Unha aproximación á cultura castrexa que rompe con moitas das ideas preestablecidas e ofrece unha perspectiva sorprendente. Unha achega valente, pero non exenta de polémica debido aos constantes encontros entre as distintas correntes de estudo da arqueoloxía.
14 / 7 / 2006
Jorge Guitián. Ames
Nos anos setenta e comezos dos oitenta do pasado século a investigación arqueolóxica e prehistórica en Galicia coñeceu un momento de efervescencia, condicionado probablemente por unha tardía aproximación do noso mundo universitario a correntes teóricas e interpretativas xurdidas en Europa nos anos anteriores, que aínda hoxe, máis de dúas décadas despois, segue sen ser superado. Segundo avanzaba a década dos oitenta a comunidade investigadora galega pareceu acomodarse, en liñas xerais, nos presupostos desenvolvidos nos anos anteriores e adoptar unha postura basicamente continuista que ralentizou notablemente o ritmo das achegas.
Esta actitude, que contou con honrosas aínda que non demasiado frecuentes excepcións, veuse combinada, posteriormente, cunha política de xestión do patrimonio, e máis en concreto do patrimonio arqueolóxico, que hoxe, desde a perspectiva que unha certa distancia cronolóxica nos confire, podemos cualificar sen medo como tráxica. O papel das institucións competentes nese sentido, mediante a cancelación de series de publicacións e a través dunha xestión lamentable de datos, materiais e recursos, resultou decisivo para a conformación do que xa se adxectivou nalgún momento como a década de chumbo da arqueoloxía galega.
Por fortuna, da a sensación de que algo está a mudar no panorama arqueolóxico galego nos últimos tempos. E non so no relativo ós obvios cambios na xestión institucional, que por si mesmos supuxeron un factor dinamizador de primeira magnitude, senón porque, ó mesmo tempo, o ámbito investigador parece estar entrando nunha fase moito máis activa que a precedente. E o primeiro cambio identificable parece estar na aparición de posicionamentos interpretativos que cuestionan e reinterpretan o precedente. Por primeira vez en décadas está a romperse o monolitismo imperante para propoñer novas vías de investigación e novos elementos para o debate.
Nesta liña de vocación renovadora é na que temos que entender o traballo de Marco V. García Quintela, un autor especializado na análise do mundo clásico que ofrece aquí unha hipótese de traballo enormemente arriscada polo que ten de novidoso. A súa aproximación a determinados aspectos da cultura castrexa rompe sen prexuízos con moitas das ideas preestablecidas e ofrece unha perspectiva sorprendente. Non podemos esquecer que, como o autor sinala reiteradamente, o que pretende este traballo é “lanzar buscas a partir de inicios moi tenues, fráxiles e discutibles” antes que ofrecer interpretacións definitivas, pero os resultados desas sondaxes resultan verosímiles.
Aínda así, convén non deixar de ter en conta que, como dicía un ilustre docente compostelán, en ciencias históricas e moi especialmente en arqueoloxía, dúas máis dúas non sempre son catro, aínda que ás veces si. Nin esa certeza temos. Porque en arqueoloxía trabállase a partir de restos fragmentarios, do coñecemento parcial dunha parte non demasiado grande da cultura material da sociedade que se está a estudar da que non temos, por si co anterior non abondase, fontes escritas directas. E porque non se pode deixar de ter en conta que calquera análise está a ser desenvolvida desde a nosa perspectiva cultural, cos vicios, cos prexuízos e cos tabús que esta impón.
Deste xeito, traballos como o de Quintela supoñen unha achega valente ó estudo da cultura castrexa. Valente, pero non por iso exenta de elementos para a polémica. O peso desta investigación reside na análise de diferentes tradicións identificadas en distintas zonas de Europa, no estudo de fontes escritas de diversa procedencia, pero calquera historiador sabe das réplicas que se lle poden facer a priori a esta metodoloxía e dos riscos que entraña como elemento instrumental. Á marxe de que o seu emprego descanse, ademais, en presupostos teóricos de partida que, no caso de ser erróneos, condicionarían todo o discurso posterior.
