó que se lle ten prestado menos atención da que sen dúbida merece. Nese territorio complexo da transición, no que os límites entre a tardoantigüidade e a alta idade media se confunden e se entrecruzan, nesa etapa histórica na que o substrato indíxena perde forza fronte ó peso aplastante da romanización e esta, ó seu tempo, comeza retroceder mesturándose cun cristianismo agromante e cunha nova estrutura social é no que o presente traballo centra a súa atención, tratando de aportar novos elementos que axuden a trazar unha visión máis ampla dos acontecementos e da súa sucesión.
Desde esta intención, e despois de facer unha exposición da súa metodoloxía e unha introdución histórica concisa, Rodríguez Resino acude ás fontes arqueolóxicas como o elemento fundamental no que sustentar a súa argumentación. Neste enfoque metodolóxico, novidoso no campo cronolóxico do que se ocupa, é no que radica o principal interese do traballo. É certo que desde os traballos xa clásicos de Chamoso Lamas nas Torres de Oeste, en Iria ou na Catedral de Santiago, se lle prestou unha certa atención ós elementos arqueolóxicos como fonte para os estudos históricos arredor da alta idade media, pero a metodoloxía arqueolóxica non deixaba de aparecer como un elemento auxiliar do estudo puramente histórico, que atopaba nas fontes documentais ou na análise das estruturas arquitectónicas conservadas, os seus piares fundamentais.
Neste caso, ó contrario do que viña sendo habitual, a arqueoloxía é a fonte fundamental dos datos empregados e a análise comparativa dos diferentes xacementos coetáneos aporta novos elementos para a comprensión deste complexo período da nosa historia. Deste xeito, por vez primeira nos atopamos cun traballo destas características no que xacemento a xacemento, dun xeito pormenorizado, vanse analizando os emprazamentos que aparecen espallados por todo o territorio galego, a estratigrafía e os achados relativos á cultura material, compilando un corpus de datos de enorme valor por si mesmos e como elemento dunha análise global mais ampla.
Carácter funerario
É, por outra banda, a propia metodoloxía a que condiciona a novidade que supón a segunda parte do traballo, probablemente a máis interesante. Ó centrarse na análise arqueolóxica dos xacementos coñecidos o autor vese limitado polo tipo de achados que nestes se teñen feito. Dado que na meirande parte dos casos se trata de necrópoles, tanto relacionadas con estruturas arquitectónicas relixiosas ou urbanas como illadas, o corpus fundamental dos datos aparece relacionados con enterramentos de diferentes tipos, polo que o traballo podería considerarse basicamente unha análise da nosa alta idade media baseado nas estruturas e achados de carácter funerario.
Esta casualidade imposta en certa medida pola elección da metodoloxía de estudo, lonxe de prexudicar ós resultados do traballo, resulta enormemente enriquecedora, xa que ó tempo que lle permite ó autor establecer unha perspectiva global do período fai que o presente apareza como o primeiro traballo que nos ofrece unha visión completa do mundo funerario altomedieval galego. Existían estudos semellantes centrados na análise das necrópoles prehistóricas e na interpretación das súas estruturas arquitectónicas, do mesmo xeito que existen interesantes investigacións que abordan esta temática ó longo da baixa idade media, a época moderna e a etapa contemporánea. A investigación de Álvaro Rodríguez ven encher un baleiro historiográfico dificilmente explicable e normaliza en certa medida unha situación que, afortunadamente, parece comezar a mudar nos últimos anos.
Posteriormente o autor estabelece unha clasificación sistematizada dos tipos de asentamento no período obxecto do seu estudo. Deste xeito, e sempre baseándose nas fontes arqueolóxicas, reúne elementos para esbozar unha imaxe de cómo se vive e como se morre na Galicia altomedieval. As formas de asentamento, o xeito no que o home se sitúa na paisaxe, din moito sobre unha sociedade, do mesmo xeito que as formas de enterramento, os rituais, as estruturas e os enxovais, din moito sobre aspectos relixiosos e metafísicos desa sociedade, pero tamén aportan datos decisivos sobre a súa cultura cotiá, a súa economía ou a súa estratificación.
Partindo destes datos Rodríguez Resino esboza unha estrutura social e urbana que, con orixes na tradición tardorromana, vai evolucionando a través da acción dos elementos xermánicos chegados coas sucesivas vagas que se asentan no territorio e acaba por conformar un sistema de inserción no territorio baseado en grandes capitais, asentamentos medios e pequenas vilas espalladas, do que o noso sistema de parroquias e comarcas segue a ser herdeiro directo.
Deste xeito, o período histórico que podemos situar arredor dos séculos V e VI, no que a romanización aparece xa suficientemente desagregada como para permitir a evolución cara novas formas e estruturas sociais, aparece como unha fase decisiva para a conformación da Galicia que, transformándose ó longo dos séculos sobre este esqueleto, mantense ata os nosos días. Convén, xa que logo, ir desbotando as vellas teorías que facían da alta idade media un período bárbaro de desorde e de retroceso e asumir unha nova ollada a eses elementos arqueolóxicos que poden aportar novos datos para comprender esta etapa histórica de Galicia como mais enriquecedora e probablemente menos traumática do que nos ensinaron a todos na escola.
Pero á marxe dos elementos puramente investigadores o gran atractivo deste traballo para o público non especializado, para aqueles lectores con interese por coñecer o período sen afondar en pormenores históricos ou en detalles arqueolóxicos de carácter técnico, é a importante nómina de xacementos que se estudan, moitos deles visitables e de libre acceso. En certa medida, o traballo pode empregarse como unha guía de campo para coñecer sobre o terreo unha etapa histórica que semella tan escura e inaccesible pero que podemos ver, percorrer e tocar en lugares como a igrexa de Moraime (Muxia), en Adro Vello (O Grove) ou en Augas Santas (Allariz), unha forma de achegarse á historia do país sen dúbida moito mais interesante que aqueles enfoques tradicionais limitados a enumeración de datos e datas. Despois de visitar algúns dos xacementos escollidos por Álvaro Rodríguez a lectura resulta moito mais enriquecedora e, moi probablemente, a nosa perspectiva histórica terá sufrido unha transformación radical.