Unha obra que contribúe a un mellor e máis plural coñecemento das realidades galegas no decorrer histórico. Se a maioría dos historiadores da cultura centra o seu interese no estudo dos elementos que deron vida á particular imaxe do mundo das minorías que se expresaban por escrito este líbro trata de recuperar o protagonismo que correspondería á acción cultural do campesiñado e as clases populares urbanas na sociedade galega entre 1480 e 1900.
11 / 6 / 2007
Juan Luis Pintos. Santiago
O título do escrito correspóndese co contido que vén definido en cinco capítulos de desigual extensión, pero cada un interesante en por si. Neles abórdase de modo coherente unha visión renovada acerca da “cultura” galega desde unha perspectiva histórica. Estúdase principalmente a época moderna (SS. XV a XIX) que vincula o Antigo Réxime e a Ilustración.
No capitulo primeiro avánzase a discusión que se abordará en capítulos posteriores acerca do que se considera “cultura popular”, non só na vertente de estratificación clasista (dominantes e dominados) senón tamén na diferenciación campesiño/urbano. Introdúcese o novo concepto de “Imaxinario Social” a partir do cal faise unha lectura diferente da habitual no campo historiográfico.
Veñen despois tres capítulos transversais, un sobre a Galicia rural e a autoconfiguración da súa cultura ao longo de catro séculos (C. 2). O capítulo central constitúeo un seguimento cronolóxico da importancia do tratamento da morte como eixo en torno ao cal organízanse diferentes elementos culturais cotiáns (C.3). No seguinte capítulo profúndase no problema da oralidade da cultura e a necesidade de complementar as fontes da investigación histórica cuns tipos de documentos non moi valorados ata agora (C.4). Péchase o escrito cunha investigación brillante sobre a construción histórica do imaxinario de María Pita no ámbito urbano da Coruña.
O nivel de escritura da obra é o de divulgación rigorosa e accesible a un ideal “lector medio interesado polas cousas de Galicia”. Obvia as discusións eruditas coas posicións contrarias á súa que cimenta con múltiples referencias ás investigacións realizadas no último decenio. Penso que o tema que aborda e tal como se aborda é moi relevante e espero que suscite discusión desde outras perspectivas distintas da do autor.
O texto acompáñase dalgunhas ilustracións interesantes provenientes de “La ilustración gallega y asturiana” e de “Estampas de Galicia” recuperando así unhas imaxes tradicionais esquecidas case sempre polos medios electrónicos tan seducidos por unha actualidade cambiante. Sería un tanto crítico coa presentación da bibliografía pois xera confusión o pór a inicial do nome antes do apelido. Así mesmo habería que mellorar os mapas de procedencia dos contos con algunhas indicacións de nomes xeográficos. En resumo, paréceme unha obra que contribúe moi dignamente a un mellor e máis plural coñecemento das realidades galegas no decorrer histórico.