E neste caso os presupostos teóricos do autor enmárcanse no que poderíamos denominar, para entendernos, como corrente proceltista. Non se trata de desacreditar aquí –non é este o lugar- este ou calquera outro postulado de base, pero si de sinalar que mentres unha parte dos investigadores galegos aceptan estes supostos como punto de partida do seu traballo, outra parte non menos significativa mantense abertamente escéptica ante os mesmos e, xa que logo, gardaría certa prevención ante as orixes do complexo entramado teórico no que se sustenta este traballo. Como tampouco podemos deixar de ter en conta que os paralelismos formais ou estilísticos –en arte, en literatura ou en calquera outra disciplina-, por suxirintes que nos parezan, non sempre responden ós mesmos condicionantes de base e, xa que logo, non sempre teñen demasiada utilidade. Son, moitas veces, armas de dobre fío que convén empregar con precaución.
Malia todo o anteriormente exposto, o traballo de García Quintela supón un importante esforzo dinamizador baseado no estudo pormenorizado das fontes escritas e de diferentes tradicións culturais. Só por iso o libro xa merecería unha lectura. Pero do mesmo xeito que o estudo presenta un loable afán enciclopédico conta con outros elementos que non escapan á controversia. Probablemente o mais polémico sexa o capítulo centrado na análise de determinados gravados prehistóricos. Non é a primeira vez que este autor, e outros cos que colabora habitualmente, como Santos Estévez, Parcero Oubiña ou Criado Boado, cuestionan a cronoloxía comunmente aceptada para a arte rupestre galega, o que non ten nada de malo en si mesmo, antes ó contrario. O problema xorde cando esta reinterpretación, ademais de romper co aceptado pola meirande parte dos investigadores, faino baseándose en elementos non sempre suficientemente contrastados e parece adaptarse a esquemas interpretativos establecidos con anterioridade.
Porque iso é o que atopamos no capítulo referente á arte rupestre. Se a hipótese que ofrecemos parte dunha cronoloxía dubidosa os nosos resultados serán, cando menos, dubidosos. E respecto ós petróglifos podomorfos galegos pouco é o que podemos afirmar con certeza, e moito máis respecto á súa cronoloxía. Polo carácter sumario destas representacións, polo súa escaseza no territorio galego, polas contaminacións culturais que teñen sufrido ó longo da historia poucos son os elementos fiables que nos poden achegar para empregalos como base do noso entramado teórico. E se os alicerces conceptuais son febles, o edificio que se constrúa sobre eles corre o risco de desmoronarse, por moito que resulte atractivo a primeira vista.
Pero se combinamos esta feble certeza en relación coa cronoloxía cun único caso recollido no folclore galego que parece afacerse á hipótese proposta, as conclusións corren o risco de resultar dobremente febles. Porque en Galicia, que conta cun riquísimo acervo folclórico relacionado coa arte rupestre, recollido e analizado reiteradamente por distintos autores, como Bouza Brey e Cuevillas, Xaquín Lorenzo, Reboredo, Alonso, Llinares ou Aparicio, entre outros, un único caso non resulta especialmente significativo. Porque fronte a centos de lendas de mouros, mouras, tesouros, galiñas e pitos de ouro, pegadas do apóstolo, do cabaleiro Roldán ou de santos diversos so un caso, de orixe pouco clara, parece acomodarse á interpretación que propón Marco V. García.
Non se trata de desmontar ou referendar aquí as hipóteses verquidas polo traballo, senón de recomendar ou non a súa lectura. E neste caso, coas prevencións sinaladas e sempre desde un posicionamento crítico, o libro resulta unha lectura enriquecedora, como mostra das novas tendencias interpretativas na arqueoloxía galega, como elemento nunha polémica que volve, unha vez máis, estar de plena actualidade e como base de datos para futuras aproximacións ó tema. Porque teño a certeza de que este non quedou esgotado co presente traballo, que lonxe de pechar o tema abre novas portas, novos debates e, sen dúbida, novas polémicas, o cal, como elemento dinamizador, non deixa de ser unha boa nova.