Ata hoxe, o interese da maioría dos historiadores da cultura en Galicia centrouse no estudo dos elementos que deron vida á particular imaxe do mundo das minorías que se expresaban por escrito. Por iso, en moitas ocasións, esta adoita ser presentada como a única realidade cultural do noso pasado. Poucos prestaron, pois, atención ao coñecemento das claves culturais das clases populares, en boa medida, porque moitas delas foron de natureza oral e non deixaron tras si unha pegada documental apreciable. Isto non significa, porén, que a imaxe do mundo desas clases populares non existise ou non tivese unha presenza e forza real no devir histórico de Galicia. Este líbro trata de recuperar o protagonismo que correspondería á acción cultural do campesiñado e as clases populares urbanas na sociedade galega entre 1480 e 1900. [Contracapa do libro]