Puntuación: 2.4/5 (47 votos)
Neste ensaio histórico preséntanse argumentos para sustentar dúas teses estreitamente imbricadas. Por unha banda amósase a existencia na Gallaecia prerromana dunha ideoloxía da realeza, ou da soberanía, semellante á difundida no conxunto do mundo celta na antigüidade. Testemuños heteroxéneos como son as noticias sobre o xefe lusitano Viriato, ou certos elementos do folclore galego moderno forman, á luz do método comparativo aplicado no libro, parte desa construción asemade social e ideolóxica.
Por outra banda proponse o exame dunha serie de sitios arqueolóxicos formados basicamente por petroglifos que consideramos operativos entre os galaicos prerromanos, aínda que posiblemente teñen raíces anteriores, en consonancia con tantos santuarios rurais ou extraurbanos coñecidos ao longo do mundo Mediterráneo.
Estas dúas ideas implican o contemplar as formas tanto sociais como arqueolóxicas da Idade do Ferro en Galicia máis alá dos castros. Estamos pois ante unha sociedade complexa e articulada cunhas formas relixiosas polimorfas que, en certos casos, mudan ao longo do proceso histórico para constituír o fundamento de segmentos do folclore actual ou, incluso, da tradición xacobea.
[Contracapa do libro]