Puntuación: 2.4/5 (98 votos)
Desde hai uns anos son cada vez máis frecuentes os estudos sobre diversos aspectos das actividades femininas, nun amplo abano no que se poden observar os máis diferentes enfoques. Con esta achega, os autores pretenden facer a súa contribución ao avance e maior coñecemento deste tipo de colectivos, que tanto contribuíron ao desenvolvemento económico e social, e aos que non se Iles ten prestado a debida atención e investigación.
As mulleres coruñesas, paseniñamente, sen facer demasiado ruído, como a choiva do orballo que vai caendo até mollar, e mesmo empapar, loitaron desde distintas frontes para ir acurtando as distancias que as separaban dos homes nos ámbitos laborais, salariais e políticos ao longo do primeiro terzo do século XX, unha esperanzadora traxectoria que quedou truncada en 1936. Ao longo das páxinas que seguen poden atoparse numerosos exemplos desta loita, case silenciosa unhas veces, pero tamén sonora e combativa outras, e que permiten complementar e matizar as visións máis panorámicas ela- boradas por historiadores como G. Brey, E. Garrido, M. González Probados, D. Pereira ou J. Ma Palomares.
O presente estudo aborda aspectos relacionados coas asociacións que constituíron as mulleres coruñesas desde finais do século XIX até 1936, centrando a súa atención en dous campos diferenciados: a actividade da muller proletaria e a da muller burguesa; a primeira no campo do traballo e da organización sindical, e a segunda no ámbito das organizacións de corte máis político e benéfico-cultural. Non quere dicir isto que se trate de dous ámbitos excluíntes nin pechados para unhas e outras, senón que se aprecia claramente a diferente condición social das integrantes de cada unha das organizacións ana- lizadas e incluídas en cada un dos grandes campos de estudo. Os autores queren advertir que a súa atención e investigación está centrada nos colectivos de carácter progresista, entendendo que os de filiación conservadora, especialmente os de carácter político que actuaron durante a II República, xa teñen sido estudados polo historiador Emilio Grandío.
A Coruña destacou, como non podía ser menos pola súa composición socioeconómica e ideolóxica, na fundación de organizacións sindicais nas que as mulleres foron o seu elemento básico, cando non exclusivo, tanto no mundo do traballo -nas fábricas, no porto, no servizo doméstico como en organizacións políticas e feministas. O simple listado destas organizacións pode sorprender ao lector e á lectora que non coñeza a dinámica e traxectoria desta cidade que sempre se distinguiu polo seu liberalismo e republicanismo, ademais de contar con destacados defensores do laicismo, librepensamento e masonaría, sen esquecer a potente organización sindical na que pugnaban as principais ideoloxías -anarquismo e socialismo- por atraerse ao maior número de traballadores ás súas filas.
[Fragmento da Presentación]